GAEC Des Sentiers, unha gandería bretona cun custo de alimentación de 11 céntimos por litro de leite

Esta explotación de 130 vacas en produción, xurdida no 2006 da unión de tres ganderías familiares, trata de abaratar ao máximo os custos a base de dar herba verde ás vacas e producir os seus propios cereais. O benestar animal e a redución de emisións son outros dos seus obxectivos para “avanzar en sintonía coa sociedade”

De esquerda a dereita: Laurent, Michel, Sara e Serge, na nave de produción da gandería

De esquerda a dereita: Laurent, Michel, Sara e Serge, na nave de vacas en produción da gandería

En zonas como a Bretaña francesa as explotacións leiteiras están a desandar o camiño andado en décadas anteriores, o da intensificación produtiva, o mesmo que seguen aínda hoxe a maioría das ganderías de leite galegas. 

GAEC Des Sentiers dá tres veces menos penso que a media habitual en Galicia e logra con isto que o custo de alimentación por litro de leite sexa de só 11 céntimos, a metade que en moitas granxas galegas. “Hai que diversificar para gañar máis”, din. 

Ubicada en La Charpenterie, na comuna de Coësmes, pertencente ao departamento francés de Ille et Vilaine, un dos catro que forman a rexión da Bretaña, o Grupo de Agricultores en Común (GAEC) Des Sentiers está formado por tres familias que decidiron asociarse e xuntar o seu gando.

A figura dos GAEC, baixo a que operan unha de cada tres explotacións bretonas, sería o equivalente ás SATs galegas

Os tres socios actuais, Laurent Cherruault, Serge Tramhel e Michel Gadby,  tomaron o relevo dos seus pais nas súas respectivas ganderías familiares no ano 1989, 1994 e 1997 e no 2006 decidiron xuntarse nun GAEC de segunda xeración en busca de maior eficiencia produtiva e calidade de vida. Atenden a granxa os tres, sen man de obra contratada, e libran unha fin de semana cada tres cunha semana de vacacións ao ano.

Asegurar o relevo xeracional

Unha das súas principais preocupacións de cara ao futuro é asegurar o relevo xeracional na explotación a medida que eles tres se achegan á idade de xubilación (Michel ten 58 anos, Laurent 55 e Serge 52).

 “Estamos nun período de reflexión sobre o futuro da explotación. Nun prazo dun ano ou dous como moito teremos que tomar unha decisión: ou ben optar pola robotización ou por un cambio nas dinámicas de traballo”, asegura Serge.

En Bretaña a día de hoxe por cada tres xubilacións da actividade agraria tan só se produce unha nova incorporación

El ten un fillo de 24 anos que traballa nunha empresa de servizos e que estudou na Maison Familiale Rurale (MFR), unha entidade asociativa de carácter formativo no eido agrario que opera en toda Bretaña con 30 centros educativos.

Podería ser quen se fixese cargo da explotación de cara ao futuro pero cunha configuración distinta da actual. “En Bretaña neste momento hai 3 xubilacións por cada incorporación á actividade agraria. O sector evolucionará cara a granxas más grandes robotizadas ou atendidas por persoal asalariado”, considera Serge.

130 vacas en produción e 205 hectáreas de superficie

Sementan 50 hectáreas de millo para alimentación do gando e 70 de trigo para vender

Sementan 50 hectáreas de millo para alimentación do gando e 70 de trigo para vender

A explotación conta neste momento con 230 cabezas totais, das que 150 son vacas adultas (130 en produción) e o resto xovencas e becerras de recría. Para alimentalas contan con 205 hectáreas de superficie, nas que cultivan millo (50 ha), trigo (70 ha), colza (26 ha), cebada (8 ha) e trevo violeta (4 ha) e o resto, unhas 40 hectáreas, mantéñenas a pradeira cunha mestura de raigrás inglés e trevo branco.

Polo seu tamaño en canto a número de cabezas e superficie podería considerarse unha explotación media estándar a día de hoxe en Bretaña

As vacas secas e a recría saen a fóra e para as vacas en produción fanlles carro mesturador con silo de millo, grao húmido, colza e soia. Ao longo do día séganlles tamén herba verde nas praderias para botarlles no pasillo de alimentación durante tres meses en primavera e 2 meses no outono (de marzo a xuño e de finais de setembro a decembro).

