O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os decretos polos que se declaran de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Remuíño, localizado no concello ourensán da Arnoia, e o da Cabreira, en Salvaterra do Miño (Pontevedra). Esta declaración implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento.
O caso de Remuíño aprobouse o pasado 8 de xullo de 2022, e ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, en progresivo estado de abandono ou infrautilización. A superficie total neste caso é de 224 hectáreas, distribuídas en 6.753 parcelas de 780 propietarios.
Mentres, o polígono de Cabreira actuará sobre 22,21 hectáreas distribuídas en 237 parcelas de 148 propietarios. Neste caso, cómpre destacar que a zona delimitada está na área da Denominación de Orixe Rías Baixas, existindo unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculados á produción vitivinícola, gandería extensiva e aproveitamento forestal.
“Na actualidade, tendo en conta este de Salvaterra do Miño, estanse a desenvolver un total de 30 polígonos agroforestais de iniciativa pública en toda Galicia, que se atopan en distintas fases de execución. Isto supón un total de 9.323 hectáreas mobilizadas grazas á Lei de recuperación da terra agraria, abranguendo 30.357 parcelas e 8.568 persoas propietarias directamente beneficiadas”, detallan desde a Consellería do Medio Rural.