Proxéctanse novos polígonos agroforestais para viñedo no Ribeiro e Monterrei

Publicidade
Proxéctanse novos polígonos agroforestais para viñedo no Ribeiro e Monterrei

Encontro da Consellería con veciños de Monterrei para abordar o novo polígono agroforestal.

A Consellería do Medio Rural vén de manter un encontro con veciños de Monterrei para impulsar un novo polígono agroforestal no territorio da denominación de orixe Monterrei, que sería o segundo en iniciar trámites. Doutro lado, no Ribeiro, vense de iniciar o proceso de aprobación do que sería o terceiro polígono agroforestal para a comarca do Ribeiro, en Castrelo de Miño. Sería o polígono agroforestal de iniciativa pública de Prado de Miño que vén de iniciar o seu proceso de aprobación.

Este polígono de Prado de Miño, que se levará a cabo consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, suporá a mobilización de 160 hectáreas de 372 propietarios, distribuídas nun total de 1.685 parcelas e orientadas preferentemente a viñedo para a denominación de orixe (DO) Ribeiro. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses, prorrogables, tal e como sinala o acordo publicado no Diario Oficial de Galicia.

Este é o terceiro polígono agroforestal que se proxecta no Ribeiro. Xunto cos de Leiro-Barzamedelle e de A Arnoia-Remuíño, na mesma comarca, suporán en conxunto a mobilización de máis de 500 hectáreas agrícolas e forestais, que estarán dedicadas preferentemente a viñedo en zonas históricas desta bisbarra ourensá, atendendo así unha demanda do sector para garantir o futuro desta área de produción vitivinícola, segundo sinala a Xunta.

Leiro e A Arnoia

No caso concreto de Leiro, estase avanzando coa roza e posta a punto dos terreos, que abranguen unha superficie de 145,6 hectáreas, correspondentes a 183 parcelas de 113 propietarios. No polígono da Arnoia trabállase na elaboración do estudo de viabilidade, para unha superficie de 224 hectáreas de 780 propietarios, cun total de 6.753 parcelas.

Actualmente, no conxunto de Galicia hai un total de 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai case dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños.

Polígono en Monterrei

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, mantiveron onte unha reunión con veciños deste concello ourensán, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer outro polígono agroforestal na zona -en concreto, na Madanela-, cunha superficie de 56 hectáreas distribuídas en 496 parcelas propiedade de 241 titulares.

Cómpre lembrar que en Monterrei xa hai outro proxecto de polígono en marcha. Trátase do polígono de Vences, que prevé mobilizar 22,44 hectáreas, divididas en 535 parcelas de 331 propietarios. Neste caso, os traballos de roza e posta a punto de cara á súa implementación están case rematados e terá unha orientación preferente a cultivos leñosos, como o viñedo para a denominación de orixe (DO) Monterrei.

Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, 14 delas na provincia de Ourense, e unha delas en Monterrei. Trátase da aldea modelo de Infesta, cunha superficie de 36,65 ha distribuídas en 930 parcelas de 232 propietarios, da que se publicará proximamente a súa ordenación produtiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información