“Decidimos limitar a produción para garantir un bo prezo por cada litro de leite”

GAEC Du Rochet é unha explotación francesa do macizo do Jura, limítrofe con Suíza, unha zona amparada pola Denominación de Orixe do queixo Comté, ao que pertencen 2.400 ganderías. Traballan con vacas montbeliard alimentadas con pasto e herba seca

Florian Courtois y Olivier Renaud, dos de los cuatro socios de GAEC Du Rochet, en la sala de ordeño

Olivier Renaud e Florian Courtois, dous dos catro socios de GAEC Du Rochet, na sala de muxido

“Os beneficios dunha gandería nunca se van conseguir aumentando en volume, senón en valor engadido, é dicir, cun incremento do valor do produto”, razoa Florian Courtois, un dos socios de GAEC Du Rochet, unha explotación láctea francesa situada na comuna de Orchamps-Vennes, no departamento de Doubs, na rexión Franco-Condado, fronteiriza con Suíza.

“Estamos no corazón do queixo de denominación de orixe Comté, o que nos permite revalorizar a nosa materia prima. O ano pasado cobramos o leite entre 65 e 68 céntimos, 20 céntimos por enriba da media francesa”, compara.

“Limitamos o volume de crecemento en 1.500 toneladas en 3 anos. Estamos xa preto dos 70.000 quilos de queixo producidos cada ano, pero preferimos limitar a produción para que exista demanda e poder manter prezos altos”, explica.

No 2022 cobramos entre 65 e 68 céntimos e para 2023 acordamos unha suba de 5 céntimos

O control da cadea de produción por parte dos gandeiros permítelles fixar os prezos de venda do leite, sen estar a expensas do que decidan os restantes elos. “Os gandeiros, como socios que somos tamén das queixerías, temos maioría dentro do consorcio da denominación de orixe, onde o poder de decisión repártese a partes iguais entre produtores, transformadores e afinadores”, destaca Florian.

Decidimos subir os prezos do queixo entre un 10 e un 12% para 2023

Cada 5 anos os órganos de representación do queixo Comté revisan a estratexia para seguir para manter o valor do produto. “Aí é onde decidimos, xunto ás grandes cavas onde se afinan os queixos, subir os prezos do queixo entre un 10 e un 12% para este ano, o que nos permite tamén aumentar o prezo do leite 5 céntimos en litro, xa que o prezo do leite está indexado, de forma automática ao prezo final de venda do queixo”, detalla Florian.

Raza montbeliard

A produción da gandería destínase na súa totalidade á fabricación de queixo Comté, que esixe que o leite proceda de vacas de raza montbeliard, a raza autóctona propia da zona.

O prego de condicións da denominación de orixe esixe ademais que o leite non percorra máis de 25 quilómetros ata a queixería na que se elabora, o que impide a aparición de grandes industrias e favorece a participación dos produtores nas pequenas queixerías locais.

A produción por vaca e ano nesta granxa é de 8.200 litros, cun 3,9% de graxa e un 3,5% de proteína. “O Comté é un queixo prensado e o seu contido en materia graxa é moi elevado (vai desde o 30 ao 45%, en función dos seus meses de curación), polo que máis dun 4% de graxa no leite sería de máis, porque habería que quitarlla á hora de elaborar o queixo”, explica Florian.

A produción de Comté é dunhas 70.000 toneladas de queixo ao ano

Francia produce 1,8 millóns de toneladas de queixo ao ano. O 30% da produción francesa expórtase, con queixos como o Brie, o Camembert ou o Roquefort como puntas de lanza. No mercado interno, sen embargo, os máis consumidos son o Comté e o Cantal. As grandes rodas do queixo Comté poden alcanzar os 40 kg de peso, ao estilo do Granna Padano e o Parmesano en Italia ou o Gruyere en Suíza.

Alimentación a base de herba

Las vacas pasan 6 meses confinadas en el establo durante el invierno y salen al pasto la otra mitad del año

As vacas pasan 6 meses confinadas no establo durante o invierno e saen ao pasto a outra metade do ano

GAEC Du Rochet está a só 800 metros de altitude, pero o clima nesta zona, chamada a pequena Siberia, é duro, o que obriga a ter ao gando confinado no establo durante 6 meses ao ano e basear a súa alimentación na produción de herba seca.

Nesta zona, chamada ‘a pequena Siberia’, a primeira nevarada cae habitualmente en decembro e a neve mantense ata o 15 de marzo

“Hoxe en día, co cambio climático, podemos ter o gando fora pacendo ata mediados de novembro. Despois entraría dentro ata abril ou principios de maio. Son moitos meses e necesitamos ter forraxe suficiente”, recoñecen. Producen unhas 1.200 toneladas de forraxe ao ano, das que unhas 900 toneladas son almacenadas para o inverno.