“A calidade do leite mellora notablemente, os perfís de ácidos graxos son diferentes, varían coa herba fresca, e para o sistema metabólico do animal a herba verde tamén é fantástica”, explican. O resto do ano suplen a herba verde con silo de herba na ración unifeed.

Cruces de frisona con normanda

GAEC Des Sentiers (Bretaña) cruce normanda

Empregan seme sexado e poñen un 30% de cruces cárnicos con azul belga para rendibilizar os xatos

Para mellorar a calidade do leite, pero sobre todo a fecundidade, fan cruzamentos F1 de frisona con normanda. “Deste xeito as taxas de reprodución son mellores”, asegura Michel, que é quen se encarga da inseminación. Utilizan seme sexado nas primeirizas e poñen un 30% de cruces cárnicos con azul belga para incrementar os ingresos pola venda de becerros.

A lonxevidade media por vaca é de 2,8 lactacións

A organización do traballo fai que entren en distintos horarios en función dos turnos da sala de muxido. O responsable do muxido é Laurent e os horarios están fixados para as 5 da mañá e as 5 da tarde. No día a día o primeiro sempre é muxir e atender a recría, e despois a alimentación do gando e os traballos agrarios en función do momento da campaña.

Forman parte dunha CUMA, pero o 80% dos traballos fanos eles mesmos con maquinaria propia, agás a recollida de forraxe e botar o purín, para o que botan man dos servizos do grupo de maquinaria compartida.

Cobran o leite a 42 céntimos

Fan a recría na propia granxa, cunha alimentación a base de cereais nas fases iniciais e con pasto unha vez preñadas

Recrían as xatas na propia granxa, alimentadas a base de cereais nas fases iniciais e con pasto unha vez preñadas

 A produción total da granxa sitúase en 1 millón de litros de leite ao ano, que facturan a través da cooperativa Agrial, a gran cooperativa da Bretaña, formada por uns 14.000 socios. Sen embargo, o destino final do leite é a planta de ingredientes lácteos que a multinacional francesa Lactalis ten en Retiers, situada a uns 4 km da granxa, e na que se procesan 1,2 millóns de litros de leite ao día.

Teñen un contrato que os vincula coa cooperativa Agrial e que se renova cada 5 anos, pero o leite vai para a maior planta que Lactalis ten en Europa, situada a 4 km da granxa

O prezo ao que cobran o leite actualmente está fixado en 40,5 céntimos de prezo base cun 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína, que coas primas por calidades, benestar e medio ambiente resulta en 42 céntimos de prezo final.

Desde a desaparición das cotas lácteas no ano 2015 teñen asinado un contrato que os compromete coa cooperativa e que se renova cada 5 anos. Nel fíxase a produción e os prezos, negociados a nivel global, pero que flutúan en función da evolución do mercado.

Produción diferenciada e diversificación

Forman parte dunha CUMA pero o 80% dos traballos agrarios fanos eles mesmos

Forman parte dunha CUMA pero o 80% dos traballos agrarios fanos eles mesmos

A cooperativa Agrial demanda aos seus membros unha produción diferenciada e GAEC Des Sentiers está comprometida con lograr leite con omega3 e omega6, por iso comezaron de novo a dar herba verde ás vacas. “O perfil de ácidos graxos naturais do leite varía”, explican.

Somos conscientes de que non temos dereito a producir cousas que o mercado non demanda

“Somos conscientes de que non temos dereito a producir cousas que o mercado non demanda e nós tratamos de adaptarnos permanentemente ás demandas do consumidor”, di Serge, aínda que matiza a continuación que “é necesario buscar un punto de equilibrio entre esas demandas da industria e da sociedade e a rendibilidade económica da granxa”.

