Archives

O Colexio de Enxeñería Forestal garante a súa continuidade

O Colexio Profesional da Enxeñaría Forestal de Galicia (COETFG) celebrou unha asemblea, que contou con case un cento de profesionais colexiados de toda Galicia representados, na que nomeou unha xunta xestora. Para iniciar o proceso presentouse unha candidatura completa, que recibiu o respaldo unánime dos participantes e que ten como obxectivos: devolver a plena operatividade á entidade e organizar o proceso electoral para elixir xunta de goberno o antes posible. O equipo que conforma a xunta xestora está formado por tres enxeñeiras e dous enxeñeiros, que non estiveron anteriormente na dirección. Tamén contan con persoas voluntarias como suplentes, por se fose necesario. Na actualidade, o colexio está formado por máis de seiscentas enxeñeiras e enxeñeiros e dende 1997 está funcionado como un colexio autónomo e desvinculado do Colexio con sede en Madrid e do Colexio Catalán. Segundo explican, isto permitiu proporcionar ás persoas colexiadas numerosas vantaxes á hora de desenvolver o seu traballo diario, ao participar de forma directa na elaboración da lexislación autonómica e nos plans de desenvolvemento rural e medio ambiente, ademais de ofrecerlles apoio directo e personalizado. O portavoz da xunta xestora agradeceu a resposta recibida e sinalou que é unha “mostra clara do apego” que o colexio conseguiu crear entre as e os enxeñeiros forestais. Quixo transmitir tranquilidade adiantando a súa intención de dar continuidade a este proceso transitorio, presentando unha nova candidatura na seguinte fase legal. Tamén animou á presentación de máis candidaturas, como “mostra da boa saúde” que ten a masa social deste colectivo, que é tan importante no sector medioambiental e forestal de Galicia. Un colectivo clave “Os enxeñeiros forestais están implicados na maior parte dos procesos técnicos que teñen que ver co medio ambiente e o medio rural de Galicia, sendo o colectivo que mantén un contacto máis estreito e directo cos propietarios forestais e as súas asociacións, así como coas distintas administracións, empresas de servicios e actores do sector forestal – industria”, destacan. Poñen de manifesto que tamén son claves na tramitación de axudas da Unión Europea que proveñen dos fondos FEDER e NextGenerationEU, e conforman un elemento catalizador e estratéxico no desenvolvemento do Plan forestal de Galicia 2021 - 2040 e no proceso de descarbonización para acadar a neutralidade climática en Galicia antes do ano 2050. “A profesión sen dúbida vive un momento de enorme desenvolvemento, cunha amplitude de ámbitos profesionais que superan con creces a outras enxeñarías ou grados, o que fai imprescindible contar cunha entidade que, de xeito responsable e comprometido, agrupe, defenda e apoie os intereses das e dos profesionais”, indican.

“Necesitamos aplicar unha silvicultura que poña no mercado madeira de máis valor, con novos usos para a industria”

