A Fédération nationale des producteurs de lait (FNPL) é a principal asociación de produtores de leite de Francia. Agrupa ao redor do 70% das granxas e tamén o 70% da produción de leite do país galo, o primeiro produtor de leite da Unión Europea, cuns 24 millóns de toneladas -a produción española é de 7,5 millóns de toneladas- e preto de 70.000 explotacións.
Hoxe e mañá a entidade celebra no concello coruñés de Teo unha reunión da súa xunta directiva, que periódicamente trasladan a unha rexión produtora da Unión Europea. Neste caso elixiron Galicia pola súa similitude con moitas rexións do arco atlántico francés e para ver como os gandeiros galegos se están adaptando ao cambio climático. Asi, ademáis de visitar granxas e industrias lácteas, teñen previsto reunirse con representantes da Consellería do Medio Rural e de organizacións agrarias.
Falamos con Thierry Roquefeuil, gandeiro de vacún de leite no departamento francés do Lot e presidente da FNPL.
Que é a Fédération nationale deas producteurs de lait e cal é o seu grao de representatividade dentro do sector?
A FNPL está presente en todos os departamentos franceses que teñen relevancia na produción de leite, a través das asociacións provinciais. Podemos dicir que representamos ao redor do 70% dos produtores de leite de Francia e tamén a mesma porcentaxe en produción. Estamos presentes nos órganos representativos do sector a nivel nacional e europeo, polo que somos un axente clave para os poderes públicos.
Por que elixistes Galicia para celebrar a vosa asemblea xeral?
Cada tres anos o consello de administración celebra unha reunión fóra de Francia nunha rexión con importancia na produción de leite -Galicia é a oitava rexión europea en produción de leite de vaca- e decidimos este ano celebrala en Galicia pola súa importancia produtora, as súas similitudes con outras rexións leiteiras de Francia como Bretaña e tamén para ver in situ como se están adaptando os produtores galegos ao cambio climático.
Ademais, o goberno de España vai asumir en xullo a presidencia de quenda da Unión Europea e queremos coñecer cales son as súas propostas para o sector, de aí que nos reunamos tamén con representantes da Xunta de Galicia e tamén da embaixada de Francia en España.
Que destacarías da conxuntura do sector lácteo en Francia para os produtores?
O que máis nos afectou aos produtores de leite foi a inflacción, co consecuente aumento dos prezos dos fertilizantes, da enerxía ou dos salarios. O 2022 podemos concluír que non foi un bo ano para as gandarías de leite en Francia xa que non puidemos repercutir no prezo do leite os incrementos dos custos de produción. Desta forma, asistimos a peches de granxas en Bretaña ou Normandía, que en moitos casos decidiron pasarse ao cultivo de cereais por resultarlles máis rendible. É algo que nos preocupa porque consideramos que a soberanía alimentaria é crucial para calquera país e se matén a tendencia está en perigo.
O prezo medio do leite en Francia neste momento está en 0,43 euros o litro, por baixo da media europea.
Francia é un dos países europeos nos que máis baixou a produción de leite en 2022, sobre un 1%, a que se debe? mantense esta tendencia en 2023?
A causa foi que o prezo do leite estivo baixo e non resultou rendible incrementar a produción. Debemos ter en conta tamén que temos un problema grave de falta de man de obra e de remuda xeracional: Case o 50% dos produtores de leite franceses vanse a xubilar nos próximos 10 anos.
Cales son as previsións de prezos e rendibilidade para os produtores de leite franceses en 2023?
Temos o obxectivo de finalizar este ano cun prezo medio de 0,50 euros o litro, se a evolución do prezo do leite en po e da manteiga nolo permiten. Debemos ter en conta que ao redor do 40% do leite francés -transformado en produtos lácteos- destínase á exportación, polo os prezos no mercado internacional repercútennos no prezo en orixe.
“O 2022 foi un mal ano para os produtores debido á inflacción”
Cales son os principais desafíos que se presentan neste momento para os produtores de leite en Francia?
Como dixen, o relevo xeracional, logrando que o sector resulte atractivo para os mozos, e iso pasa porque os prezos do leite sexan rendibles.
Tamén destacaría como desafío os efectos do cambio climático. Os expertos aseguran que a temperatura media que está a haber neste momento 500 quilómetros ao sur de onde nos atopamos será a que teñamos en 20230, por iso decidimos celebrar esta reunión en Galicia.
Unha queixa recorrente dos produtores de leite en Galicia e en España é que os contratos lácteos e os prezos fíxaos unilateralmente a industria. Sucede o mesmo en Francia?
Non exactamente. Nos últimos anos temos avanzado moito na interprofesional láctea para lograr unha cadea láctea sustentable, empezando polo produtor. Desta forma, chegamos a un punto de equilibrio no que o prezo do leite para a industria e a distribución non pode estar desconectado da situación do mercado de produtos lácteos pero ao mesmo tempo tamén se deben ter en conta os custos de produción dos gandeiros.
Precisamente, Francia foi hai uns anos un referente en lexislación pioneira en Europa para garantir a sustentabilidade da cadea de valor, implicando tamén á distribución. Como está a situación neste momento?
O balance global do acordo alcanzado fai tres anos é positivo pero en 2022 enfrontámonos a unha situación inesperada: A inflacción subiu en Francia sobre un 9% e a lei francesa -a coñecida como Lei Egalim- non é o suficientemente áxil como para adaptarse á evolución do mercado, de forma que en España ou Alemaña os prezos para os produtores foron superiores.
Esperamos que esta situación se vai corrixir no prezo medios de 2023 e 2024, de forma que compensemos un 2022 difícil
O mercado lácteo é cada vez máis global. Están os produtores europeos perdendo competitividade fronte ás grandes granxas de Estados Unidos ou Nova Zelandia?
O problema é cando a Unión Europea aproba acordos comerciais con terceiros países de forma que se permite a entrada de produtos lácteos con pouca ou nula capacidade para comprobar se cumpren as mesmas esixencias ambientais, de benestar animal e de calidade sanitaria que os produtos europeos.
O próximo ano está previsto que se celebren eleccións ao Parlamento Europeo e deberiamos elixir a representantes que teñan en conta a sustentabilidade dun sector crave para manter un rural vivo e para a soberanía alimentaria.
Como prevés que será á produción de leite en Francia de aquí a 10 anos?
Boa parte dos produtores que se xubilarán non terán relevo polo que pecharán granxas, baixará a produción de leite e posiblemente as nosas exportacións de produtos lácteos pasarán a representar entre o 25 e o 30% da produción. O sector lácteo xera moitos empregos e riqueza no rural francés, e a sociedade e os nosos políticos deberían axudar a preservalo.