Futuro do piñeiro galego (II): catro industrias da madeira innovadoras

Falamos con empresas que están destinando as coníferas a novos usos de maior valor engadido, para o que precisan de árbores de calidade, tamén pagadas máis en monte

A madeira galega de coníferas comeza a ter demanda para novos usos na construción, tanto para elementos estruturais (forxados, muros de carga, cubertas, tabiques, etc.) como para fachadas e revestimentos exteriores. Para eses destinos, precísase de madeira de calidade, de bos diámetros e limpa de nós, e tamén de empresas que comecen a producir as pezas que demandan as novas liñas de construción.

Falamos con catro empresas galegas que están innovando nos usos da madeira de piñeiro: Finsa, Maderas Hermanos Castro (Ponteareas, Pontevedra), Exfopino (Rois, A Coruña) e Hijos de Ramón Rubal (Alfoz, Lugo).

Alberto Souto (Hijos de Ramón Rubal)

“O camiño do sector é sacarlle outro valor engadido á madeira”

Construción do edificio Impulso Verde, que se está a levar a cabo en Lugo con madeira subministrada por Hijos de Ramón Rubal

Construción do edificio Impulso Verde, que se está a levar a cabo en Lugo con madeira subministrada por Rubal

A empresa de Alfoz Hijos de Ramón Rubal será a encargada de fornecer os 430 metros cúbicos de madeira necesarios para fabricar o taboleiro CLT que se empregará na construción do edificio Impulso Verde na cidade de Lugo, un dos primeiros edificios públicos de Galicia feitos integramente en madeira. A construción deste edificio forma parte do proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, impulsado polo Concello de Lugo e que conta coas Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid como socias para o seu desenvolvemento.

As obras do inmoble, que se están executando neste momento na zona da Garaballa, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á empresa vasca EGOIN, especializada en construción en madeira e fabricante tamén de paneis contralaminados de piñeiro. As bases do edificio primaban que a madeira fose de procedencia local, aínda que as empresas de Galicia non estaban aínda preparadas para optar á súa construción, porque fai dous anos o sector da madeira estrutural galega aínda non dera o salto definitivo.

A cidade de Lugo contará cun dos primeiros edificios públicos de Galicia construídos integramente en madeira, no que participa Hijos de Ramón Rubal

Participar no subministro da materia prima que, despois de ser transformada no País Vasco, retornou de volta a Galicia para ser usada en Lugo permitiulle a Hijos de Ramón Rubal tomar conciencia da situación. Alberto Souto, que xunto ao seu irmán Jorge dirixen este aserradeiro de Alfoz con 85 anos de historia, aposta por procesos de maior valor engadido para a madeira.

“Queremos que se empece a traballar con madeira de aquí, ese é o obxectivo que perseguimos, poder reemprazar a madeira que chega do norte ou do leste de Europa para estes usos por madeira producida nos montes galegos e serrada e transformada en aserradeiros galegos. Porque un piñeiro de Rusia está mellor podado e alí fan un mellor aproveitamento, pero non é mellor madeira que a que producimos en Galicia. Temos que tratar de darlle a volta á situación. Esta é unha forma de tratar de valorizar o que hai aquí, porque o futuro ten que ser sacarlle outro valor engadido á madeira dos montes”, defende Alberto, que confía en que esa revalorización poida “animar aos propietarios forestais a plantar piñeiro e tamén a mellorar a silvicultura que se fai para deste xeito lograr tamén unha produción de máis calidade”.

Primeiro aserradeiro galego con certificado para madeira estrutural

Serran 200 toneladas ao día, unhas 25 á hora

Serran unhas 200 toneladas ao día e contan desde finais de ano coa certificación para fabricar madeira estrutural

Hijos de Ramón Rubal completou a finais de 2020 o proceso para obter a certificación para fabricación de madeira estrutural, converténdose deste xeito no primeiro aserradeiro galego que a ten. A partir de agora as táboas e puntóns que saian das súas instalacións e que cumpran cuns parámetros de calidade poderán empregarse na construción ou rehabilitación de edificios.

