Guía para a produción de leite de vaca en ecolóxico

A demanda de leite ecolóxico está a incrementar o número de ganderías que se incorporan a este sistema. Resumo do relatorio de Ernesto Sánchez-Salgado, técnico do CRAEGA, nas xornadas que ven de celebrar o sindicato Unións Agrarias en Lalín.

Guía para a produción de leite de vaca en ecolóxico

Vacas da gandería en ecolóxico de Xosé Luis Segade (Arzúa)

A produción de leite en ecolóxico está a revelarse como un nicho interesante para cada vez máis explotacións de gando vacún. A alta demanda deste produto tanto en España como en Europa, superior á oferta; a suba de prezos que está a experimentar trala entrada de Leche Celta no sector e a idoneidade de Galicia para esta produción, animan as boas perspectivas. Entre os principais obstáculos, segue habendo prexuízos no sector cara un tipo de produción á que se sole asociar inxustificadamente co “atraso”.

Para ofrecer unha información fiable e amosar as perspectivas favorables deste sector o pasado venres celebráronse en Lalín as primeiras Xornadas de Produción Ecolóxica en vacún de leite, organizadas polo sindicato Unións Agrarias.

Nelas, Ernesto Sánchez-Salgado, técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) fixo unha introdución á gandería ecolóxica para informar sobre os principais aspectos deste tipo de produción, que ven regulada polo Regulamento CE 889 / 2008.

Período de conversión entre unha explotación convencional e unha ecolóxica

Terras de cultivo:

-O período de conversión para as terras de cultivo -incluídas pradeiras permanentes- dunha explotación que está en convencional pero quere pasarse a ecolóxico é de dous anos.

-O período de conversión comeza a contar dende o momento en que chega ao CRAEGA a solicitude de certificación.

-O período poderase reducir se as parcelas xa se converteran ou estean en curso de converterse á agricultura ecolóxica.

-Ademais, non será necesario este período de conversión para terreos naturais que non fosen tratados con produtos non permitidos na produción ecolóxica. É dicir, se roturo un terreo forestal ou a mato para convertelo en terra de cultivo ou pradeira non sería necesario o período de conversión e pasaría automáticamente a ecolóxico.

Gando:

-Para o gando o período de conversión é de 6 meses. É dicir, durante os primeiros 18 meses do período de conversión a alimentación das vacas poderá seguir facéndose totalmente en convencional pero os últimos 6 meses deberá ser íntegramente en ecolóxico. Isto faise así, para que a explotación teña tempo de lograr os cultivos en ecolóxico cos que alimentar a súa cabana gandeira.

-En caso de que merque os animais nunha explotación en ecolóxico non precisarían de período de conversión.

-Se unha explotación en ecolóxico merca vacas ou xovencas dunha en convencional, deberán pasar un período de conversión de 6 meses.

Como fertilizo os cultivos en agricultura ecolóxica?

A fertilidade dos cultivos deberá manterse mediante:

-Rotación de cultivos adecuada (leguminosas, abono verde, …)

-Pódese incorporar esterco e xurro de ganderías de produción ecolóxica e calquera outro material orgánico (estrume do monte, palla…etc).

-En canto á carga gandeira, non se poderán superar os 170 kg./N/Ha./ano. Se o gandeiro non chega a ese límite poderá aportar esterco ou xurro doutras explotacións gandeiras en ecolóxico, sempre sen superar o máximo autorizado.

-Tamén se podería empregar xurro ou esterco dunha granxa en convencional, pero tería que proceder dunha gandería en extensivo ou en semiextensivo e tería que estar o esterco compostado e o purín ter algún tratamento de estabilización. Sempre estaría limitada a cantidade en función de carga gandeira da explotación. É dicir, se a explotación gandeira ten por debaixo de 2 UGM por hectárea esa diferencia é a que se podería incorporar a maiores.

-A fosa de xurro debe estar ben dimensionada. O xurro da sala de muxido non ten porque ir separado do da corte.

-Permítese utilizar abonos minerais, os produtos recollidos no Anexo I R(CE) nº 889/2008).

-As sementes ou o material de reprodución vexetativa deberá ser de produción ecolóxica, tanto para as pradeiras como para o millo. Algúns agricultores o que fan é gardar a súa propia semente dun ano para outro.

-Pódese cultivar millo forraxeiro, coas mesmas limitacións que en convencional, en canto á porcentaxe de superficie de cultivo.

-Malas herbas: non hai ningún produto herbicida autorizado en produción ecolóxica. Hai que recorrer a control mecánico (binado no caso do millo), sobrepastoreo ou á rotación de cultivos.