Unha das estratexias que Serge, Laurent e Michel seguen para aumentar a rendibilidade da explotación, ademais de reducir os custos de alimentación do gando, é a de diversificar os ingresos. Nas súas 205 hectáreas de superficie sementan cereais e forraxes para alimentar o seu gando, pero tamén para poder vender os excedentes de materias primas ao mercado en función da cotización semanal nas lonxas de Rouen, Dunkerke, La Pallice ou Burdeos. No seu caso, venden sobre todo trigo.

Os altos prezos de venda dos cereais compensan o estancamento do prezo de venda do leite

O prezo neste momento é alto, tanto que moitas ganderías desta zona da Bretaña, que linda xa con Normandía, están a sacrificar a produción de leite en favor da de cereais como o trigo, o millo ou a cebada e de oleaxinosas como a colza. “Este foi un ano con moita seca na primavera”, explica Serge. Na Bretaña o regadío non é tan habitual coma noutras zonas. Eles contan tan só cunhas 20 hectáreas adicadas a millo.

28 litros por vaca e día con 3,5 quilos de penso

Moxen ás 5 da mañá e ás 5 da tarde

Moxen ás 5 da mañá e ás 5 da tarde nunha sala de 16 puntos

En GAEC Des Sentiers non miran tanto os litros por cabeza como a marxe por litro de leite. A produción anual por vaca sitúase en 9.000 litros, cunha media de entre 27 e 28 litros diarios. Para lograr esa produción, tan só empregan 3,5 quilos de concentrado na ración e un quilo máis que dan como suplemento tan só ás vacas máis produtoras. “É o único que mercamos, o resto producímolo todo nós e logramos con iso un custo de alimentación de tan só 11 céntimos en litro”, detallan.

Hai 10 anos estabamos nunha dinámica moito máis intensiva, pero a suba do prezo do penso fíxonos reflexionar

“Poderiamos aumentar a media de produción por animal por riba dos 9.000 litros a base de dar máis penso, pero non é rendible. Fai 10 anos estabamos nunha dinámica distinta, moito máis intensiva, con máis produción pero a base de dar máis concentrado, porque era máis barato, pero a suba do seu prezo fíxonos reflexionar”, asegura Serge.  

Presión social en aumento

As vacas secas próximas ao parto están en cama quente de palla e as de produción en cubículo de colchoneta

As vacas secas próximas ao parto están en cama quente de palla e as de produción en cubículo de colchoneta

Ademais do aumento do prezo do penso, a reconversión da granxa nos últimos anos cara a un modelo menos intensivo está tamén motivada, recoñecen, “pola crecente presión por parte da cidadanía, con maior conciencia ecolóxica e de defensa do benestar animal”.

Os agricultores e gandeiros temos que escoitar ao consumidor e despois buscar un equilibrio entre as súas demandas e a rendibilidade da granxa

“Existe presión social sobre as producións agrarias. A poboación, sobre todo dos ámbitos urbanos, busca granxas máis sostibles e nós, os agricultores e gandeiros, temos que escoitar ao consumidor”, di Serge.

Buscar o equilibrio entre sustentabilidade e rendibilidade

Un letreiro á entrada da granxa anuncia tamén que a explotación forma parte do programa estatal para a redución da pegada de carbono da gandería francesa e a mellora do benestar animal é outro dos eixes do seu traballo diario.

Como a maioría dos establos en Bretaña, a estrutura da nave está construída en madeira e GAEC Des Sentiers forma parte do programa estatal francés para a redución da pegada de carbono na gandería

A última reforma das instalacións tivo lugar no ano 2007 e as camas das vacas en produción son de colchoneta con carbonato e sal como secante. As vacas secas e a recría están en cama quente de palla, pero nos cubículos de lactación decidiron deixar de usar palla para lograr un purín máis homoxéneo que facilite a distribución. “A aplicación de puríns mediante prato ou abanico está prohibida e tan só poden empregarse sistemas de inxectores ou tubos colgantes”, detallan.

Limitacións ao nitróxeno

Fosa de purín da explotación. En Bretaña a maioría son redondas

Fosa de purín da explotación. En Bretaña a maioría son redondas

“Aquí toda granxa ten que ter un plan de distribución de puríns e estercos, está regulamentado a nivel do departamento porque aínda que a norma nacional é a mesma, a aplicación rexional e departamental ten diferenzas e particularidades”, explica Serge. 