Dispoñen de 300 hectáreas de superficie en dúas localizacións: 150 hectáreas nunha peza ao redor da granxa, que é a superficie que pastorean; outras 50 hectáreas a 2 km e o resto repartidas en distintas leiras nun radio de 6 km.

Só 75 das 300 hectáreas son en propiedade; o resto alugadas, a un prezo de 200€/ha ao ano

Dispoñen de parque de maquinaria propio, formado por varios tractores, segadoras, remolques autocargadores e abonadoras, o que lles permite ser autónomos á hora de realizar todos os traballos agrarios de recollida da forraxe e abonado das parcelas.

A propia denominación de orixe limita a fertilización das leiras, cun máximo de 120 unidades de nitróxeno por hectárea, das cales só 50 unidades de nitróxeno poden ser de orixe química. “Son terreos pobres, nos que non se logran producións superiores a 5 ou 6 toneladas de materia seca por hectárea ao ano”, indica.

Producen unhas 1.200 toneladas de forraxe ao ano, das que unhas 900 toneladas son almacenadas para o inverno

O consorcio Comté establece unha carga gandeira máxima de 1 vaca por hectárea e limita tamén ás granxas a produción de litros de leite por hectárea (4.600 como máximo). No caso de GAEC Du Rochet, están xa próximos a ese límite máximo, pero a media da DOP sitúase nuns 3.000 litros de leite por hectárea.

Secadeiro con recuperador da calor acumulada baixo os teitos

La estructura del establo es de madera, con un aislante de 8 centímetros en el techo para paliar las bajas temperaturas

A estrutura do establo é de madeira, cun illante de 8 centímetros no teito para paliar as baixas temperaturas

Tradicionalmente as granxas desta zona recollían herba seca no mes de xuño, con secado natural nas praderías, pero na actualidade a maioría das explotacións da zona investiron en instalacións de secado e almacenamento de forraxe.

“Isto permítenos adiantar o primeiro corte xa ao mes de maio, algo que antes era complicado”, explica Florian. “Logramos un feno de calidade que chega ao 16% de proteína”, detalla. Trátase na maior parte dos casos de praderías naturais. “Só temos unhas 100 hectáreas mecanizables que renovamos cada 10 anos con 6 especies diferentes: tres leguminosas e tres tipos de raigrás”, indica.

Co secadeiro logramos un feno de calidade que chega ao 60% de materia seca e ao 16% de proteína

O sistema de secado da forraxe recupera a calor que se almacena debaixo dos teitos dos almacéns e impúlsao, a través dun sistema de ventiladores, inxectándoo no secadeiro, a través de pequenos buracos no chan onde se deposita o feno a granel tralos sucesivos cortes.

“Con este sistema gañamos 9 graos de temperatura, o que nos permite secar antes a herba. Iso fai que o seu valor nutricional sexa maior”, indica. Tras cada corte, a herba necesita 16 días no secadeiro e alcanza o 60% de materia seca.

A base da ración no inverno é unha mestura do feno almacenado dos distintos cortes: 40% do primeiro corte (segado a mediados de maio), 40% do segundo corte (finais de xuño) e 20% do terceiro corte (realizado en setembro). “O feno de primeiro corte achega moita fibra, o segundo corte é máis fino e achega máis proteína. Con iso logramos unha alimentación equilibrada e estable, sen variacións en canto a produción”, explican.

A denominación de orixe limita a carga gandeira a unha vaca por hectárea e o concentrado a 1.800 quilos por vaca ao ano

A denominación de orixe fixa tamén un límite de 1.800 kg ao ano de concentrado por vaca. “É unha mestura de cereais e soia que complementa ás nosas forraxes, que suplementamos con 6 kg desa mestura no inverno e 4 no verán”, indican.

As vacas de GAEC Du Rochet producen máis no inverno, confinadas e alimentadas con feno (uns 30 litros) que durante os meses nos que a base da alimentación é o pasto (25 litros).

“Nesta zona, por cada gandeiro que se xubila hai varios mozos querendo instalarse”

Sala de ordeño rotativa de la granja

Sala de muxido rotativa da granxa, con 36 puntos, instalada fai 5 anos

GAEC Du Rochet está formada por catro socios: Thierry Courtois, os seus fillos Florian e Clément, e o seu veciño Olivier Renaud, que se uniu á sociedade achegando as súas 45 vacas. Entre eles logran atender a explotación sen ter man de obra contratada.

