A Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria de Galicia ligada ó piñeiro, vén de elaborar un vídeo para recoñecer e prestixiar o traballo que desenvolveu Isaac Díaz Pardo (1920-2012) no deseño de mobiliario, en especial no creado para as instalacións de Sargadelos en Cervo (Lugo).
O traballo de Díaz Pardo representa un exemplo temperá da importancia do deseño como elemento crave para a segunda transformación da madeira. As pezas que elaborou para Sargadelos, a maioría delas de uso cotiá, como cadeiras e mesas, son coherentes con toda a súa traxectoría artística. En palabras do arquitecto Elías Cueto, Isaac Díaz Pardo dáballe protagonismo ás “formas robutas e de xeometrías fortes”.
Unha das madeiras máis empregadas no mobiliario por Isaac Díaz Pardo foi o piñeiro, xunto co castiñeiro. “O piñeiro é unha madeira sen pretensión de prestixio, que empregou como se usa na carpintería rural, sen artificios, buscando unha sinxeleza atemporal e que resoa nas imaxes da tradición etnográfica galega”, sinala Cueto.
O crítico de arte David Barro, da Fundación Didac, contextualiza o mobiliario creado por Isaac Díaz Pardo no conxunto da súa obra. “Cando Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane impulsaron o Laboratorio de Formas querían enriquecer ó mundo coa nosa diferenza. Eles entenderon que o deseño era fundamental para conseguir o carácter diferencial da nosa cultura, das nosas empresas”, sinala Barro.
“Con Cerámicas do Castro e Sargadelos recuperaron a historia de Galicia para levala ás casas, ó pobo. O deseño de mobiliario hai que entendelo tamén nese contexto. “É un deseño cooperativo, socialista. Cadeiras feitas para os comedores, salóns de actos, para uso de todas as persoas que tiñan relación con Sargadelos, coas fábricas e empresas. O Laboratorio de Formas impulsa unha sorte de Bauhaus galega”, explica David Barro.
Con este vídeo, a Fundación Arume prosegue unha serie de vídeos divulgativos cos que quere transmitir a potencialidade da madeira galega de piñeiro.
Este traballo en vídeo contou coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.