A polémica xerada ao redor dunha parte dos contratos de carbono que se están asinando no monte galego apunta principalmente a dúas empresas: Forestación Galicia (Foresga) e ao Grupo Sylvestris. Desde Foresga quixeron dar a súa versión sobre os contratos que están a ofrecer en monte, nos que se reservan a percepción do 50% dos dereitos de carbono, en tanto o outro 50% corresponde aos propietarios.
En primeiro lugar, Forestación Galicia S.A. (Foresga) sinala que é unha empresa de servizos forestais con máis de 25 anos de traxectoria profesional. A firma apunta que realiza, entre outros, traballos forestais de todo tipo, como plantacións, tratamentos silvícolas ou construción e mellora de infraestruturas, así como a xestión integral de comunidades de montes. A compañía afirma que presta os seus servizos a 300 comunidades de montes de toda Galicia.
Desde a empresa consideran que o mercado voluntario de carbono podería ser unha oportunidade de financiamento e de ingresos para os propietarios forestais, “axudando de forma moi importante a aquelas comunidades de montes veciñais faltas de recursos para poder afrontar os investimentos que son necesarios, sobre todo nos primeiros anos de vida da plantación, cando as necesidades de investimento son maiores”.
Pero Foresga asegura que “a día de hoxe, no mercado voluntario de carbono non hai unha demanda real do carbono que se inscribe e, na nosa opinión, o formato de inscribirse no rexistro do Ministerio e que te “chamen” os interesados en comprar o carbono é erróneo”.
Para defender este argumento, a empresa apunta a datos da web do Ministerio de Transición Ecolóxica a 1 de febreiro: “As toneladas de CO2 dispoñibles para vender no rexistro son 220.481; as vendidas desde 2014 son 19.000 e as operacións de venda realizadas son 231, cunha media de 82,5 toneladas por operación”, indican.
Con estes datos, Foresga sostén que “o mercado de carbono poderá ser algún día un recurso interesante para o propietario, pero nestes momentos non o é”.
Evolución e situación do mercado de carbono
Con todo, se se repasa a cronoloxía das inscricións de CO2, compróbase que a gran maioría formalizáronse no último ano, en tanto nos primeiros anos do Rexistro practicamente eran inexistentes. En paralelo a esas inscricións do último ano, o mercado despegou. En Galicia nos últimos meses pecháronse ou apalabráronse a venda de arredor de 100.000 toneladas de carbono a empresas, segundo os datos que manexa Campo Galego, tras consultar a distintas fontes do sector.
Esas 100.000 toneladas aínda non aparecen como retiradas (vendidas) no Rexistro do Ministerio, xa que as empresas deben previamente calcular a súa compensación e inscribila ante o Ministerio, un proceso que se pechará previsiblemente nos próximos meses na maioría de casos en xestión.
A visión de Foresga
Desde Foresga entenden, pola súa banda, que o mercado de carbono é aínda incipiente e decláranse comprometidos en crear un mercado de carbono real. “Para iso é fundamental manter unha alta actividade comercializadora para fomentar a demanda, de tal forma que o comprador poida obter rendibilidade (imaxe, diñeiro, etc.) do produto que compra. Igualmente parécenos fundamental atraer a investidores con capacidade para comprar volumes substancialmente maiores aos que se viñeron comercializando até agora”, aseguran.
De cara a obter volumes de venda que ofrecer a investidores, Foresga subliña que “é necesario dispor de cantidades de CO2 que exceden das posibilidades dunha soa comunidade de montes e dar garantías ao investidor sobre a permanencia do proxecto de absorción e a execución do plan de xestión entregado. Neste sentido, “Forestación Galicia -asegura- dá seguridade ao investidor, pero tamén á comunidade de montes veciñais propietaria, ao acompañala en todo o necesario ao longo da vida do proxecto”.
Tipo de contrato
En relación ao tipo de contrato que lle ofrece ás comunidades de montes, Foresga confirma, tal e como se publicou, que lle propón aos seus clientes o rexistro dos seus dereitos de carbono, garantindo “nun contrato sinxelo que o 50% dos seus dereitos corresponda á propiedade, sen que esta asuma ningún custo e mantendo a última palabra na decisión de venda”, explica Foresga.
Foresga xustifica a percepción do outro 50% de dereitos en que “a empresa dedicou importantes recursos para o rexistro e comercialización do carbono dos seus clientes e todo este esforzo esperamos que dea os seus froitos, conseguindo a venda do seu produto en condicións adecuadas, sendo merecedores da confianza que depositaron en nós”, conclúe.
Máis información