A produción láctea segue a medrar en relación ás entregas da pasada campaña. En xaneiro, o aumento medio das entregas en España situouse de novo por riba do 6%, se ben en Galicia a suba da produción foi menor, do 3,2 %. Os prezos medios en España baixaron 0,3 céntimos, ata situarse en 30,8 céntimos, en tanto que en Galicia mantéñense as cotizacións de decembro, 28,8 céntimos, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria.
Por comunidades, Andalucía é a que máis aumentou as entregas de leite en relación a xaneiro do 2015, cunha suba do 12,5%, en tanto Cataluña situouse no 8% e Castilla y León no 7% de incremento. Galicia é a comunidade que máis aumentou as entregas en toneladas, 7.000 máis que o mesmo mes do ano pasado, pero en porcentaxe quédase no 3,2 %.
O peso do leite de Galicia no conxunto do Estado baixa do 38% e quédase no 37,7%. En canto ás calidades do leite, a comunidade lidera os datos de graxa a nivel estatal, cun 3,84 fronte á media española de 3,72. En proteína, Galicia está en 3,24, preto da media de 3,26.
Intervención
O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) recibiu por primeira vez nas últimas seis campañas unha oferta para intervención pública de leite en po desnatado. Serán 243 toneladas, que se intervirán ó prezo fixo de 1.698 euros por tonelada.
En Europa, xa se levan intervidas esta campaña 44.000 toneladas de leite en po desnatado, se ben é un instrumento que a industria láctea española non se decidira a utilizar a pesar da saturación do mercado. O sector reclama desde o pasado ano unha suba dos prezos de intervención pública para posibilitar a saída de máis leite do mercado.