“As granxas europeas perderán competitividade polas restriccións en materia xenética”

As biotecnoloxías xenómicas e reprodutivas aplicadas ao gando vacún de leite son xa a día de hoxe unha realidade en países como EEUU, Brasil ou Arxentina, aínda que moitas delas teñen aínda unha aplicación limitada por cuestións legais na UE

Sebastian Demyda-Peirás3

Sebastián Demyda-Peirás é un experto no campo das novas técnicas xenéticas aplicadas á produción de leite. Traballa como enxeñeiro zootecnista na Universidade da Prata, en Arxentina, un país que está a apostar aberta e decididamente pola biotecnoloxía en agricultura e gandería.

O desenvolvemento destas novas técnicas, como a edición xenética CRISPR ou a produción de gametos a partir de células nai, prognostican un aceleramento da mellora xenética bovina a nivel mundial e a superación dos avances logrados mediante as metodoloxías actuais, como a inseminación artificial, o uso de embrións ou o xenotipado.

Moitas destas novas técnicas desenvolvidas en EEUU están aínda prohibidas na UE

Sebastián visitou Galicia recentemente para participar nas Xornadas Tecnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, nas que defendeu as vantaxes de usar estas biotecnoloxías xenómico-reprodutivas para a mellora do gando vacún. Aproveitamos para repasar con el os últimos avances logrados neste ámbito e para coñecer a súa opinión sobre a prohibición aos transxénicos na Unión Europea.

“A regulación europea é restritiva, a uns niveis que non teñen máis explicación que a política. Non é unha discusión técnica. E iso pode facer perder oportunidades de mellora e competitividade ás explotacións agrogandeiras europeas no futuro. E por iso creo que as autoridades comunitarias van ter que acabar pasando polo aro”, considera.

Creo que as autoridades comunitarias van ter que acabar pasando polo aro

Con todo, non se atreve a prognosticar se este cambio de actitude se producirá a curto prazo. “Isto non vai ser pasado mañá seguramente”, opina. Dependerá, afirma, do nivel de avances que se logren noutros países a través destas novas técnicas e doutros factores difíciles de prever nun mundo tan cambiante como o actual.

“Hai dous anos todos eramos defensores sen concesións da loita contra o cambio climático e neste momento, por mor da actual crise enerxética, relaxáronse todas as políticas neste ámbito e estamos a volver a queimar carbono ao tolo”, exemplifica.

Negarse á evolución

Sebastián asegura, en todo caso, que “negarse a este tipo de tecnoloxías é basicamente negarse á evolución”, aínda que recoñece que se trata de metodoloxías que se atopan “en moi poucas mans”. “Sería fantástico que houbese un consorcio internacional público que desenvolvese esta tecnoloxía pero lamentablemente non o hai e está controlada por 4 ou 5 compañías privadas”, admite.

Esta tecnoloxía contrólana soamente catro ou cinco compañías privadas, iso é certo

“A mesma empresa que está aquí vendendo o seme xenómico está a investigar en EEUU con estas técnicas e facendo estes desenvolvementos. Hoxe en EEUU xa hai dispoñibles touros editados xeneticamente. En Brasil xa o aprobaron para un touro angus sen cornos e en Arxentina vaise aprobar tamén porque alí a edición do xenoma non é un tema de discusión como en Europa”, explica.

“E o problema non é só para os produtores, senón que na UE tampouco se pode facer investigación, polo que os científicos van quedar atrás ou van ter que marcharse a investigar a outro lado”, di.

Acelerar a mellora xenética

“As biotecnoloxías reprodutivas non son técnicas de mellora xenética nunha granxa leiteira, pero poden axudar a que esa mellora sexa máis rápida”, afirma Sebastián. “A mellora xenética significa percorrer un camiño, e iso depende do tamaño da roda (presión de selección) e da velocidade á que xira (intervalo xeracional). Hai que buscar un equilibrio entre estas dúas cousas”, defende.

Estas novas metodoloxías cambiarán drasticamente a forma de pensar a mellora xenética das vacas leiteiras

Desde hai anos, os programas de mellora xenética produciron un incremento notable da produtividade dos animais e esta mellora poderá ser acelerada coas novas técnicas, aínda que ese crecemento produtivo ten un límite, polo que a medida que eses avances se van implementando e se conseguen resultados, a capacidade de mellora redúcese. “Con IVB imos chegar en 10 anos ao que con selección xenómica tardariamos 25, pero chegará un momento no que non podamos mellorar máis”, recoñece.

Con IVB imos chegar en 10 anos ao que con selección xenómica tardariamos 25, pero chegará un momento no que non podamos mellorar máis

Combinando a selección xenómica, a obtención de células nai, a gametoxénese in vitro e a transferencia embrionaria podería reducirse o intervalo xeracional do gando dos 3-5 anos actuais a menos de 4 meses, multiplicando deste xeito por 10 o progreso xenético dos animais.

