O cebo con forraxes de xovencos cachenos demóstrase máis rendible que a dieta convencional

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e o Centro Tecnolóxico da Carne desenvolveron un proxecto que confirma os beneficios económicos e nutricionais dunha alimentación alternativa no acabado dos animais

O cebo con forraxes de xovencos cachenos demóstrase máis rendible que a dieta convencional

Cachenas nas instalacións do Ciam.// Imaxe de arquivo.

O Centro de Investigacións e Experimentacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) acolleu unha xornada técnica na que se presentaron os resultados dun estudo sobre alimentación alternativa para o cebo de animais de raza cachena. Nesta xornada amosaron os datos sobre o cebo de xovencos, becerros castrados, logo de que xa foran presentados o ano pasado os resultados obtidos para as xovencas e os tenreiros. Neste estudo contemplan as diferentes franxas de idade e tamén están pendentes os resultados do vacún maior, as vacas de descarte.

Durante a xornada presentáronse as análises nutricionais dos alimentos proporcionados ós xovencos de raza cachena. A técnica do Centro de Investigacións e Experimentación Agrarias de Mabegondo Carmen Montes ofreceu aos asistentes os resultados da produción de calidade da carne desta raza autóctona. O estudo incluíu 16 xovencos, que foron sacrificados ós 26 meses e que estiveron en cebo 138 días.

“O obxectivo deste estudo é demostrar a viabilidade económica de proporcionar unha dieta forraxeira ós animais, que resulte tamén máis sostible e saudable fronte ó cebo tradicional, sen que as características da carne se vexan afectadas”, explica Teresa Moreno, investigadora do departamento de Carne do Ciam.

O estudo incluíu 16 xovencos sacrificados ós 26 meses logo dun cebo de máis de catro meses

Esta dieta alternativa baséase en forraxes e pasto. En concreto a alimentación destes xovencos baseouse en proporcionarlle silo de millo mesturado con xirasol, aceite de xirasol e silo de xirasol, ademais de fariña de millo que complementaban co pastoreo en distintas fincas do Ciam. Mentres, o cebo convencional realízase con penso e herba seca.

O estudo amosou que esta alternativa a base de forraxe resulta máis económica que a convencional, sen que iso supoña cambios destacados na calidade da carne. Os custes da alimentación convencional supuxeron 3,59 euros por animal e día, mentres que a dieta forraxeira quedou en 0,91 euros por cabeza. No caso dos animais alimentados coa dieta convencional, o consumo foi de 8,976 quilos de materia seca por animal ó día e nos xovencos ós que se lle proporcionou forraxe a inxesta foi de 8,446 quilos de materia seca. Así, o índice de conversión foi de 11,89 na dieta convencional e de 25,48 para os animais alimentados coa dieta alternativa. 

A dieta alternativa baséase en pastos e forraxes como silo de millo e xirasol. O custo medio foi de 0,91 euros por cabeza e día fronte ós 3,99 euros da dieta convencional

Os animais alimentados de xeito convencional tiveron un peso vivo superior e na canal, o estado de engraxamento, conformación e peso da canal fría tamén foron superiores ós animais de cebo forraxeiro. Mentres, que os de cebo forraxeiro tiveron un rendemento de canal significativamente superior. 

“Non houbo diferencias moi significativas entre os animais, nin no peso vivo nin na canle e conservouse a calidade da carne, mesmo se conseguiron valores máis favorables na calidade nutricional da carne dos animais alimentados co cebo forraxeiro”, explica Moreno.

Así, na calidade organoléptica da carne, non existen diferencia significativas relacionadas co tipo do cebo, aínda a pesar das mínimas diferenzas na porcentaxe de graxa intramuscular. Na calidade nutricional, o cebo forraxeiro proporcionou un maior contido de ácedos graxos monoinsaturados e omega6, o que a converte nunha alternativa máis saudable. 

No estudo tamén participa o Centro Tecnolóxico da Carne, que se centra na maduración desta carne de vacún. Ademais, o estudo tamén conta coa participación da empresa Proyecto Miña Terra.

230710_Cabarcos_Cachena

A xornada incluíu unha degustación de distintos cortes de carne de cachena.

A xornada rematou cunha demostración de corta de carne e degustación de carne de cachena, que se inclúe dentro das iniciativas para dala a coñecer. Na xornada participou tamén o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, así como o alcalde de Abegondo, José Luis Santiso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información