Estratexias para enfrontar as secas no millo

Recollemos as principais conclusións do webinar organizado por Campo Galego no que técnicos e investigadores explicaron as súas experiencias no manexo das secas para reducir as perdas neste cultivo forraxeiro

Estratexias para enfrontar as secas no millo

Parcela de millo afectada pola seca na comarca do Deza.

O emprego de variedades adaptadas á seca, a rega do cultivo ou a optimización e selección das parcelas destinadas ó millo forraxeiro foron algunhas das cuestións que abordaron os técnicos e investigadores que participaron este mércores no webinar sobre o cultivo do millo en Galicia ante o cambio climático, organizado por Campo Galego.

Ensaios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

En Galicia, a rega do millo é escasa, coa excepción do Limia e de experiencias puntuais. Desde a perspectiva de Gonzalo Flores, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), sería importante impulsar pequenas obras hidráulicas, como balsas de acopio de auga de chuvia, para facer regas estratéxicas en determinados momentos do ciclo no verán.

As regas cobran especial importancia, dada a gran variabilidade climática dos últimos anos. Segundo os datos dos campos de ensaio do CIAM no sur de Lugo, os veráns máis secos poden levar a unha redución de ata 7 toneladas de materia seca por hectárea na colleita, o que supón un custo de de arredor de 910 euros por hectárea. En Galicia, cunhas 68.000 hectáreas de millo, as perdas dun ano seco para o agro poderían representar arredor de 62 millóns de euros.

A rega do millo na Pobra do Brollón permitiu obter colleitas cunha produtividade de ata 2,6 veces superior á de parcelas de secaño

As experiencias desenvolvidas polo CIAM en distintos campos de ensaio de Carballedo e da Pobra do Brollón evidencian a mellora ó dispoñer de rega naqueles momentos de maior estrés hídrico, aínda sen ser preciso un gran aporte de auga. No caso do campo de Carballedo, a achega de auga foi de entre 200 e 260 milímetros, entre mediados de xullo e a primeira semana de setembro, cun sistema de rega por pinga. “As plantas non regadas tiñan menor porte e proporción de espiga, menor contido en materia seca e contido en amidón”, detalla Flores.

Nos diferentes campos de ensaio, a rega sempre resultou positiva e permitiu lograr destacadas variacións con respecto do millo en zonas de secaño. Naquelas parcelas en sequeiros relativamente húmidos, a produtividade dos cultivos regados foi 1,4 veces superior ó do millo non regado. Porén, en zonas cun clima máis adverso, como A Pobra do Brollón, esta diferenza foi ata de 2,6.

“É recomendable incluír no vindeiro Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) medidas de apoio á instalación de unidades de almacenamentos de sobrantes de auga de chuvia no outono para poder empregalas para regas estratéxicas no cultivo do verán”, conclúe Flores.

Outra das cuestións abordadas por Flores na súa intervención foi o efecto positivo que pode representar a rotación de cultivos de inverno, sobre todo de leguminosas. Os resultados evidencian que “a rotación de cultivo ten un efecto tampón da seca do millo e equilibra a relación de enerxía e proteína das forraxes da gandería. Ademais, o cultivo de inverno non compromete ó millo, senón que, máis ben, mellora a estrutura do terreo”, concreta Flores.

Obtención de híbridos adaptados á seca

Henrique Teixeira, responsable de vendas en Galicia da firma Mas Seeds, pon o foco na elección de variedades que presenten unha maior resistencia ás secas, o que permite lograr un ensilado de mellor calidade e evitar problemas de conservación.

“É asombroso que só o 37% dos gandeiros europeos colleiten o seu millo no momento óptimo, para lograr entre o 32 e o 35% de materia seca, pois sabemos que ese é o intervalo para ter un bo ensilado”, apunta Teixeira, en base ó estudo realizado por Mas Seedsno 2018, no que tiveron en conta máis de 8 millóns de hectáreas de millo.

Estase a procurar híbridos nos que a planta aguante verde máis días para lograr unha porcentaxe de materia seca axeitada, ó tempo que así se mellorará a conservación do silo

A diferenza entre un millo ensilado ou non no momento óptimo de maduración tradúcese en perdas económicas que poden supoñer entre 1.000 e 2.000 euros nun silo de 600 toneladas en verde. Por iso, Teixeira destacou a importancia de escoller híbridos como o DM5507 incluído na gama Green+, que é froito dun proceso de mellora xenética no que se procuran variedades máis resistentes a altas temperaturas e secas.

Esta gama Green+ mantense verde 5 días máis, o que permite maior marxe para ensilalo e mellora tamén a súa conservación. Ó manterse verde máis tempo, consegue tamén evitar perdas de ata un 3% no silo e logra incrementar en máis dun 5% a dixestibilidade do amidón no rumen.

Mazaricos e Chantada, dúas comarcas gandeiras con condicións moi diferentes para o cultivo

A cooperativa Ganxabar,, en Mazaricos (A Coruña), produce forraxe para elaborar unha ración á carta para unhas 1.800 vacas en produción de leite, así como para recría e as vacas secas. Dispoñen dunhas 700 hectáreas para a produción de forraxes, unha superficie destinada a diferentes cultivos en función das necesidades. “Orientamos cada parcela para sacarlle o mellor rendemento, programando os quilos de materia seca que logramos ó longo de todo o ano”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar.