Contan con 160 vacas en muxido e alcanzan un total de 400 cabezas coa recría, outra fonte importante de ingresos xunto coa venda de leite. As tenreiras e xovencas conseguen exportalas mesmo fóra de Francia, a países como Alxeria ou Marrocos, a través da cooperativa Coopex.

A media da denominación de orixe son 50 vacas por granxa con 300.000 litros de leite de cota

GAEC Du Rochet é considerada unha explotación grande en comparación co resto de ganderías da zona. A media da denominación de orixe son 50 vacas por granxa, con 2 persoas traballando e 300.000 litros de leite de cota de produción.

Esas cotas ou dereitos de produción son repartidos polo consorcio da denominación de orixe entre os gandeiros da zona de produción, uns 200 km, desde a fronteira con Alemaña e Suíza ata case Lyon.

Francia perdeu na última década o 25% das granxas leiteiras, unha situación que na zona Comté non se dá

As limitacións á produción serviron para crear un oasis protexido para as ganderías que están dentro da denominación de orixe Comté. “Esta zona non ten un problema de substitución xeracional, como existe no resto do país. Aquí non pechan as granxas e por cada gandeiro que se xubila hai varios mozos querendo instalarse”, asegura Florian.

O prezo das terras e das granxas duplicouse nos últimos 10 anos

Iso está a provocar un encarecemento dos prezos que dificulta a instalación aos mozos. “Hai unha presión tremenda para entrar na denominación de orixe e os prezos das granxas e das terras están a subir. O prezo de compra dunha hectárea de terreo sitúase actualmente en 5.000€, cando hai 10 anos era a metade”, recoñece.

Sala rotativa de 36 prazas

Fai cinco anos investiron nun novo edificio, que alberga unha sala de muxido rotativa de 36 puntos e a sala de espera. Esta nave, construída en madeira laminada buscando máxima luminosidade, conta con 8 centímetros de espesor de illante no teito para mitigar as baixas temperaturas do inverno.

“Durante os meses de xaneiro e febreiro son poucos os días con temperaturas por enriba de 0 graos e chegamos algúns días a 30 graos baixo cero, mentres que no verán podemos chegar a 25-30 graos positivos. Pero as vacas non teñen ningún problema nestas condicións e temos sempre un pouco de humidade, o que nos garante que haxa pasto”, destaca.

Decidimos investir en ampliar a capacidade de muxido para reducir o tempo de traballo

O Comté é un queixo elaborado con leite cru, que chega ás queixerías a 10 graos de temperatura tralo muxido da tarde. A denominación de orixe limita a dous o número de muxidos diarios. GAEC Du Rochet ten unha dimensión maior ao resto de explotacións da zona, a maioría ganderías familiares, polo que decidiron investir en mellorar a capacidade da sala para reducir o tempo de traballo.

“A sala de muxido antiga tiña 40 anos e eran case 3 horas por muxido”, explica. O investimento total para a modernización do sistema de muxido alcanzou os 600.000 euros entre a construción do edificio e a rotativa (250.000€).

Ingresos pola venda de animais

Animales de recría

Grazas ás probas xenómicas seleccionan os animales para reposición e os destinados á exportación

Venden entre 45 e 50 animais para vida ao ano, contando entre 15 e 20 vacas recén paridas, de primeiro, segundo e terceiro parto, a outras ganderías da zona, e unhas 30 xatas preñadas para a exportación, a países como Marrocos ou Alxeria.

Das 100 tenreiras que recrían ao ano venden unhas 30 preñadas de 2 ou 3 meses a países como Alxeria ou Marrocos

“As vacas que están aquí producindo na nosa granxa están nunha media de 3,1 partos. Estamos nunha taxa de reposición actualmente do 33% para facer entrar xovencas no establo”, indica. “Non finalizamos ás vacas que enviamos a matadoiro porque as vacas montbeliard aguantan mellor a condición corporal durante a lactación; móvense entre 300 e 340 quilos/canal e págannolas a 4€ o quilo.

Todo o rabaño está xenotipado

Empezaron en 2009 a realizar probas xenómicas e hoxe en día teñen todo o rabaño xenotipado. “Fixámonos moito nos caracteres de patas para evitar as coxeiras, porque as nosas vacas teñen que camiñar moito durante os meses nos que realizamos pastoreo”, explican.

Para cubrir nas necesidades de reemprazo da granxa usan seme sexado en primeirizas e no 50% das vacas de primeiro parto. No resto de vacas poñen touros de actitude cárnica, como azul belga ou limusín. Venden os tenreiros aos 15 días a unha media de 350€.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información