A boa demanda e altos prezos que acadaron os piñeiros nos últimos anos fixeron que propietarios forestais e comunidades de montes recuperasen a ilusión nas masas de coníferas. Entrevistamos ó enxeñeiro de montes Jorge Bouzas, da Asociación Forestal de Galicia, para falar con el da xestión que deben ter os piñeirais, de cara a producir madeira de calidade. Visitamos ademais con el traballos forestais na comunidade de montes de Balouta e Fontecova (Dodro, A Coruña). - Explícanos unhas recomendacións xerais para planificar as masas de piñeiro. - Na Asociación Forestal de Galicia partimos de modelos silvícolas de produción de madeira de alta calidade, con dous itinerarios posibles: a rexeneración artificial, que se fai mediante plantación, e a rexeneración natural tras corta, que é moi habitual en comunidades de montes. No caso da rexeneración artificial por plantación, sempre aconsellamos empregar planta con mellora xenética, con I+D. Partindo desa planta de calidade, temos a opción dun marco aberto de 4x4 metros, case definitivo, con planta moi boa, e hai tamén a posibilidade dun marco máis denso, de 4x2,50 metros, que nos permite facer unha posterior selección dos pés de porvir, así como acceder a axudas públicas para a xestión da masa. En calquera caso, sempre recomendamos distancias de 4 metros nas filas para evitar nos posteriores traballos danar o arborado, con toques do tractor ou maquinaria. Nos traballos de preparación de terreo, recomendamos sempre un subsolado profundo, se pode ser cruzado mellor. Outra opción é a apertura de buracos de plantación con mini pala. No caso do rexenerado natural, trala corta hai que facer un tratamento dos restos e esperar a ese rexenerado natural, para ver se é suficiente, e logo abrir unhas rúas e selecionar as árbores que se deixan. Poda nun piñeiral no monte veciñal de Balouta E Fontecova. - Estamos na comunidade de montes de Balouta e Fontecova, un monte veciñal que é un exemplo de aposta polo piñeiro nas arredor de 500 hectáreas que xestiona. Cóntanos a situación silvícola do monte. - A comunidade de montes de Balouta e Fontecova principalmente ten masas de piñeiro que sempre acuden a rexeneración natural. Teñen unha rexeneración natural moi boa no monte, teñen moi boa planta e entón sempre optan por facer cortas, tratamento dos restos e aproveitar o rexenerado para abrir rúas o primeiro ou o segundo ano, axudando con rexeneración artificial nas zonas puntuais onde non nacera o piñeiro. - Cales son os traballos silvícolas precisos ó longo de todo o ciclo dunha plantación ou dun rexenerado natural de piñeiros? - Unha vez feita a plantación, hai que facer un seguemento aos 6 meses ou primeiro ano, para proceder a unha reposición de marras. Isto é importante sobre todo se estamos nun marco de densidade baixo, de 4x4 metros, para asegurar o número de plantas.
Con carácter xeral, haberá que facer unha poda entre os 8 e os 10 anos, de cara a evitar a formación de nós ou a minimizalos
Logo é recomendable nos primeiros 3-4 anos facer un desbroce, para o control da vexetación acompañante e facilitar o desenrolo dos piñeiros. Este traballo, dependendo do crecemento, pódese acompañar dunha poda moi somera dos verticilos inferiores dos piñeiros. No caso dunha rexeneración natural, se esa rexeneración é viable hai que abrir rúas, cun ancho de labor de 2,5 – 3 metros. No metro restante, iremos seleccionando os pés que queremos , ata conseguir as rúas e densidade buscada. A partir de aí, os tratamentos son comúns. Consisten en facer unha primeira poda baixa, que se debe facer, en función dos crecementos, entre os 8 e 10 anos. Convén non retrasala moito para que as pólas non sexan grosas cando se podan. As pólas de 3 centímetros ou menos son as ideais para que as feridas pechen o antes posible e para concentrar os nós no interior das árbores.
Os rareos son importantes para concentrar o volume de madeira para corta final nos mellores pés, que sexan máis rectos e cilíndricos
Despois, unha vez feitas esas podas, son tamén importantes os rareos para rebaixar a densidade, sobre todo nos modelos de densidade máis alta. Faríanse rareos que se chaman polo baixo para eliminar os pés máis baixos, que están dominados, bifurcados, que están torcidos ou con algún dano. Favorecerase así que queden na finca os pés mellores, máis rectos, máis cilíndricos, con poda correcta, nos que tentaremos concentrar o volume de madeira para corta final. - En canto á elección de especie de piñeiro, que recomendacións estades dando na Asociación Forestal? - Hai varios tipos de piñeiro no mercado, que son sobre todo o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e o ‘Pinus radiata’ (piñeiro radiata ou insigne). O ‘pinaster’ é un piñeiro máis agradecido se hai pouca xestión, porque tende a facer unha mellor poda natural, tende a ter menos enfermidades. No caso do ‘radiata’, é recomendable unha silvicultura para reducir eses nós, que non debe haber na madeira de calidade, polo que hai que facer esas podas temperás. Tamén son necesarios os rareos para que a masa estea saneada e circule ben o aire por ela, evitando os fungos, que son habituais nas masas de piñeiro radiata.
"En piñeiro insigne, a recomendación é ter as masas o máis aireadas posible, con podas baixas e rareos, para previr a entrada do fungo das bandas"
- Na actualidade e de cara ós próximos anos, cales son as perspectivas de sanidade nas masas de piñeiro? - Os principais problemas son a praga do nematodo do piñeiro, que por agora está concentrada na zona sur de Pontevedra, e os fungos das bandas, que afectan sobre todo ó piñeiro radiata na zona de Lugo. No caso do nematodo, non se sabe ata que punto quedará retido na zona sur de Galicia. En todo caso, hai ensaios de proxenie feitos para atopar familias de piñeiro que manifesten máis resistencia ó nematodo. A recomendación sería que no momento en que esas familias testadas estean dispoñibles nos viveiros, claramente identificadas, optar por esas familias para a plantación. No caso das bandas, si é certo que houbo un aumento, por entradas da enfermidade das bandas desde País Vasco e Asturias, algo fomentado por invernos cálidos. Agora estamos nun ciclo no que a enfermidade das bandas está tendo bastante importancia, sobre todo na zona de Lugo e en piñeirais de insigne. A recomendación é ter as masas o máis saneadas posible, con podas baixas e rareos que permitan mellorar a aireación da masa. Chegado o caso, a nivel de tratamentos tamén se pode intervir con produtos funxicidas para intentar rebaixar o nivel de esporas do fungo e controlar a enfermidade.
"Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. É certo que agora estamos nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para o piñeiro"
- Cal é a perspectiva de rendibilidade das plantacións de piñeiro a medio prazo? - Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. Iso demostrou que o propietario, cando percibe que o piñeiro ten un valor, vai apostar por el. Estamos agora mesmo nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para esa madeira. Temos que traballar nós tamén para facer os traballos silvícolas necesarios, de cara a poñer no mercado madeira de alta calidade que lle permita valor engadido á industria e usos que ata agora non eramos capaces de acadar. - Os traballos silvícolas dos que falamos, serían a principal clave para obter madeira de calidade? - Efectivamente, nos piñeirais sempre son moi importantes os coidados silvícolas de podas, rareos e entresacas. Estes traballos van sempre encamiñados a producir madeira dun elevado diámetro, moi cilíndrica e sen presenza de nós. Se facemos podas no momento que proceda, entre os 8 e os 10 anos, e rareos en anos posteriores, imos concentrar o volume de madeira en pés de calidade de maior diámetro, o que nos permitirá pensar en destinos de serra, chapa e desenrolo. No caso de que partamos de marcos amplos de plantación, son importantes as entresacas de madeira adulta, ós 15-18 anos, nas que imos extraer sempre os pés dominados, partidos, enfermos ou danados. - Falabas antes de que os altos prezos do piñeiro confirmaron que o propietario forestal, cando hai boas perspectivas, aposta polo piñeiro. Que evolución estades vendo do interese na especie? - As comunidades de montes sempre foron máis fieis á especie, por exemplo no Barbanza e no sur de Pontevedra, sempre tiveron bastante superficie de piñeiro, con tendencia a mantela. No caso dos propietarios particulares, si que é certo que cando os prezos foron baixos houbo un claro cambio ó eucalipto por tema de rendibilidade. Pero no momento en que o propietario viu que o piñeiro acadou un prezo moi superior ó eucalipto, houbo unha aposta clara pola plantación de piñeiro. - Na Asociación, que recomendacións estades facendo en canto a elección de especies e ordenación do monte? - Distinguimos entre pequeno propietario e comunidades de montes. O recomendable é non apostar sempre por unha especie, senón diversificar. Para as comunidades de montes, a parte das masas de piñeiro, recomendamos apostar por frondosas nas zonas de valgada, nas franxas dos camiños e preto das vivendas. Son zonas condicionadas pola normativa de prevención de incendios e pódense facer aí plantacións de frondosas con vistas a controlar o sotobosque, de xeito que os traballos posteriores de desbroce se abaraten. No caso dos propietarios particulares, a diversificación é máis complicada, pois falamos de pequenas propiedades nas que non ten sentido rodalizar en exceso. O normal é facer aí unha aposta máis monoespecífica, tendo en conta a normativa que lle afecte a cada persoa. - As masas de piñeiro presentan nos últimos anos un certo auxe de aproveitamentos multifuncionais, a maiores da madeira. Que posibilidades destacarías? - Hoxe en día, xa hai cada vez máis comunidades de montes que teñen os seus coutos micolóxicos. Está tamén a extracción de resina, que probaron bastantes comunidades, como forma de ter a masa limpa e persoal traballando no monte en época na que é importante a prevención de incendios. Outra opción a ter en conta é a dos mercados de carbono, que poden proporcionar un extra de ingresos. Polo de agora, en España a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica permite que entren nos mercados de carbono as superficies forestadas que estiveran rasas desde o 1989 ou terreos afectados por un incendio nos que se faga plantación ou apertura de rúas para rexeneración natural. Extractos da entrevista en vídeo