Animais máis eficientes

Con todo, Sebastián explica que “non imos mellorar a produción de leite de forma directa pola vía da edición xenética, porque non hai un xen do leite”. “A produción de leite está controlada por unha chea de xenes, moitos dos cales non sabemos nin cales son. Non hai un xen específico que faga que unha vaca que dá 12.000 litros pase a dar 15.000. E non podemos andar editando 1.000 xenes. Podemos editar un que faga que o pelo sexa curto e por tanto que esas vacas no verán sufran menos estrés por calor ou podemos editar o alelo da proteína e transformar un touro A1A1 nun touro A2A2, por exemplo. Máis que nesas cuestións eu creo que non vai haber un salto importante”, considera.

Hai poucas posibilidades de incidir directamente en produción de leite pola vía da edición xénica

Un dos caracteres que se está avaliando en selección xenómica no últimos tres anos é o ecofeed, é dicir, a eficiencia do consumo, e que está relacionada cunha menor emisión de metano. “Nese campo da selección para emisión de gases de efecto invernadoiro si que hai consorcios de universidades que están a traballar en selección xenómica para reducir a emisión de metano nas vacas financiados por fondos Feder e outros programas europeos”, indica. Está tamén en desenvolvemento, mediante edición xenética, conseguir vacas resistentes a enfermidades como a tuberculose.

Ampliar as zonas de produción de leite no mundo

Os caracteres morfolóxicos teñen un aspecto xenético importante, pero, en cambio, a produción de leite non é un carácter tan xenético e depende en gran medida do ambiente (alimentación, manexo, instalacións, clima).

As novas técnicas de edición xénica poderían facilitar a mellor adaptabilidade dos animais a zonas pouco propensas á produción láctea. “Rexións con condicións de estrés térmico importante poderían empezar a producir leite”, asegura Sebastián.

Rexións tropicais e subtropicales con condicións de estrés térmico importante poderían empezar a producir leite

É o que fixo Brasil, neste caso a través de selección xenética convencional, nos anos 90 creando unha raza propia, a girolando, que é un cruzamento da raza holstein (5/8) coa gyr (3/8). “Son unhas vacas que dan leite, aínda que menos que unha frisoa, pero en lugares tropicais e subtropicales onde unha holstein non pode nin crecer. Isto é o mesmo pero a través da técnica da edición de xenes”, explica.

“Iso podería ampliar as zonas do mundo onde actualmente se pode producir leite ou conseguir resistir mellor aos efectos do cambio climático sobre o gando nas zonas de produción actuais”, defende.

 “En Arxentina os cultivos transxénicos fixeron descender un 80% o uso de pesticidas”

Sebastián, durante su intervención en las últimas Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche organizadas por Seragro

Sebastián, durante a súa intervención nas últimas Xornadas Técnicas organizadas por Seragro

A diferenza do que ocorre na UE, outros países lanzáronse ao uso de organismos modificados xeneticamente tanto en cultivos agrícolas como en distintas especies de gando. En vacún, os traballos céntranse sobre todo en vacas leiteiras.

“O mango da tixola de holstein teno EEUU. Basicamente porque foron os primeiros que empezaron e en 15 anos fixérono funcionar. Hoxe ninguén ten 6 millóns de vacas xenotipadas, nin as vai a ter a curto prazo, porque iso é moito diñeiro. E despois hai outros países que apostan pola biotecnoloxía. O exemplo pode ser Arxentina. Igual que temos soia editada xeneticamente ou millo editado xeneticamente, en canto unha compañía produza seme dun destes touros editados xeneticamente vai entrar porque estamos abertos a estas cuestións”, indica Sebastián.

China ten unha política abertamente pro biotecnoloxía, aínda que o problema é que se sabe moi pouco e non coñecemos que é realmente o que están a facer

“Eu creo que é unha cuestión positiva e o que se logra é importante. Por exemplo, no tema de cultivos resistentes aos insectos a cantidade de pesticidas que se deixaron de usar é incrible. Son cultivos transxénicos, si, pero os pesticidas caeron un 80%. E eu prefiro non contaminar os ríos hoxe aínda que non saiba como será a evolución deses cultivos dentro de 50 anos, aínda que eu creo que non vai pasar nada”, argumenta.

Do mesmo xeito que Arxentina, tamén Brasil está a usar xa transxénicos, así como outros países que optaron pola introdución dos OMG. “China ten unha política abertamente pro biotecnoloxía, aínda que o problema é que se sabe moi pouco e non coñecemos que é realmente o que están a editar. Hai anos, de feito, apareceu alí un neno editado xeneticamente”, indica Sebastián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información