É obrigatorio que a madeira estrutural conte con marcado CE específico no que se mide o seu nivel de resistencia, elasticidade e densidade. Para pezas de máis de 7 centímetros de canto establécese unha calidade e para as de menos dese grosor admítense máis, segundo se establece no Documento Básico de Seguridade Estrutural de Madeira (DB.SE-M), que define os valores para madeira serrada, madeira laminada encolada e taboleiro para uso estrutural. Unha madeira C24, por exemplo, é unha madeira de conífera cunha resistencia característica a flexión de 24N/mm2.

O piñeiro destinado a madeira estrutural non pode pasar dun rango de nudos, un alabeo e unhas tensións determinadas

No aserradeiro de Alfoz van fabricar dúas calidades, a C24 e a C18, as dúas clasificacións máis habituais. En función dunha serie de características (nudos, bolsas de resina ou outro tipo de singularidades) a madeira vai perdendo calidade. “Hai 4 ou 5 parámetros principais, sobre todo rango de nudos, tensións, e alabeos”, explica Alberto.

Iso implica que o primeiro paso esencial sexa seleccionar ben a rolla, para que aparezan menos rexeitamentos. Pero fabricar madeira estrutural non implica ter que abandonar o resto de actividades. “É un novo campo de traballo que che permite seleccionar máis a madeira, a boa vai para estruturas e o resto para táboa convencional ou para embalaxe, polo que podes seguir facendo o mesmo que xa facías”, di.

Un paso fundamental é a selección da peza para minimizar as porcentaxes de rexeitamento. O serrado e secado tamén é lixeiramente diferente

Trala selección do tronco hai que serralo de maneira axeitada e tratar as pezas resultantes cun secado óptimo segundo os grados que esixa o cliente, un traballo meticuloso buscando primar a calidade, á que estaban xa acostumados nesta empresa. “Á hora de traballar con madeira estrutural hai un protocolo que cumprir e un plan de traballo e de mantemento dos equipos. A rolla que queres para madeira estrutural hai que serrala dunha maneira diferente para que non haxa tensións nin mermas. Non pode haber unha diferenza moi grande desde o corazón ao lateral porque entón é cando aparecen as tensións e hai que buscar que a madeira teña a mesma densidade porque se unha parte é moi porosa e a outra non é cando se producen os problemas no secado”, explica.

Boas perspectivas de negocio

Fai 15 días saiu das súas instalacións de San Pedro de Mor a primeira das partidas coa certificación C18 para entregar a un cliente, pero agardan que sexa a primeira de moitas. “Hai dous meses que temos a certificación e tivemos xa varias consultas desde Galicia e chamadas tamén desde fóra de Galicia”, conta Alberto.

Hai dous meses que temos a certificación e xa tivemos varias consultas, algunhas desde fóra de Galicia

Algúns destes pedidos non puideron ser atendidos porque Hijos de Ramón Rubal conta cunha limitación de lonxitude. “Podemos serrar un máximo de 3 metros de longo, pedidos maiores non podemos atender porque non colle no aserradeiro, que ten ese tope de 3 metros. As madeiras de Galicia non dan tampouco para moito máis”, aclara. Para longos superiores xa estaría a madeira laminada.

Ramón Tojo (Exfopino)

“Hai un problema de subministro importante, o piñeiro non se coida”

Unha das estruturas de madeira que fabrican e instalan en Exfopino

Un exemplo das estruturas de madeira a medida que fabrican e instalan en Exfopino

Exfopino é unha das principais empresas especializadas en castiñeiro no sector madeireiro galego. Dentro do seu departamento de I+D+i traballan no desenvolvemento de novos produtos, como vigas laminadas de castiñeiro, o que permite un mellor aproveitamento da árbore, xa que para a súa elaboración empréganse os restos sobrantes que doutro xeito non terían utilidade.

Pero neste aserradeiro ubicado en Antequeira, no concello de Rois, onde teñen avanzado en procesos de segunda transformación, elaborando frisos, tarimas, portas ou guarnicións, están a apostar tamén polo uso do piñeiro como madeira estrutural. “Pensamos que hai demanda e mercado”, afirma Ramón Tojo, o seu responsable.