A Xunta concede 10 millóns para accións de silvicultura en máis de 4.000 hectáreas de coníferas e frondosas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios forestais, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, convocadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. O orzamento, que nun inicio era de case 9,5 millóns de euros, finalmente chegou a preto dos 10 millóns. Os beneficiados son aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto da axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén asociacións de propietarios particulares ou cooperativas agrarias. Cómpre sinalar que as achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cunha aportación Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dun 7,5% e da Xunta, do 17,5%. O orzamento é bianualizado, polo que así se asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal e do emprego que xeran. Medio Rural lembre que, entre os anos 2016 e 2022, a Xunta concedeu máis de 77 millóns de euros a uns 3.000 beneficiarios, que puideron realizar tratamentos silvícolas en 42.307 hectáreas de terreos forestais. A estas cifras hai que sumar esta convocatoria con case 10 millóns de euros para accións silvícolas en 4.577 hectáreas, polo que o financiamento para este tipo de axudas dende o ano 2016 ata este 2023 é de case 87 millóns de euros. Dúas liñas de axuda Esta convocatoria conta con dúas liñas de axudas, unha dedicada aos tratamentos silvícolas como as rozas, desmestas, rareos e podas, co fin de crear descontinuidades de vexetación no terreo, e outra para os tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vencelladas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

