Que empregar e que non nas ganderías de vacún de leite para mellorar a xenética do rabaño?

O experto xenetista arxentino Sebastián Demyda-Peirás analizou nas Xornadas Técnicas de Seragro as tecnoloxías dispoñibles a nivel de granxa e as que se están ensaiando a nivel experimental en laboratorio

Sebastian Demyda-Peirás durante su intervención en las Jornadas Técnicas de Seragro (Foto: Jose Luis Miguez Vazquez)

Sebastian Demyda-Peirás durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Seragro (Foto: Jose Luis Míguez)

Co xenotipado e o uso de seme sexado plenamente presentes xa a día de hoxe nas explotacións lácteas, a mellora xenética dos rabaños promete dar un novo salto importante coa aparición dos primeiros animais mellorados xeneticamente mediante a edición do seu xenoma e a posibilidade de creación de gametos no laboratorio a partir de células nai, unha técnica coñecida como In vitro Breeding (IVB).

Estas dúas novas tecnoloxías poden supoñer nun futuro próximo un salto cuantitativo e cualitativo importante, abrindo a posibilidade de contar nos establos con animais máis produtivos, sans e adaptados a factores como o cambio climático e os novos sistemas de produción cada vez máis esixentes en materia de medio ambiente e benestar animal.

Vivimos unha época de cambios drásticos en canto aos coñecementos que temos sobre a bioloxía molecular e a xenómica

“Vivimos unha época de cambios drásticos en canto aos coñecementos que temos sobre a bioloxía molecular e a xenómica”, asegura Sebastián Demyda-Peirás, experto en xenética que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro.

Este zootecnista na Universidade da Prata, en Arxentina, falou de tecnoloxías presentes e futuras e deu unha serie de consellos aos gandeiros sobre que empregar e que non usar a día de hoxe nas explotacións lácteas para a mellora xenética do rabaño.

Seme sexado

Desde o punto de vista económico, asegura, ás ganderías interésalles utilizar seme sexado. “Inicialmente o uso de seme sexado afectaba de maneira significativa á fertilidade e só se recomendaba en animais novos, pero a tecnoloxía de sexado foi mellorada substancialmente, ata o punto de que hoxe pode ser empregada satisfactoriamente en todo tipo de animais”, asegura.

Na actualidade, só dúas empresas, ST Genetics e ABS, posúen a tecnoloxía do seme sexado, que se aplica en vacún de leite para seleccionar femias para recría e en vacún de carne para obter machos para cebar, con maior capacidade de engorde e rendemento económico final para as ganderías.

Xenotipado

Tras décadas estimando o mérito xenético dos animais a través do pedigree, o vacún de leite viviu nos últimos anos unha “revolución xenética” producida polas novas tecnoloxías baseadas nos estudos de ADN. A análise do xenoma do rabaño en todos os animais (tanto machos como femias) permite o coñecemento do seu valor xenético individual en estados precoces, facilitando deste xeito a toma de decisións en materia de selección xenética na granxa, aforrando custos e permitindo acertar cun maior nivel de fiabilidade.

Os valores xenómicos apareceron hai 5 anos para estimar a través de algoritmos os valores xenéticos en base ao ADN e non sobre o pedigree

“A xenómica e os biomarcadores chegaron para quedar. As probas xenómicas aos machos permitiron acurtar o intervalo xeracional de maneira abrupta, xa que nestes momentos temos seme dispoñible de touros que só teñen un ano de idade. E coas probas ás tenreiras aumentamos a precisión, con predicións máis precoces sobre caracteres como produción, graxa, proteína, lonxevidade, etc. Iso permítenos tomar decisións de acoplamentos máis razoadas, evitar erros e aforrar custos”, asegura Sebastián.

Só a raza holstein ten capacidade de levar a cabo selección xenómica, un feito que podería axudar a corrixir os altos índices de consanguinidade actuais. “A xenómica permite manexar moito mellor a consanguinidade e podería deixar de ser un problema tal como o coñecemos hoxe en día”, afirma. Ademais, “moitas enfermidades de orixe xenética poderán ser erradicadas mediante a selección xenómica”, indica.

Uso de embrións

En canto ao uso de embrións, Sebastián recomendounos só para casos moi concretos. “A transferencia embrionaria ten limitacións, porque é custosa, tediosa e cara”, destacou. E, sobre todo, di este experto, “non deben sacarse embrións en vacas vellas, porque imos tarde e seguramente se fixemos as cousas ben terá unha neta que será xa moito mellor ca ela”, argumenta.

“Desde un punto de vista xenético, o que permite a transferencia embrionaria (aumentar o número de fillos dunha nai de xenética superior) é cada vez menos necesario dado o nivel xenético xeral acadado pola maioría de animais”, asegura.

Utilizar embrións é cada vez menos necesario dado o nivel xenético xeral acadado pola maioría de animais

Existen dúas posibilidades para a produción de embrións: in vivo, mediante superovulación da vaca doante, “algo que en ocasións é dificilmente compatible coa produción láctea”, afirmou; e in vitro, mediante punción folicular.

Unha vantaxe dos embrións, explicou, é que incrementan a súa viabilidade no verán, polo que nalgúns casos poden ser tamén unha alternativa á caída estacional da fertilidade nas granxas.

Clonación

A clonación é unha tecnoloxía que está dispoñible desde hai anos, aínda que conta con moi escasa implementación en bovinos, debido principalmente ao seu elevado custo. “Conceptualmente é algo moi simple, pero é unha técnica moi cara. En Europa está prohibida, pero en Arxentina, onde este método está permitido, un clon de cabalo custa 30.000 euros”, exemplificou.