En Ganxabar orientan cada parcela para sacarlle o mellor rendemento, programando os quilos de materia seca que lograrán ó ano

As parcelas máis fértiles destínanas á produción de millo para reducir a marxe de variabilidade da produción por causa das secas, en tanto as fincas que poden ter máis problemas, unhas 200 hectáreas, adícanas a raigrás inglés, co que poden obter 3 cortes antes de que chegue a seca no verán. Deste xeito, conseguen sacar a suficiente forraxe para rentabilizar mesmo ter arrendada unha hectárea dese terreo.

Co obxectivo de cubrir as necesidades de proteína e fibra que precisan na ración dos animais, tamén producen unha mestura de leguminosas e raigrás que cultivan naquelas parcelas que, por non ser excesivamente húmidas, permiten o corte e posterior sementeira do millo na primeira quincena de abril; pero unha parte importante da superficie de millo queda en parada invernal, o que lles permite sementar cedo, unha cuestión que consideran importante para enfrontar as secas, pois cando escasee a auga, o cultivo xa terá unha raíz ben establecida.

Cunha sementeira de cedo tamén poden escoller ciclos máis longos, cunha mellor produtividade e maior marxe para a súa colleita no momento óptimo, pois cos ciclos curtos comprobaron que teñen en xeral menos marxe.

Á hora de sementar, tamén cuidan factores como a densidade ou a precisión: “Tentamos facer unha sementeira de precisión, coa que garantir a distancia entre plantas para evitar a competencia entre as plantas na seca”, comenta. Nas parcelas máis secas mesmo reducen a densidade arredor de 13.000 plantas por hectárea para que a planta estea nas mellores condicións.

“Tentamos adaptar a finca ó cultivo que queremos plantar e nos últimos anos estamos tendo unha liña de colleita na que hai moi pouca variabilidade”, conclúe Cundíns.

En Chantada, a cooperativa Aira colleita cada ano entre 2.000 e 2.500 hectáreas de millo forraxeiro. Nesta zona tamén poñen especial atención á selección da parcela para reducir os efectos das elevadas temperaturas e a falta de choiva. “É fundamental sementar cedo para que o millo acade un bo tamaño coa humidade que hai no solo, antes da seca”, detalla José Manuel Rodríguez Medeiros, xefe de Marketing e vendas en Aira.

O abonado da parcela tamén resulta determinante para lograr unha maior resistencia fronte á seca

Tamén optan por ciclos de millo que se adapten ás secas e por adecuar a densidade da sementeira, proporcionando maior espazo entre plantas naquelas parcelas que son máis propensas a rematar sufrindo estrés hídrico. Medeiros incide ademais na importancia que ten o abonado para reducir os efectos da seca. “Ter a parcela ben abonada e sen herbas que compitan co millo é clave para poder resistir mellor a seca”, detalla.

En Aira optan polo Sistema Profer, de Delagro, un abonado á carta no que se estiman os aportes ó solo en base ás analíticas coas que coñecer as necesidades reais dese terreo.

Medeiros concluíu destacando os bos resultados dos ensaios de regadío que se fixeron en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o que mostra que é unha opción con gran futuro na comarca.

As consecuencias das secas no silo

O veterinario da cooperativa Clun Rubén Laria, especializado tanto en alimentación animal de vacún de leite como en reprodución, abordou durante a sesión os efectos que as secas provocan na calidade e composición do silo. “Na zona na que eu traballo (Barcala – Xallas), as secas adoitan producirse na fase de polinización e enchido do gran, o que deixa ensilados máis pobres en amidón, aínda que ricos en carbohidratos”, apunta.

Laria incide en que, pese ás secas durante o crecemento e desenvolvemento do millo, a toma de decisións acertadas no ensilado pode contribuír a correxir algunhas das carencias iniciais derivadas do estrés hídrico ou térmico que sufrira a planta. “Temos marxe de manobra á hora de recoller o millo sen que haxa implicacións importantes na produción. Debe ser o gandeiro, asesorado polo técnico, e non o maquinista da colleitadora, quen decida cando e como colleitar o millo”, reivindica.

Factores como a lonxitude do corte da fibra, o procesado do amidón, o compactado do silo, o emprego de films transparentes autoadherentes, o tamaño do frontal do silo en base ó consumo diario ou o emprego de inoculantes son claves para reducir as perdas do silo, mellorar a súa conservación e aproveitar ó máximo os seus nutrientes. Cuestións como o tamaño da partícula ou a dixestibilidade do millo deben de ser coidadas para a toma de decisións no ensilado.

Laria incide na importancia de coñecer as necesidades de forraxe da gandería e tomar as decisións precisas, en base a analíticas fiables, para realizar un manexo que permita cubrir as necesidades de produción cunha ración estruturada.

Vídeo completo da xornada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información