Medio Rural avoga por un novo sistema de créditos de carbono forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co seu homólogo de Castilla y León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, para crear unha fronte común de ambas comunidades no sector forestal. Cuestionan os criterios de xestión do Ministerio de Transición Ecolóxica, con polémicas como a do lobo, e acúsano de estar á marxe dos intereses das persoas que viven nos territorios rurais A Consellería do Medio Rural vén de manter unha reunión estratéxica co conselleiro de Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, co que abordou a posta en marcha dunha fronte común para abordar a nivel estatal cuestións clave do sector a nivel forestal. Participaron tamén no encontro, por parte galega, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. O encontro abordou a necesidade dun cambio na xestión do territorio, unha idea que se quere trasladar nun futuro Congreso de Xestión Forestal e Silvicultura, a celebrar en Galicia, onde se convidará “a todas aquelas administracións que, como a nosa, lle dean a importancia que merece ó sector forestal”, avanzou González. Créditos de carbono Neste contexto, José González reafirmou a defensa que fai a Xunta dos sistemas voluntarios de créditos de carbono, como vía fundamental para mitigar o cambio climático e tamén como forma de asegurar o futuro sustentable deste eido produtivo. González engadiu que ambas comunidades están disconformes coa norma estatal que restrinxe as superficies inscritas nos mercados de carbono voluntario ás zonas incendiadas (ou ós montes que estean desarborados desde o 1989), xa que se considera que isto pode ter un “efecto chamada” ao lume. Galicia e Castilla y León avogan por un cambio do sistema de créditos de carbono. Por iso Galicia está a traballar nun rexistro propio de créditos de carbono, cunha normativa que permita tamén ter en conta o carbono adicional capturado por masas sometidas a unha xestión silvícola, un aspecto sobre o que se están facendo estudos. A loita contra os incendios forestais foi outra das cuestións abordadas no encontro. Xestión do lobo Por parte da Junta de Castilla y León, Suárez-Quiñones criticou a xestión do lobo do Ministerio de Transición Ecolóxica, pois a protección total da especie -sinalou- vai en prexuicio de comunidades como Galicia e Castilla. A respecto de todas estas cuestións, José González recomendoulle ó Ministerio de Transición Ecolóxica que “é bo preguntarlle a quen está no territorio como se sente e como cre que se deben facer as cousas”.