Levan anos traballando en solucións innovadoras, creando, por exemplo, o laminado de madeira de castaño macizo, o que permite optimizar o aproveitamento completo das árbores

Nas súas instalacións fan vigas macizas e laminadas, tanto de piñeiro como de castiñeiro, e neste momento atópanse en pleno proceso de tramitación do certificado de madeira estrutural para estas dúas especies. “O de piñeiro vai ser máis rápido que o de castiñeiro, que é algo máis complicado de lograr”, explica.

Solucións personalizadas a medida

As súas estruturas á medida, de até 12 metros de longo, permiten dar solucións personalizadas tanto na rehabilitación de vivendas como na construción de obra nova. No caso das vigas de piñeiro, di, “é un produto que vén todo de fóra neste momento”.

A empresa de Rois pretende enfocar unha das súas liñas de negocio á fabricación de madeira laminada estrutural de piñeiro

Ramón asegura que “hai un problema de subministro de piñeiro importante” porque cada vez se pon menos nos montes, onde o eucalipto vai gañando terreo, e agarda que os novos usos construtivos consigan reverter a situación. “A ver se se empeza a coidar un pouco máis a madeira de piñeiro no monte”, reclama.

Abel Castro (Maderas Hermanos Castro)

“En tres meses imos triplicar a produción termotratada”

Cabanas de Outes cuxa madeira foi subministrada por Maderas Hermanos Castro

Cabanas do concello coruñés de Outes, cuxa madeira termotratada foi subministrada por Hermanos Castro

Con décadas de retraso, o sector transformador galego achégase ao que se fai en Europa, tanto a nivel de fabricación como de tratamento da madeira. En países como Suecia ou Finlandia o secado a altas temperaturas de coníferas para mellorar as súas prestacións de durabilidade é algo habitual desde hai moito tempo, mentres que en Galicia leva facéndose só un ano.

A empresa Maderas Hermanos Castro, de Ponteareas, instalou unha cámara de termotratamento da que saíu o material para a construción, entre outras, das cabanas de madeira instaladas en distintos emprazamentos do municipio coruñés de Outes, unha iniciativa turística cuxo deseño construtivo colleitou un bo feixe de premios, o máis recente o Premio Nacional de Arquitectura 2020 outorgado polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Deste secadeiro de Ponteareas saíu a madeira para construír as premiadas cabanas nos árbores do concello de Outes

“Somos aserradeiro e facemos tamén procesos de segunda transformación. Desde fai 15 anos tiñamos autoclave para tratamento para exterior e hai un ano instalamos unha cámara para termotratamento de madeira. Vimos nicho de mercado porque só hai tres plantas en toda España que o fagan. Deste xeito pechamos o círculo, porque transformamos e tratamos madeira do noso propio aserradeiro, fundamentalmente de piñeiro, aínda que tamén termotratamos a outras empresas do sector outras variedades de madeira, como castiñeiro, carballo ou eucalipto”, explica Abel Castro.

Coa súa propia marca

A iniciativa resultou todo un éxito e Maderas Hermanos Castro decidiu xa ampliar as súas instalacións de termotratamento. “En tres meses imos triplicar a produción cunha cámara o triplo de grande que a que temos agora, con capacidade para termotratar 40 metros cúbicos de madeira semanais de todos os grosores e todo tipo de especies, aínda que nós orientámonos ao piñeiro”, avanzan.

Podemos termotratar todos os grosores e todo tipo de especies, como castiñeiro, carballo ou eucalipto, pero nós orientámonos ao piñeiro

Esta empresa de Ponteareas creou a súa propia marca, ThermoTea, e xa está comercializando produto, aínda que a pequena escala. “Non damos feito e preferimos non meter moito produto no mercado até ter produción dabondo para poder ter garantida a capacidade de subministro”, recoñece Abel.

A súa clientela de momento é practicamente toda galega, aínda que xa fixeron tamén tres ou catro obras en Madrid e agardan poder chegar ao mercado peninsular. “Este tipo de madeira ten unha saída abismal para revestimentos e fachadas, está a ser moi demandada xa por arquitectos tanto para a construción de casas particulares como de hoteis ou outras edificacións”, asegura.

