Granxa A Ciruxana, a aposta dun mozo por darlle valor á ovella galega

Xoán González Alonso comezou de cero cando tiña 21 anos mercando animais de razas máis industriais pero decatouse de que tiña “moito traballo e pouco retorno”. Hoxe é un firme defensor das razas autóctonas e conta cun rabaño de 500 nais

Xoán, no medio das súas ovellas en Ardexarxe (Viana do Bolo)

Xoán, no medio das súas ovellas en Ardexarxe (Viana do Bolo)

Xoán González Alonso é un mozo natural de Vilariño de Conso que enfocou o seu futuro cara á vida no rural. Cando acabou o Bacharelato no instituto de Viana do Bolo dicíanlle que estudara Historia, outra das súas grandes paixóns, pero preferiu formarse para incorporarse á actividade gandeira nunha comarca, a do Macizo Central ourensán, necesitada de relevo xeracional.

Con 21 anos puxo en marcha Granxa A Ciruxana, unha explotación de ovino ubicada na aldea de Ardexarxe, en Viana do Bolo, e pouco a pouco foise decantando pola ovella galega por ser unha raza máis adaptada ás condicións desta zona. “É un gando que destaca pola rusticidade e por ser animais pequenos que son capaces de engordar con consumo de forraxe de peor calidade”, valora.

No Macizo Central ourensán abunda a terra abandonada e escasean os mozos que queiran adicarse á gandería

Xoán ten as ovellas fóra todo o ano, alimentadas a base do que elas mesmas pacen. “Ter outro tipo de raza con este sistema de manexo sería complicado, porque tería máis baixas e non podería ter o número de animais que teño hoxe porque necesitaría adicarlles máis tempo”, di.

O verán pasado, que foi duro porque houbo moita seca, as súas ovellas de raza galega aguantáronse ben. “Se fora outra raza tería que ter dado moito penso e teríanseme disparado os gastos”, compara. O uso de concentrado nesta explotación limítase unicamente a suplementar a alimentación dalgún cordeiro que non engordou dabondo a pasto cando chega o final do verán ou nos partos de inverno. “Poden supoñer un 20% dos animais os que levan algo de suplemento con concentrados, o resto van exclusivamente a pasto e leite”, detalla.

Xoán aposta pola venda directa, sen intermediarios, como xeito de defender o seu produto e ver valorado o seu traballo

Este mozo, que se incorporou hai xa 9 anos, defínese como “gandeiro por vocación”. Xoán non tiña gando na casa, as últimas vacas vendéranse no ano 92, o mesmo ano que el naceu, pero aínda se lembra de cando de pequeno ía co seu avó a regar uns prados que tiña en Vilariño. “Xa os pacía outra xente, pero eu sempre lle ía axudar e sempre me gustou moito isto”, conta.

Por iso, decidiu estudar o Ciclo Superior de Xestión de Empresa Agropecuaria en Sergude coa idea de adicarse a algo relacionado co sector agrogandeiro. “Non sabía moi ben o que quería facer pero funme metendo no mundo das ovellas por ser máis sinxelo e precisar de menos investimento que as vacas e foime gustando”, explica.

Transición cara a ovella galega

Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo) ovella galega cordeiroXoán sempre contou co apoio da súa familia para retomar a actividade gandeira coa que non seguira o seu pai, que é administrativo, e comezou por mercar unhas ovellas de razas castellana e Inra 401 cando fixo a solicitude de incorporación.

“A miña idea era acabar tendo todo Inra e unha produción super intensiva, con máis cordeiros por animal. Eu naquel momento non cría na ovella galega, pensaba que todo era produción e que había razas industriais mellores. Tamén era o que me inculcaban no ciclo”, di.

Primeiro apostei por razas máis industriais pero dinme de conta que estaba gastando moito e o retorno era pequeno

“Na metade do camiño funme atopando con xente que traballa con ovella galega e dinme de conta de que eu estaba gastando moito e que o retorno era pequeno e comecei a transformar todo o rabaño en ovella galega”, explica.

