Archives

Os produtores en ecolóxico piden unha reunión co conselleiro ante a “incerteza” no cobro das axudas

A Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico (PROECOGAL), solicita reunión urxente co actual conselleiro en funcións José González pola preocupación existente no sector ecolóxico ante “a gran incerteza” por non ter resoltas: A resolución das axudas Agroambientais do 2.023. “Temos indicios dunha diminución na partida orzamentaria correspondente, lembramos que é de 9M€/anuais e tamén de que non se abra nova convocatoria para o 2024”, sinalan dende a asociación. O recurso contencioso-administrativo presentado pola asociación ante o Tribunal Superior de Xustiza, ó respecto da exclusión dos produtores de ecolóxico no dereito a solicitar a liña por danos de fauna salvaxe. O recurso contencioso-administrativo presentado por varios socios e socias de PROECOGAL polo que consideran “inxusta resolución das axudas agroambientais do 2.022”. “As solicitudes de incorporación e plans de mellora do 2023, agravado pola apertura da convocatoria para as mesmas liñas para o 2024. Así, o prazo para presentar unha nova solicitude no 2024, vai decorrendo en prexuízo dos solicitantes do 23 que están na incerteza de se llas aprobaron ou non”, advirten.

Axudas da PAC sen cobrar polo que consideran “desmantelamento” do FOGGA

Así mesmo, dende PROECOGAL afirman que “existe un temor en todo o sector agrario e gandeiro polo xa constatado desmantelamento do FOGGA e a falla de persoal existente, que leva a retrasos nos pagos da PAC, anunciados a bombo e platillo xa en novembro polo conselleiro, e tan esperados polos produtores”. “Hai produtores -engaden- que se viron abocados a ter que solicitar, a estas alturas créditos ou anticipos de pago e que serán perxudicados fiscalmente, no 2024, no caso de percibir as dúas anualidades no mesmo exercicio fiscal”.

Asemblea da asociación o vindeiro 10 de febreiro en Friol

Por outra parte, o vindeiro sábado 10 de febreiro celebrarase asamblea ordinaria da Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico (PROECOGAL), na súa sede en Friol.

Produtores ecolóxicos reclaman á Xunta fondos para as solicitudes de axudas denegadas no 2022

Representantes da Xunta Directiva da Asociación de produtores e produtoras de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL), rexistraron este mércores 25 de outubro máis de 10.000 sinaturas pedindo á Consellería do Medio Rural que rectifique e subsane a carencia de fondos económicos suficientes para custear todas as solicitudes da axuda á produción ecolóxica do ano 2022 que cumpren cos requisitos de condicionalidade. Segundo PROECOGAL Esta resposta social mostra o apoio existente a unha forma de produción sostible e respetuosa co medio, que difire moito das accións da Xunta que, "de xeito inxusto, arbitrario e unilateral, penalizou este sector, no lugar de exaltalo como ven demandando tamén Europa", e poñendo así, "en situación de precariedade moitos dos solicitantes que se viron obrigados a pechar ou, no mellor dos casos, pasar de novo ó método de produción convencional". A Asociación non acepta a resposta por parte do conselleiro de que non se pode ampliar o orzamento cando se puido ver que o PDR do 2014-2020 xa foi modificado moitas veces por cantidades moi superiores ós 2,6 M€ que precisa a axuda demandada do 2022. O sector ecolóxico pode sinala ter cumprido cos compromisos suscritos, de estar en constante crecemento, non pode facer o mesmo a Consellería nin a Xunta, que cada vez discrimina e penaliza máis a produción ecolóxica, incluso deixándoa fóra da axuda de convivencia con grandes cánidos.

Denuncian a “discriminación” dos produtores ecolóxicos nas axudas da Xunta para previr ataques do lobo

A Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL) denuncia o que consideran “trato discriminatorio” para este colectivo por parte do goberno da Xunta. "Queremos resaltar e recordar, a inexplicable incoherencia de que os productores de ecolóxico estamos excluídos na liña de axudas do PDR por ataque de lobo, polo que debemos comprender que a carne dos animais ecolóxicos non debe ser de bo dente para os seus depredadores, sendo o gando no sistema de manexo ecolóxico o que máis exposto está pola cantidade de horas que están nos pastos”, critican dende PROECOGAL. Neste sentido, dende a asociación anuncian que están a traballar  na presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra esta decisión da Xunta por considerala “totalmente discriminatoria”.   Ademáis, chaman a atención polo que consideran dobre vara de medir do goberno galego, pois mentres decide ampliar as axudas para a contratación de pastores e así cubrir todas as solicitudes “cando os produtores en ecolóxico solicitamos unha ampliación das axudas agroambientais do ano 2022 para cubrir todas as solicitudes que foran denegadas, non por incumprir os requisitos da axuda, se non por non ter orzamentado suficiente para a mesma, a resposta, pese o recoñecemento público, pola súa falla de previsión e comunicación entre entidades administrativas implicadas, foi un rotundo e reiterado non”.