Que a madeira de piñeiro non serve para a construción de edificios é un tópico errado pero moi estendido en Galicia ao que custa dar a volta. Un cambio social e cultural, pero tamén de mentalidade empresarial, que permitiría incrementar a demanda, valorizar as plantacións de coníferas existentes e incentivar as futuras.
A nivel mundial, a madeira estrutural de piñeiro representa un mercado en claro crecemento, con boas perspectivas para os vindeiros anos, e pouco a pouco estase a abrir tamén camiño no sector forestal e no mundo dos arquitectos e as empresas de construción de Galicia.
Tradicionalmente na nosa comunidade o piñeiro non se empregou até o de agora para a construción de estruturas en edificacións. Optábase polas frondosas: castiñeiro maioritariamente, carballo en menos ocasións e eucalipto xa entrado o século XX nas zonas de costa.
Tradicionalmente en Galicia sempre se empregaron as frondosas para a construción de estruturas, un papel cumprido polas coníferas noutros lugares do mundo, como Norteamérica, Centroeuropa ou os países nórdicos
Pero noutras zonas do planeta eran (e seguen sendo) as coníferas as que cumprían (e seguen cumprindo) este papel, desde os EEUU e Canadá en Norteamérica a Suecia e Finlandia nos países nórdicos ou Austria e República Checa en Centroeuropa.
Un círculo vicioso que devalúa a madeira
Ao non existir culturalmente ese uso, tampouco os serradoiros e empresas de transformación de madeira asentadas en Galicia centraron até este momento os seus esforzos (e investimentos) nese campo, polo que a crecente demanda de madeira de piñeiro para forxados ou estruturas de lousado (polo menor custo económico fronte a outras madeiras como o castiñeiro ou o eucalipto laminado) foi cuberta con importación de madeira europea de abeto chegada de países como Estonia, Austria ou Rusia.
A importación de madeira de abeto europea para forxados ou estruturas de lousado mantiña ao piñeiro dos montes galegos en usos secundarios de menor valor engadido, como palés para embalaxes ou táboas para encofrar
Esta práctica habitual foi relegando ao piñeiro dos montes galegos a usos secundarios de menor valor engadido, como palés para embalaxes ou táboas para encofrar, o que á súa vez contribuíu a rebaixar o prezo da madeira no monte (e a súa substitución paulatina por outras especies como o eucalipto), así como polo abandono da silvicultura (e como consecuencia unha materia prima de peor calidade e prezo aínda máis baixo).
Para rachar con ese círculo vicioso é preciso mudar usos culturais e construtivos, máis tamén prácticas silvícolas nos montes por parte dos propietarios forestais (como podas axeitadas), que permitan fornecer ás empresas do sector de materia prima de calidade (rolla de piñeiro sen nudos) para que poida ser transformada en toda unha gama de produtos capaces de substituír no mercado galego e estatal ós produtos importados e mesmo competir con eles no mercado internacional.
Traballo en conxunto: a creación da Fundación Arume
No lanzamento de novos produtos orientados á construción en madeira de piñeiro estase a involucrar en Galicia toda a cadea do sector forestal, que constituíu a Fundación Arume para relanzar o cultivo do piñeiro na nosa comunidade. Outra entidade impulsora dos novos usos das coníferas é a Plataforma de Enxeñería para o Desenvolvemento da Madeira Estrutural (PEMADE), un grupo de investigación da Universidade de Santiago dirixido por Manuel Guaita que leva anos traballando neste campo na Escola Politécnica Superior de Lugo.
Para rachar co círculo vicioso do piñeiro en Galicia é preciso mudar usos culturais na construción, prácticas selvícolas nos montes e técnicas de transformación na industria
Entre os obxectivos principais da Fundación Arume está a creación da marca Pino de Galicia para poñer en valor a madeira de piñeiro galega nos mercados nacionais e internacionais. “Queremos axudar ás empresas de Galicia a avanzar na segunda transformación, a buscar valor no mercado, e que parte dese valor poidamos devolverllo ó propietario. Para facer produtos de calidade necesítase madeira de calidade e ese é precisamente outro dos eixos principais da Fundación”, resaltan. “Pero para ter esa madeira de calidade necesitamos un modelo silvícola axeitado e partir dunha planta de calidade, para o que estamos levando a cabo un plan de mellora xenética para o Pinus pinaster e o Pinus radiata de Galicia”, engaden.
Semella que algo está a mudar e que algún paso xa se está a dar. Falamos con distintas empresas galegas, que están apostando a día de hoxe por dar valor ao piñeiro galego como madeira estrutural, e con técnicos coñecedores do sector para albiscar as posibilidades duns usos aínda incipientes en Galicia pero consolidados desde fai moitos anos noutros países.
