A Deputación celebra o 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

Poxaranse 21 vacas de raza frisoa de alto valor comercial. Para poder poxar polos animais é preciso inscribirse antes do 5 de xullo

A Deputación celebra o 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

Animais nas instalacións de Mouriscade. // Imaxe de arquivo.

A Finca Mouriscade, situada en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, celebrará o venres 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún. A poxa comezará as 11.00 horas e contará con 21 vacas de raza frisoa que forman parte da gandaría da Finca. Son animais que contan cun gran valor xenético e comercial para continuar a súa vida produtiva nas granxas lácteas.

Os prezos de saída dos animais abranguen entre os 462 e os 1.925 euros en función da idade do animal. Os asistentes poderán ver os animais nas instalacións da Finca Mouriscade dende unha hora antes de que dea comezo a poxa.

Inscrición na poxa

Para poder poxar polos animais ese día é preciso inscribirse antes do próximo mércores, día 5 de xullo. As persoas interesadas teñen que presentar unha solicitude de participación na poxa a través da sede electrónica da Deputación, mediante o procedemento de Instancia Xenérica dirixida ó Servizo de Contratación. Deben achegar ademais un modelo de inscrición previa e de declaración responsable, que xa se facilita no portal.

A poxa de gando vacún da Finca Mouriscade é o último dos compromisos adquiridos no marco do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade e nace para dar resposta á demanda dos gandeiros da provincia que solicitaban ter no mercado animais de alto valor xenético. Dende a Deputación teñen previsto que este sistema se utilice en vindeiras ocasións para poñer no mercado animais de gran valor.

A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das ganderías da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás granxas, cooperativas e empresas do sector na provincia.

 

Máis información sobre a poxa

– Procedemento para a inscrición na poxa

– Ficha dos animais que participan na poxa

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información