Ecoconstrución

O termotratamento é un tratamento natural a base de temperatura, sen produtos químicos, (a diferenza do autoclave, que é un proceso químico con sales de cobre), que consegue estabilizar a madeira e darlle durabilidade, polo que é un material apto para empregar nas novas tendencias de bioconstrución. “Existe un nicho de mercado ecolóxico no que a madeira xoga un papel esencial”, prognostica Abel.

Hoxe búscase unha pegada de carbono cero e nós lográmolo, porque non é madeira que traemos de Suecia ou de Finlandia. O noso obxectivo é termotratar o piñeiro de aquí e darlle un valor engadido para que se poida pagar máis e a xente poida seguir plantándoo

“Hoxe búscase unha pegada de carbono cero e nós lográmolo, porque é madeira cortada en montes galegos e serrada e tratada nas nosas instalacións. Non é madeira que traemos de Suecia ou de Finlandia, porque o noso obxectivo é termotratar o pino de aquí e darlle un valor engadido para que se poida pagar máis e a xente poida seguir plantándoo”, defende.

Piñeiro apto para exteriores

O tratamento térmico da madeira ten unha orixe moi antiga (a madeira dos barcos vikingos era tratada termicamente para aumentar a súa durabilidade e tamén en Xapón empregaban esta técnica de maneira ancestral) e é de uso frecuente en países como Suecia ou Finlandia, onde levan termotratando moitos anos, aínda que en Galicia era un método non empregado até agora.

Somos aserradeiro e facemos tamén procesos de segunda transformación. Deste xeito pechamos o círculo, porque tratamos madeira do noso propio aserradeiro

O sistema consiste en someter á madeira a un tratamento térmico con temperaturas comprendidas entre os 160 e os 260ºC, en función da especie e das dimensións da peza, nunha atmósfera inerte ou con baixo contido en osíxeno que evita a combustión. No caso de Maderas Hermanos Castro, o seu secadeiro a altas temperaturas chega a alcanzar os 212 grados centígrados, cando nos secadeiros convencionais o habitual son 70, 80 ou 100 grados como moito.

A estrutura interna da madeira de piñeiro termotratada é máis estable, homoxénea e duradeira, o que permite empregar o piñeiro en exterior para usos antes restrinxidos a madeiras tropicais de importación

O resultado é un produto natural, libre de tóxicos e de produtos químicos que garante durabilidade e estabilidade. “Os problemas de torceduras desaparecen e madeira que doutro xeito en dous anos comeza a estropearse aumenta a súa vida até os 15 ou 20 anos nas peores condicións”, di Abel.

Deste xeito, posibilítase o uso da madeira de piñeiro en revestimentos exteriores ou sometida a ambientes húmidos, como portas e ventás, encimeiras, revestimentos de fachada, mobiliario urbano, pavimentos de exterior en xardíns ou piscinas, saunas, embarcadoiros, etc.

Finsa está a impulsar unha instalación de termotratamento propia e Losán dispón dun secadeiro deste tipo no seu aserradeiro de Soria

A madeira termotratada absorbe menos auga, por iso é máis estable fronte á humidade e ás condicións climáticas variables. Debido á diminución da condutividade, increméntase o seu illamento térmico, polo que usada en ventás, por exemplo, ten un comportamento semellante ao das madeiras tropicais. Tamén na súa estabilidade dimensional, pois non se contrae nin se dilata e non se requenta co sol.

Ismael Olveira (Finsa)

“Vanse facer en Galicia dous proxectos residenciais icónicos con madeira”

Unha das vivendas con revestimento de madeira que formarán parte do complexo residencial Paraíso Oleiros

Unha das vivendas con revestimento de piñeiro galego que formarán parte do complexo residencial Paraíso Oleiros

A principal empresa para a transformación de piñeiro en Galicia é Finsa. Ten na actualidade 4 plantas produtivas na nosa comunidade (en Santiago, Ourense, Padrón e Rábade) e 6 máis en España, Portugal e Francia.