David Lorenzo (Tecnalia): “A calidade do piñeiro galego é igual ou superior á dos abetos que veñen de Europa”
David Lorenzo é profesor da Universidade de Vigo na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e auditor de Tecnalia Certificación, unha consultoría con sede no País Vasco que traballa a nivel estatal e internacional e que está axudando a empresas galegas do sector forestal a dar o salto cara a novos usos da madeira de piñeiro destinados a estruturas para construción. “O piñeiro galego ten moitas posibilidades como material de calidade pero aquí non temos cultura na poboación e menos a nivel forestal e industrial. Temos nos montes piñeiro do país e insigne que se pode serrar, laminar e contralaminar. De Europa vén abeto e o noso piñeiro ten unha calidade igual ou superior aos abetos”, asegura David.
Hai moita madeira que queda fóra da norma porque non se fai unha boa poda. Se de 100 táboas só vale o 10% para facer produtos estruturais, iso desincentiva aos aserradeiros e ás industrias de segunda transformación
Pero pon sobre a mesa os atrancos cos que se atopa o desenvolvemento en Galicia de toda unha cadea especializada no subministro ao mercado de madeira estrutural de piñeiro. “Dos máis de 200 aserradeiros que pode haber funcionando neste momento en Galicia o 80% teñen enfocado o seu negocio ao piñeiro, pero destinado a táboa para encofrado, mobles, embalaxes ou tarimas”, evidencia, ao que se engade un segundo problema, non menor, o das dificultades de subministro de materia prima de calidade.
“Non se fai, con carácter xeral, unha boa poda e silvicultura nos montes, polo que á hora de transformala, hai moita madeira que queda fóra da norma porque non hai boas rollas de madeira podada de diámetro e lonxitude axeitadas para facer produtos estruturais. De 100 táboas váleche o 10% e iso desincentiva aos aserradeiros. Ese é outro dos factores, xunto coa falta de cultura, que dificulta o desenvolvemento deste tipo de industria”, explica.
Mercado mundial en expansión
A busca de construcións máis ecolóxicas e sostibles desde o punto de vista medioambiental xoga a favor da utilización da madeira en edificación e rehabilitación fronte a outros materiais como o formigón ou o aceiro ou mesmo en combinación con estes. Unha tendencia a nivel global na que o piñeiro é o protagonista fronte a outras especies. “A nivel europeo e mundial o 99% do mercado de madeira estrutural é de coníferas. O eucalipto ten moi boas prestacións para moitas cousas, pero globalmente hai moito máis mercado para o piñeiro que para o eucalipto neste ámbito e iso vai seguir sendo así”, prognostica.
Estamos a anos luz doutros lugares de Europa. O exemplo das Landas, en Francia, é un espello onde mirarnos desde Galicia
Por iso e dadas as eivas actuais existentes, di David, para que o sector forestal galego poida aproveitar as posibilidades reais que abre o mundo da madeira estrutural de piñeiro “é necesario mellorar en moitos ámbitos que están relacionados e que van do monte ao produto final”, implicando a toda a cadea, desde os viveiros aos propietarios forestais pasando polos madeiristas, aserradeiros e industrias. “Estamos a anos luz doutros lugares de Europa. O exemplo das Landas en Francia é un espello onde mirarnos desde Galicia”, asegura.
A nivel do estado español, a nosa comunidade é a principal zona en produción de madeira de piñeiro (pinaster e radiata) e número de aserradeiros, seguida do País Vasco, onde nos montes hai piñeiro insigne, e doutras zonas de Castela e León e Castela a Mancha, como Soria, Burgos ou Cuenca, onde a especie predominante é o piñeiro silvestre ou piñeiro roxo.
Xerar valor e mellorar prezos en toda a cadea
A madeira de piñeiro en Galicia, polo seu destino para produtos de pouco valor engadido, conta con prezos modestos, o que fai que leve anos perdendo terreo nos montes e cota de mercado dentro das empresas de corta e transformación da madeira que operan na comunidade. É a pescada que se morde o rabo: non se valoriza, polo que non se pode pagar ben no monte, como non ten bo prezo non se coida e como non se coida non hai materia prima de calidade para valorizar.
A táboa para estruturas págase ao dobre e iso indirectamente fai que a rolla no monte poida valer máis
“Hai que tratar de saír do círculo vicioso de palé, tarima e táboa de encofrado. Se ti podes serrar para estruturas aumentas o valor do produto. Esa táboa págase ao dobre. Indirectamente iso fai que a rolla no monte tamén se revalorice e anime aos propietarios forestais a que haxa piñeiro plantado nos montes e a que se coide para que haxa madeira de calidade para serrar para estruturas”, argumenta David.
Apostar por este tipo de produtos de alto valor engadido (vigas laminadas, madeira termotratada para fachadas, taboleiro CLT, etc.) serviría para mellorar a cadea do piñeiro en Galicia, chegando mesmo a duplicar o prezo no monte se o incremento de valor no mercado respecto aos produtos tradicionais que saen dos aserradeiros se acaba transmitindo aos propietarios.