Do mesmo xeito que no caso dos embrións, Sebastián non considera interesante aplicar este método en vacas de leite. “En vacún leiteiro non ten sentido. Desde o punto de vista xenético, clonar un individuo é deter no tempo o progreso xenético e mesmo retrocedelo no caso de clonar individuos de xeracións anteriores”, asegura.

O touro Starbuck foi clonado con escaso éxito porque co paso do tempo os seus valores xenéticos quedaran xa desfasados

Pon como exemplo a clonación do touro Starbuck. A utilización de seme deste novo individuo foi moi escasa, debido a que clonaran un touro de case 20 anos e os animais contemporáneos, cando naceu o clon de Starbuck, superábano amplamente nos seus valores xenéticos debido á mellora xenética xeral lograda neses 20 anos.

Mutación xénica

As novas tecnoloxías de edición xenética baseadas en CRISPR (que permiten corrixir ou cambiar un alelo nunha soa xeración, aínda que estea noutra raza, o que antes levaba décadas) abriron un amplo abano de posibilidades na produción animal que se están aproveitando en avicultura, porcino e vacún de leite.

Podemos editar xeneticamente certos trazos dos animais durante o seu estadio embrionario para lograr neles características produtivas vantaxosas

“Aínda que non hai un xen en si mesmo que determine a produción de leite, hoxe en día podemos editar xeneticamente certos trazos dos animais durante o seu estado embrionario para lograr neles características produtivas vantaxosas”, explica.

Logrouse mediante mutación xénica un novo tipo de vaca con menos pelo que produce un 30% máis de leite en situacións de estrés térmico

Este experto pon como exemplo as vacas SLICK logradas mediante edición xénica. “O que fixeron foi introducir na raza holstein un alelo mutado no xen que codifica o receptor da prolactina. Este alelo estaba presente de maneira natural na raza senepol. O novo animal holstein resultante posúe unha capa de pelo moi fina, polo que se adapta mellor a climas cálidos, lográndose incrementos de produción de entre o 30 e o 40% en rexións tropicais.

Está a traballarse para reducir a emisión de metano mediante edición xenética

Outro exemplo de edición xenética sería a introdución de variantes poll, que producen animais sen cornos, coa intención de eliminar a necesidade de descornado. Estes dous exemplos están xa dispoñibles a nivel de granxa, pero existen actualmente numerosos proxectos en desenvolvemento para mellorar outros aspectos, como a capacidade produtiva dos animais, a súa resistencia a enfermidades ou mesmo unha menor produción e emisión de metano, explica Sebastián. O uso destes animais editados xeneticamente en granxas de produción de leite está xa permitido en países como EEUU ou Brasil, pero non na UE.

In vitro breeding

A tecnoloxía In vitro Breeding (IVB) “é o que vén”, di. Consiste na produción de gametos no laboratorio en base á diferenciación in vitro de células nai. Este proceso púxose a punto en ratos no 2017, pero non está aínda dispoñible en vacas.

“Todo o mundo pensaba que en dous anos máis estaría lista en gando vacún e sen embargo non está. Hai bastantes problemas na transformación da célula nai en gameto, tanto masculino como feminino, porque tes que facer a meiosis e recombinación e non é tan sinxelo”, explica Sebastián, que recoñece que “non hai forma de saber se estes resultados imos velos dentro de 3, de 5 ou de 10 anos”.

A tecnoloxía IVB consiste en lograr desde unha célula a súa transformación en ovocitos ou espermatozoides e a partir deles xerar un embrión que sexa viable

“Cando vai estar non o sei, pero o que si sei é que todas as empresas grandes de biotecnoloxía teñen equipos traballando nisto. É vox pópuli entre a comunidade científica. Esta nova tecnoloxía viría a substituír a transferencia embrionaria e a clonación tal como a coñecemos hoxe, porque no momento en que se poidan facer ovocitos en laboratorio acabouse a transferencia embrionaria e poderemos ter tres ou catro xeracións de animais nun ano”, asegura.

“Nas ganderías hai que trazar unha estratexia de mellora a longo prazo e evitar os erros”

Público asistente a las Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro de este año

Público asistente ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro deste ano

As biotecnoloxías reprodutivas en gando bovino non son novas. O uso da inseminación artificial en vacún de leite data de 1936, cando cooperativas de EEUU e Dinamarca empezan a extraer doses de seme fresco dos seus touros de elite. As técnicas de transferencia embrionaria chegarían en 1951, a fecundación in vitro en 1982 e a primeira tenreira nada a partir de seme sexado tivo lugar en 1993.

Na actualidade, a universalización do sistema de inseminación artificial permite incorporar en calquera establo lácteo do mundo seme dos mellores touros a nivel internacional. Esta posibilidade permitiu un crecemento notable da capacidade produtiva dos rabaños, incrementada pola introdución dos touros xenómicos. Aínda que Sebastián defende que “esta posibilidade debe tomarse con certa cautela, porque non sempre o mellor touro nun lugar tamén o é noutro”.

Hai que ter coidado, porque unha equivocación non a imos a ver ata dentro de 2 anos, cando esa tenreira empece a dar leite

A pesar de estar hoxe amplamente establecidas en establos de todo o mundo, estas técnicas mal xestionadas implican riscos. “Este tipo de metodoloxías poden axudar a mellorar o nivel xenético do gando, pero o seu uso excesivo sen o coñecemento necesario pode levar a cometer erros que se verán ao longo do tempo no rabaño da explotación”, advirte Sebastián. Por tanto, é partidario de facer “un uso racional” deste tipo de tecnoloxías baixo o asesoramento técnico de especialistas que permitan trazar un camiño para seguir nas ganderías a longo prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información