A compañía, fundada en 1931 a partir dun pequeno aserradeiro, foi pioneira na fabricación de taboleiros aglomerados e de densidade media (MDF) na Península e agora quere abrir unha nova liña de negocio coa madeira estrutural, complementaria ás súas gamas tradicionais de taboleiro e táboa de piñeiro, cun amplo catálogo de produtos con distintas solucións para pilares, forxados e paredes. 

Finsa pretende abrir unha nova liña de negocio con madeira estrutural, complementaria ás súas tradicionais liñas de taboleiro (aglomerados, MDF) e táboa de piñeiro

A compañía con sede en Santiago está embarcada neste momento en dúas iniciativas industriais complementarias na comunidade, unha planta de taboleiro contralaminado e unha cámara de termotratamento. “Permitirannos facer proxectos a medida e dar solucións finais, aí é onde está a riqueza destes investimentos que estamos a facer”, asegura Ismael Olveira, director do negocio de madeira maciza de Finsa.

Na posta en marcha destes novos proxectos industriais a empresa compostelá está a apoiarse noutras empresas do sector. “Estamos a levar a cabo un proceso de colaboración con moitas empresas de Galicia buscando crear un ecosistema ao redor da madeira de piñeiro e da madeira maciza para construción”, indica Ismael. A unión con eses outros socios busca un enfoque de mercado que aporte solucións concretas aos clientes.

O importante non é tanto a tecnoloxía como a aproximación ao mercado

“O importante non é tanto a tecnoloxía como a aproximación ao mercado. En dous anos haberá en Galicia máis cámaras de termotratamento que de autoclave pero para darlle valor de verdade a esa madeira hai que ir pola vía das solucións de colocación, para aportarlle utilidade á madeira de piñeiro en exterior. A tecnoloxía o único que permite é o resto, que é realmente o importante”, considera Ismael.

As aplicacións destes novos produtos serán múltiples e variadas e comezarán a verse en breve en dous proxectos de construción de vivendas residenciais que hai xa en marcha en Galicia, un na zona da Coruña e outro na de Vigo. O que está máis avanzado é o de Paraíso Oleiros, que construirá en Santa Cristina 13 chalés e 30 pisos na súa primeira fase (e outros tantos na segunda) con fachadas de madeira de piñeiro galego.   

O CLT non é tan esixente, pero para o termotratamento necesitas partir de madeira limpa ou semi limpa, de moi boa calidade, porque é un tratamento agresivo no que non pode haber nudos

“Este tipo de construción con envolvente de madeira era até agora algo testemuñal en España pero estes dous proxectos que se van facer en Galicia van ser icónicos”, afirma o responsable desta nova liña de negocio de Finsa, que agarda que este tipo de “obras faro” sirvan para poñer en valor a madeira de calidade de Galicia, esa que procede de montes con silvicultura, nunha aplicación até agora pouco coñecida en España, como é a das fachadas en madeira, e que isto poida servir para rachar reticencias, actuando de espello no que mirárense outros proxectos. 

“O futuro vai estar na construción sostible, que é un bo aliado para o sector”, asegura Ismael, porque vai servir, di, para valorizar a produción forestal e industrial. “Son produtos de alto valor engadido que poden chegar aos 1.000 euros o metro cúbico e para os que se precisa partir de materia prima de calidade, máis no caso da madeira termotratada, que non pode ter nós, que no do taboleiro CLT”, aclara. Segundo a oferta feita meses atrás pola propia empresa para a rolla de máis calibre, as primeiras trozas de piñeiro, de maior diámetro, sen nós e rectas, pagaranse a 100 euros / tonelada.

CLT, madeira técnica de piñeiro para construción

Ao contrario do que acontecía nas estruturas, onde o predominante era o castiñeiro, nas casas galegas, antes da chegada do ladrillo e posteriormente da escaiola e o pladur, os falsos teitos, así como as divisións interiores, eran habitualmente de madeira de piñeiro (no caso dos tabiques, moitas veces, de tablilla con barro e palla ou con cal). Logo de anos (décadas) apartada, esta madeira volve ocupar agora o seu lugar en muros ou forxados.

