A Xunta porá en marcha este ano o Banco de Explotacións, unha medida incluída no marco da Lei de Recuperación da Terra agraria de Galicia para garantir a remuda xeracional no agro. Así o afirmou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, este venres na súa intervención na Comisión de Agricultura do Parlamento galego.
O Banco de Explotacións ten como finalidade poñer en contacto a persoas que cesan a actividade con outras interesadas en alugar esas instalacións, de cara a garantir a continuidade desas granxas.
Neste sentido, Inés Santé explicou que se implementará unha aplicación informática para a xestión das granxas que formen parte do Banco de Explotacións, co fin de poñer en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse.
O prezo de venda ou aluguer será negociado polas partes coa mediación de Agader
“Poñeremos en marcha unha aplicación informática xa desenvolvida que permitirá a xestión da información de todas as granxas e incluirá un visor xeográfico onde se poderá consultar a súa ubicación e características”, indicou Santé, que comparaceu no Parlamento a petición do grupo popular.
Incorporación obrigatoria de explotacións que recibisen axudas
A posta en marcha do Banco de Explotacións centrou tamén unha Proposición non de Lei presentada polo BNG, na que se solicitaba a súa articulación “de maneira inmediata” e a difusión da súa existencia a través das oficinas agrarias comarcais.
O PP apoiou a proposta e o deputado José Antonio Armada avanzou que este ano porase en marcha un proxecto piloto do Banco de Explotacións nunha comarca, explicando ademais que “o prezo será negociado polas partes coa mediación de Agader”.
Ao Banco de Explotacións incorporaranse as granxas de xeito voluntario, agás todas aquelas que teñan unha axuda activa no momento do peche ou nos anos previos. “As explotacións sen relevo que recibisen plans de mellora da Xunta incluiranse automaticamente no Banco de Explotacións”, explicou.
O sector leiteiro perde entre 30 e 40 granxas por mes
O encargado de defender a iniciativa do BNG foi o deputado Xosé Luis Rivas, Mini, que indicou que “o ano pasado, pese a ser un bo ano para o sector lácteo, pecharon 344 explotacións leiteiras en Galicia, 1.600 sumando as de carne”.
Alertou ademais de que “empezan a pechar granxas grandes, ben dimensionadas, rendibles pero sen sucesión”. “O sector leiteiro, que é o mellor remunerado neste momento, perde entre 30 e 40 granxas por mes. Moitas veces está o fillo pero di eu non a collo porque me vén enriba un lío tremendo. Se é rapaza buscará traballo de caixeira de supermercado e se é rapaz de camareiro nun bar”, describiu.
Vostedes botan para atrás a calquera. Este ano houbo 73 solicitudes de incorporación denegadas por falta de orzamento (Xosé Luis Rivas, BNG)
“Vostedes botan para atrás a calquera. Este ano houbo 73 solicitudes de incorporación denegadas por falta de orzamento e estamos asistindo a unha grande ameaza de apocalipse, que é a nova PAC, pronunciada en charlas oficiais por un director xeral que é un conseguidor”, denunciou.
“Os 13 anos de política somnolenta do Goberno do PP están a ser letais para o agro galego. Produciuse unha perda de 20.000 explotacións e a tendencia de abandono non se frea porque non se van incorporar 400 mozos ao ano en leite, que sería necesario para manter o número actual de explotacións”, alertou.
“O abandono chama polo lume”
“O abandono chama polo lume, ata que a Consellería se dedique unicamente a iso”, dixo Mini, que criticou a estratexia da Xunta para o sector da carne: “Só as explotacións profesionais teñen dereito á existencia, este é un mantra que se repite e que cala, pero a realidade é que temos máis da metade do territorio xestionado por pequenas explotacións a tempo parcial, de menos de 10 vacas. A reestruturación leiteira fíxose así, a base de abandono inducido”, denunciou.
O PSOE apoiou a iniciativa presentada polo BNG. O deputado Martín Seco expuxo que “os datos falan de que 5 de cada 6 gandeiros poden estar xubilados no ano 2030 sen que teñan relevo” e advertiu á Xunta de que “non estamos en tempo de propaganda, senón de actuar” porque “dous anos despois o Banco de Explotacións está posto na Lei pero segue sen estar en funcionamento”.
Declarados de utilidade pública tres polígonos agroforestais en Larouco, Montederramo e Bóveda
O debate deste venres no Parlamento xirou tamén en torno á Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e á necesaria mobilización de superficie abandonada para a aumentar a superficie das explotacións existentes. “As explotacións son pequenas e non teñen terras a disposición, por iso son menos competitivas”, dixo Martín Seco.
“Cando unha granxa pecha as fincas grandes cólleas outra explotación, pero non compensa a perda de cabezas de gando. Fai falta leite, pero a tendencia é a menor produción, porque hai menos vacas e porque a situación climática está aí, ameazándonos cunha seca brutal”, afirmou pola súa banda Mini.
Na súa intervención Inés Santé lembrou que Galicia xa conta neste momento con 21 aldeas modelo declaradas que suman unha superficie de 574 hectáreas repartidas en 9.346 parcelas con 2.359 persoas propietarias. Oito destas aldeas xa están en funcionamento e contan con actividade gandeira en extensivo de vacún, porcino ou caprino.
No marco desta figura, tamén se referiu a iniciativas novidosas como o Espazo Agrario de Experimentación da aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, onde se constituirán tres explotacións destinadas a tres actividades emprendedoras diferentes, centradas en cultivos de ciclo curto ou leñosos para tres novas explotacións de produción ecolóxica.
En Muimenta (Carballeda de Avia) ofertaranse fincas con invernadoiro para tres explotacións de horta ecolóxica
No referido aos polígonos agroforestais, un dos instrumentos de referencia da lei para a mobilización dunha maior superficie de terra, estase a traballar en 21 destes polígonos de iniciativa pública, dos cales 13 contan con acordo de inicio e 8 atópanse en fase de actuacións previas.
Precisamente o Consello da Xunta, na súa última reunión, declarou de utilidade pública e de interese social tres polígonos agroforestais en Larouco, Montederramo e Bóveda para poñer en valor preto de 300 hectáreas.
En total, son preto de 8.900 hectáreas mobilizadas grazas a esta ferramenta dos polígonos en toda a comunidade galega, con máis de 26.400 parcelas e case 7.250 persoas beneficiadas, segundo sinala a Xunta.