Amplíanse as axudas para traballos silvícolas en bosques de carballos e castiñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se modifica a dotación orzamentaria da orde de axudas para accións silvícolas dos montes galegos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Con esta ampliación de crédito increméntase en 600.000 euros a consignación orzamentaria inicial, pasando a dispoñer de algo mais de 10 millóns de euros para traballos silvícolas dos montes galegos. O orzamento desta iniciativa está bianualizado para asegurar a necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Cabe lembrar que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.

Dúas liñas de axuda

Estas subvencións van orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Para acadar estes obxectivos, establécense dúas liñas de axuda. Por un lado, achegas para a prevención, que contemplan rareos, rozas e podas en masas de coníferas, así como accións preventivas dos danos causados nestas mesmas masas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Tamén se inclúen rozas en masas de piñeiro que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Por outra banda, as axudas son tamén para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas e outros), así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. O incremento orzamentario de 600.000 euros está vinculado a sufragar os custos desta última liña, para tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 30 centímetros. Inclúese a roza, a formación de guías e poda, así como a selección de abrochos e os rareos. Tamén se destina o financiamento dos custos de rexeneración emellora de soutos de castiñeiros.

Enlace á orde no DOG

Publicada a listaxe dos beneficiarios das axudas da Xunta para o fomento da silvicultura activa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que recolle a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a máis de 400 beneficiarios, por un importe de algo máis de 10,2 millóns de euros, cunha superficie de actuación de máis de 5.600 ha, en virtude da convocatoria do ano pasado. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación Forestal, concede estas axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. A meirande parte das axudas están destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperatias agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Reparto das axudas

Na provincia de Ourense aprobáronse 145 expedientes para 2.718 hectáreas, cun importe de 5,1 millóns de euros; na de Pontevedra foron 117 expedientes para 1.285 hectáreas cun importe de case 2,2 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.150 hectáreas, cun importe de 2 millóns de euros e, finalmente, na provincia da Coruña aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas, cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 407 expedientes aprobados para unha superficie de actuación de 5.654 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros. Arredor dun 90% da contía concedida correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2023. Estímase que execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas implica a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo. . As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5% e da Xunta de Galicia do 17,5%. Enlace á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230116/AnuncioG0426-161222-0002_gl.html

Actívase dende hoxe a tramitación electrónica para as agrupacións forestais de xestión conxunta e os silvicultores activos

Logo de que se presentara no Consello da Xunta deste xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A previsión que manexa a Xunta é de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos ata o 2025. As agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. As agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas. Os procedementos voluntarios de rexistro que se estrean hoxe estarán abertos permanentemente. Como se indica na orde, as solicitudes dirixiranse ao órgano forestal, ao Servizo de Montes da xefatura territorial correspondente. No caso das agrupación forestais de xestión conxunta poderán inscribirse as sociedades de fomento forestal (Sofor), as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais. Mentres, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultores activos as persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que dispoñan dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente. Como destacan dende Medio Rural, estas dúas figuras buscan incidir na mellora da xestión das arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais que hai en Galicia. Así as cousas, as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

- Máis información:

-Orde no DOG.

-Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.

Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:

-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.

-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.

-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.

-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

-A prevención e defensa contra os incendios forestais.

-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.

-A creación de emprego endóxeno.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.

Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.

Xestión do monte, fronte ó abandono

A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

Aproban a concesión de axudas de silvicultura a case 400 beneficiarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acaba de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a case 400 beneficiarios por un importe superior aos 10,2 millóns de euros, para unha superficie de actuación de máis de 5.500 hectáreas. A provincia de Ourense aglutina a maior parte das subvencións, ao representar tanto a metade do orzamento distribuído como a metade das hectáreas nas que se levarán a cabo ditos traballos silvícolas. Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración ou mellora de soutos de castiñeiro. Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, montes indivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. Nesta convocatoria priorizaron a xestión forestal sustentable así como aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal, que obtiveron a máxima puntuación. Se se analiza os beneficiarios por provincias, en Ourense contabilízanse 149 expedientes para 2.737,17 hectáreas, cun importe de máis de 5 millóns de euros. En Lugo foron 102 expedientes para 1.119,92 hectáreas, cunha achega total de máis de 2 millóns. No caso de Pontevedra hai 97 beneficiarios para actuar en 1.146,20 hectáreas cunha axuda global de máis de 2 millóns. Por último, na Coruña aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524,97 hectáreas cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 393 expedientes aprobados, para unha superficie de actuación de 5.528,26 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros. Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2022. Segundo apuntan dende a Consellería de Medio Rural tomando man dos datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo. Esta liña de axudas encáixase no cumprimento a varios eixes da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, como ao da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes a fomentar a aplicación dunha silvicultura activa como a aplicación dunha silvicultura próxima á natureza, a aplicación dunha silvicultura de frondosas xunto coa transformación de eucaliptais abandonados ou dunha silvicultura dirixida á conservación in situ de recursos xenéticos. Esta convocatoria tamén se engloba nas medidas do Plan Forestal para implantar tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa, entre outros, dentro do eixe relativo aos recursos forestais e á cadea monte-industria.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos neste ano 2021. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2020 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.

“A rendabilidade económica e a sostibilidade do monte poden ir da man”

Sandra Vázquez (A Coruña, 1987) leva 10 anos traballando no mundo forestal e na actualidade dirixe a explotación forestal dun monte privado. Trala crise do ladrillo, e para acadar o seu soño de “contribuír á natureza e facer dela a súa oficina”, compaxinou os seus estudos de técnico forestal en Valencia co traballo nesta explotación forestal, que agora dirixe. A súa filosofía de traballo é a de conseguir un beneficio ambiental para a contorna e que a xestión forestal permita obter madeira de calidade. No monte que dirixe, xestionan todo tipo de especies, tanto coníferas (piñeiro, sequoia) como eucalipto e frondosas (carballos, bidueiros, etc.). Sandra defende un monte con diversidade de especies e diferentes destinos para a madeira (aserrado, pasta de papel, bateas, barcos, construción, etc.). O seu obxectivo é obter madeira de calidade, á vez que se manten a biodiversidade e a función ambiental do monte. “Temos un 20% do monte destinado a reserva, sobre todo nas beiras de ríos e áreas de frondosas ou de interese paisaxístico. Esas zonas de reserva, tal e como figura no noso plan de xestión, non se cortarán, salvo casos de árbores mortas ou problemas similares”, salienta. Esta peza audiovisual foi realizada pola Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) no marco dun conxunto de audiovisuais que está a facer, nos que a construción dun barco é o fío condutor para presentar o impacto da industria forestal no territorio, explicando todo o proceso da madeira, desde o aproveitamento forestal ata a súa transformación. É unha serie desenvolta en colaboración con XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.