– Todo o que se produza na explotación, incluído a forraxe ou os xatos cebados, pódese vender como ecolóxico se está certificado.

Alimentación do gando

-As vacas deberán facer pastoreo, o que converte a xestión dos pastos no piar da explotación. O 60% da materia seca que consuman as vacas deberán ser pastos ou forraxes. No pico de lactación permítese que baixe a porcentaxe de forraxe ata o 50%.

-Nos meses de invernía pódese xustificar que os animais permanezan estabulados un período de tempo, -o normal son dous meses- para evitar que estraguen os pastos enlamados. Teñen que contar cuns currais exteriores para facer exercicio.

-Pódese utilizar penso -é opcional-, que deberá estar certificado como ecolóxico. Actualmente en Galicia as principais empresas que os elaboran neste momento son Avega e Campoastur.

-Pódese empregar silo de millo na alimentación do gando, sempre que este sexa cultivado en ecolóxico.

-Loxicamente, tamén se pode utilizar silo de herba.

Que tratamentos sanitarios lle podo aplicar ás vacas?

-Como medicamentos veterinarios permítese o uso da fitoterapia, homeopatía e de produtos alopáticos.

-Permítense un máximo de 3 tratamentos veterinarios en convencional por vaca e ano. Por exemplo, permítese o uso de antibióticos para o secado, que contarían como un destes tratamentos permitidos. Nestes casos deberá duplicarse o período de supresión (mín. 48 horas) establecido para cada medicamento.

Se hai que tratar máis de 3 meses a un animal con medicamentos convencionais, tería que pasar un período de conversión de 6 meses e a súa produción non se podería tratar como ecolóxica.

-As vacinas e o uso de antiparasitarios non está limitado, ao igual en que en convencional.

-Está prohibido o emprego de hormonas, promotores do crecemento e hormonas de control da reprodución.

-No muxido pódense utilizar os mesmos produtos de hixiene que en convencional, aínda que xa comeza a haber oferta de produtos ecolóxicos.

-Pódense facer os mesmos tratamentos podolóxicos que en convencional: recortes de cascos….etc.

Que razas de gando podo utilizar?

-A normativa di que deberán ser razas adaptadas ao medio, sen especificar. Cada gandeiro en función do seu sistema de manexo (se dormen fora ou non, se é totalmente extensivo ou semiextensivo) deberá elixir a raza que mellor se adapte, buscando certo grao de rusticidade.

Así, hai explotacións de vacún de leite en ecolóxico que utilizan a raza Holstein, pero cunha estirpe máis rústica, mentres que outras optan por razas como a Montbelier, a Jersey ou a Normanda. A tendencia é a utilizar hibridacións de Holstein con distintas razas para manter o nivel de produción pero incorporando características de rusticidade que hoxe a Holstein non presenta. O gandeiro ten que adaptar o tipo de vaca ao tipo de manexo.

Condicións do establo:

-Ao igual que en convencional, os aloxamentos deberán responder ás necesidades etolóxicas das vacas. É dicir, dispor de currais, zonas de exercicio, zonas para durmir con cama…etc.

-A zona emparrillada non debe superar o 50% da superficie (cuberta do establo).

-Os materiais de cama poden proceder do monte ou de produción convencional (area, goma..etc)

Contratos e prezo do leite

Durante o período de conversión a industria láctea sole ofrecerlle un sobreprezo, unha prima, ao gandeiro. Os contratos tamén solen ter maior duración, como mínimo de dous anos para os gandeiros que están en conversión e dun ano para os que xa están en ecolóxico.

En canto aos prezos, a aposta de Leche Celta polo leite en ecolóxico introduciu competencia nun sector ata o de agora estaba dominado por Lactalis. De media, os gandeiros cobran o leite ecolóxico entre 15 e 17 céntimos máis por litro que os que están en convencional, aínda que nos últimos meses subiu o diferencial ata os 20 céntimos.

Como funciona a alta na agricultura ecolóxica?

Para solicitar a alta no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), é preciso enviar unha solicitude de certificación. Unha vez recibida , o persoal do CRAEGA realizan unha auditoría. A continuación, esta pasa por un comité de certificación que resolverá a solicitude de inscrición no CRAEGA de forma positiva ou negativa.

Para contactar co C.R.A.E.GA.

Edifiio Multiusos
Circunvalación s/n
27400 – MONFORTE DE LEMOS (LUGO)
Tel.: 982 405300
Fax: 982 416530
Web: www.craega.es
E-mail: ernesto@craega.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información