Un dos condicionantes que as ganderías francesas teñen para incrementar a súa produción de leite é a normativa que limita a utilización de nitróxeno, tanto de orixe química como orgánica, nas terras de cultivo e pradeiras.

En aplicación da Directiva europea de Nitratos de 1991 e dos distintos programas rexionais aprobados desde entón, os gandeiros bretóns non poden empregar, de media, máis de 170 kg de nitróxeno de orixe animal por hectárea, con 220 kg como límite máximo para o conxunto da explotación tendo en conta as emendas químicas.

Poden utilizarse 220 unidades totais de nitróxeno por hectárea, das que como máximo 170 poderán ser de orixe orgánico e 50 de orixe químico

É obrigatorio ademais, levar un rexistro actualizado dentro do caderno de fertilización e as ganderías deben efectuar unha declaración anual do número de animais, e polo tanto das unidades de nitróxeno orgánico xeradas, así como das compras de fertilizante químico.

“Aquí preocúpanse máis por ser sustentables, non lles importa tanto producir, como pasa en Galicia”

Un letreiro á entrada da granxa informa de que forma parte do programa francés de redución de emisións

Un letreiro á entrada da granxa informa do programa francés de redución da pegada de carbono

Sara González é unha moza de Curtis que está a estudar na EFA Fonteboa e vén de pasar unha estancia formativa de tres semanas nesta granxa bretona. Da súa experiencia destaca que “as ganderías en Bretaña preocúpanse máis pola sustentabilidade ca nós e non están tan centradas na produción de leite como o estamos en Galicia”.  

Sara ten vacas na casa, unhas 40 de leite entre frisonas e cruce con azul belga, e outras 15 de carne, de raza limusín. A explotación, que está a nome do seu avó Emilio, está na aldea da Cabana, na parroquia de Fisteus, e emprega un sistema de manexo en pastoreo para a alimentación e moxe aínda en circuito. 

Os meus pais decidiron no seu día non seguir coa granxa pero quero collela eu dentro de dous anos

Sara ten pensado tomar o relevo en canto acabe de estudar. “Os meus pais decidiron no seu día non seguir coa granxa pero quero collela eu dentro de dous anos, cando acabe de estudar e colla algo de experiencia”, di. 

Ten pensado construír novas instalacións e modernizar o muxido instalando un robot pero quere valorar antes as distintas opcións e estancias como a que a levou a Francia sérvenlle “para ver outras realidades”. “Coñecer outras explotacións permíteche decidirte polo modelo de granxa que mellor se adapta ás condicións de produción que tes”, afirma.

Programas de intercambio

Bretaña MFR JanzéGAEC Des Sentiers participa todos os anos nun programa de recepción de estudantes estranxeiros impulsado pola MFR de Janzé ao amparo dos programas europeos Erasmus+. Serge era a primeira vez que recibía na súa granxa a un estudante procedente de Galicia e salienta o alto nivel mostrado por Sara.

Pon en valor a importancia que as Maisons Familiales teñen na Bretaña, como centros de formación de referencia cunha vinculación clara co territorio. Funcionan como entidades asociativas nas que participan os propios gandeiros e agricultores da zona, que fan unha labor de acompañamento dos mozos e mozas na súa formación.

Ademais de gandeiro, Serge Tramhel é o responsable do sindicato de agricultores da zona e o presidente da MFR de Janzé

Serge é unha persoa moi activa na defensa do mundo rural e é tamén o responsable do sindicato de agricultores da zona. Historicamente, os produtores bretóns involucráronse colectivamente na defensa dos seus intereses e na posta en marcha de proxectos que redunden no desenvolvemento do territorio. “Somos capaces de participar na vida política e de aportar a nosa visión do modelo a construír para o mañá. A agricultura é unha das actividades máis relevantes en Bretaña e aínda o será máis no futuro. Vistos os acontecementos actuais a raíz da pandemia e da guerra en Ucraína demostrouse unha actividade esencial para a nosa independencia alimentaria”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información