Os responsables son os novos taboleiros contralaminados, coñecidos como Cross Laminated Timber (CLT), un produto técnico conformado por láminas de madeira encoladas que está experimentando importantes crecementos da demanda tanto en Europa como nos EEUU e que no prazo dun mes comezarán tamén a fabricarse en Galicia, en concreto, na planta que Finsa e Maderas Goiriz están a poñer en funcionamento no polígono industrial de Coirós baixo o nome de Xilonor.

Até agora os taboleiros contralaminados de piñeiro existentes no mercado español eran de fabricación vasca ou de procedencia europea

A montaxe desta planta, que vai ser a primeira de Galicia e a segunda de España, está xa rematada e estanse facendo neste momento nas instalacións as probas de posta en funcionamento, que se llevarán a cabo en marzo. “En abril ten que haber xa produto no mercado”, avanza Ismael.

Existía xa un taboleiro fabricado por Finsa, o SuperPan Tech, que se podía empregar en paredes e forxados, pero estes sistemas construtivos innovadores de entramado lixeiro tiñan até agora un uso aínda pouco extendido, agás en vivendas e edificios singulares, que buscan precisamente unha diferenciación.

O reto e o obxectivo neste momento é estender o uso destes materiais de forma xeralizada ao mundo da construción e coa fabricación do novo taboleiro CLT de piñeiro. Finsa pretende abastecer a toda a península ibérica e mesmo competir no mercado europeo de madeira estrutural. 

Fachadas de madeira

Colexio Waldorf Aravaca, en Madrid, feito con Thermopine de Finsa pola empresa Medgon

Colexio Waldorf Aravaca, en Madrid, feito con Thermopine de Finsa pola empresa Medgon

Para poder empregar este tipo de taboleiros contralaminados de piñeiro en exterior Finsa recurrirá ao termotratamento nunha planta que se está a montar neste momento. Participa no proxecto xunto a outra empresa galega especializada en tarimas e revestimentos en madeira e con experiencia en importantes obras a nivel español e internacional. “A principal orientación do proxecto son as fachadas de madeira termotratada, con solucións a medida de montaxe e celosías de madeira laxurada, é dicir, fachadas rematadas”, destaca Ismael. 

A madeira termotratada é un material renovable, económico e duradeiro, polo tanto, un produto sostible para facer construcción responsable

A cámara necesaria para someter os paneis a termotratamento en Galicia será unha realidade en poucas semanas, pero Finsa leva xa dous anos traballando o produto, unha gama denominada Thermopine, para a que recurría a instalacións externas para termotratar a madeira.  

Con esta técnica, baseada nun uso controlado da calor e o vapor durante o proceso de secado, sen engadir ningún tipo de aditivo á madeira, protéxese de patoloxías por fungos e insectos xilófagos de forma non biocida, polo que se incrementa exponencialmente a durabilidade da madeira e a súa resistencia biolóxica.

Finsa chegou a un acordo coa empresa catalá Gradhermetic para substituir nas súas celosías de madeira o bambú chinés ou o cedro canadense por piñeiro termotratado galego

Ademais, ao expoñer á madeira a elevadas temperaturas, a resina desaparece e a madeira é máis lixeira e doada de transportar e vólvese máis resistente ao lume. A densidade da madeira tralo tratamento diminúe entre un 5 e un 15% debido á pérdida de humidade, pero tamén se volve menos elástica, o que afecta ao seu comportamento en estruturas, por exemplo. Por iso, unha das súas principais utilidades son os revestimentos exteriores de fachada.

Neste sentido, Finsa chegou a un acordo coa empresa catalá Gradhermetic, unha das compañías referentes no sur de Europa en utilización de madeira en fachadas, para o desenvolvemento conxunto do sistema Gradpanel de celosías de madeira. Gradhermetic empregaba até agora nos seus produtos madeira de bambú chinesa ou de cedro de Canadá e comezará a substituír estes materiais por piñeiro termotratado galego.

Máis información

.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información