Suba do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Silleda presenta subas no vacún maior mentres que a recría e os becerros de cebo teñen inestabilidade nos prezos

Suba do vacún maior en Silleda

Os prezos medios do vacún maior rexistraron esta semana unha subida na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca. Mentres, nos becerros, tanto na recría como nos de cebo, houbo fluctuacións.

En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe pasaron polo recinto un total de 1.055 animais, dos cales foron adxudicados 992; son cifras menores que a pasada semana.

Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É necesario ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, subiron 23 euros e sitúanse nos 86 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tamén subiron e chegaron a un valor medio de 133 euros (+23 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días descontaron 41 euros e caen aos 139 euros.

Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral foi á alza nos machos, fóra dos animais máis novos, que cun descenso de 52 euros con respecto da semana pasada alcanzan un valor medio de 305 euros. Nas femias máis novas, o incremento foi de 38 euros e sitúanse nos 221 euros. Nos machos de entre 21 e 50 días, o valor medio está nos 397 euros, ao subir 20 euros con respecto da semana pasada. Nas femias desta categoría o incremento foi de 24 euros e quedan cun valor de referencia de 275 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha suba de 18 euros e pasan a cotizarse de media a 535 euros, mentres que as femias tiveron unha baixada de 29 euros e sitúanse nun valor medio de 409 euros.

30_01_2024_page-0001

Os becerros de cebo cotizáronse á baixa, aínda que coa excepción dos machos de Rubia Galega, onde se rexistrou un incremento de 95 euros con respecto do prezo medio da semana pasada e quedaron en 1.201. As femias tiveron datos á alza en xeral, en concreto na Rubia Galega subiron 19 euros e quedaron nun prezo medio de 938 euros. Os machos de cruzamento industrial tiveron un prezo medio de 897 euros, ao rexistrar unha baixada de 37 euros. As femias desta raza están nos 916 euros, despois de subir 30 euros con respecto da semana anterior. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.016 euros (-19 euros).

No vacún maior rexistráronse subas. Na categoría extra a suba foi de 45 euros, quedándose en 2.129 euros; na categoría primeira o incremento alcanzou os 11 euros, cun prezo medio de 1.178 euros. Na segunda sumaron 8 euros e quedou nun prezo medio de 758 euros. Finalmente, na categoría de desfeito subiron 17 euros e alcanzou unha cotización media de 499 euros. Nos exemplares de Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia quedou nos 2.003 euros (-241 euros).

Mesas de prezos
Esta semana o porco cebado mantense estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

Os leitóns experimentaron un incremento de 1 euro para ambas as categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 98 euros (cun prezo de 4,9 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 93 euros e cun prezo por quilo de 4,65 euros.

30_01_2024_page-0002

No mercado do ovo houbo baixadas en todas as categorías. En concreto produciuse un descenso de 0,03 euros nos de XL e L, quedándose nunha cotización do 2,9 e 2,34, respectivamente. Nos tamaños M e S, o descenso foi de 0,02 euros e quedaron en 2 e 1,70 euros, respectivamente.

O prezo do coello está nos 2,35 euros, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun) do 18 de xaneiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información