A Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), encargada de vixilar os contratos na cadea alimentaria, desde o campo ata as cadeas de distribución, vén de facer pública a súa primeira lista de sancións emitidas, as correspondentes ó primeiro trimestre do 2023. Con anterioridade, a AICA só comunicaba o número de sancións en cada sector e o importe das sancións, pero non o nome das industrias e empresas multadas. Desde as organizacións agrarias viñan reclamando que o nome das empresas sancionadas tiña que ser público, algo ó que finalmente accedeu a AICA.
Na relación de 69 multas, aparecen por parte galega a industria láctea Inleit e a cadea de supermercados Froiz. No caso de Inleit, trátase dunha multa de 9.000 euros por unha variación unilateral á baixa do prezo do leite contratado coas granxas, sen pacto previo coas ganderías. A sanción que se resolveu agora corresponde a un episodio do 2020.
En canto a Froiz, trátase dunha multa de 3.000 euros por incumprimento dos prazos de pago.
Na lista das sancións, predominan as multas por este último motivo, o incumprimento de prazos de pago, e pola falta de contratos escritos entre as partes, unha cuestión pola que foron sancionadas varias industrias cárnicas en Castilla y León.