Tamén variou o sistema de manexo e a organización do traballo. “Cando comecei seguía un modelo tradicional: tiña as ovellas na nave e sacábaas e metíaas todos os días, e tamén facía moito pastoreo dirixido, pero teño fincas moi lonxe. Cando cambiei para ovella galega comecei a deixalas durmir fóra e agora dormen todo o ano fóra. Ao final reducín moita carga de traballo e un montón de gastos e aumentei moito a calidade da carne. Fago venda directa e nótase moitísimo”, afirma.

Demanda para vida

A Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asoveega) conta hoxe con 70 socios e uns 4.000 animais inscritos no libro xenealóxico. “Está habendo moita demanda. Hai un rapaz aquí en Rubiá que se incorporou con ovella galega e outro en Vilaboa, en Pontevedra”, explica.

Asovega conta hoxe con 70 socios e 4.000 animais inscritos

Malia a demanda existente, Xoán non pode vender neste momento animais para vida porque vacinou contra paratuberculose. “Esa é outra faena moi grande que nos fai a Xunta. Eu estou nunha ADSG e sangamos para tuberculose. Teño unha incidencia dun 6%, que é moi pouco pero había dúas opcións: ou matar ese gando ou vacinar. Eu optei por vacinar e iso conleva 3 anos de bloqueo para vida”, conta.

É unha contradición, os que nos preocupamos de ter o gando ben e vacinar contra a paratuberculose somos os prexudicados porque non nos deixan mover o gando en 3 anos

Quéixase da contradición que iso supón. “Se me borrarse da ADSG, así desaparecía o problema. A maioría dos rabaños que hai non están en ADSG e non sangan, poden ter un 100% de paratuberculose que oficialmente o problema non existe e poden seguir vendendo para vida”, contrapón. “Tiña que ser ao contrario, que bloquearan aos que non están en ADSG e nos deixaran traballar aos que nos preocupamos de ter o gando ben. Que nos permitan mover os animais entre os que temos o gando vacinado”, pide. 

Produción ecolóxica e pastoreo rexenerativo

Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo) ovella galega pastoreo ovino

Os animais non están máis de tres días na mesma parcela para que non coman o rebrote do pasto

A explotación de ovino de Xoán está certificada en ecolóxico e aposta polo pastoreo rexenerativo para fomentar o coidado do chan e o rebrote da herba. “Tentamos facer sempre pastoreo diario ou cada dous días como moito, con cargas instantáneas moi altas na mesma parcela para que elas vaian abonando. Ten moita importancia non ter o gando máis de tres días no mesmo sitio para que non coman o rebrote, sobre todo na primavera. A verdade é que desde que o empezamos a facer hai 2 ou 3 anos notamos que funciona”, di.

En función do pasto existente, a parcela mínima por día para as 500 ovellas é de media hectárea

A maior dificultade coa que el se atopa para levar á práctica esta técnica é o minifundio. “Temos algunhas parcelas moi pequenas e tes que andar cambiando moito de finca, en ocasións dúas veces no mesmo día. Se foran parcelas grandes, de 10 hectáreas, nas que puideras ir estendendo cercas sería máis doado, porque nun día fas cercas para toda a semana, pero en fincas costas, pegadas ao río, con curvas e malos accesos dáche moito máis traballo e lévache moito máis tempo”, explica.

Recuperando fincas do abandono

Queima controlada realizada este inverno para recuperar unha zona de matogueira para pasto para as ovellas

Queima controlada realizada este inverno para recuperar unha zona de matogueira para pasto para as ovellas

Xoán naceu no veciño concello de Vilariño de Conso pero mercou uns terreos en Ardexarxe, en Viana do Bolo, onde ten a explotación. “Son sobre unhas 50 hectáreas e unha nave que eran dun gandeiro que tivera primeiro vacas de leite e despois de carne. Inicialmente alugueille e hai dous anos decidín hipotecarme e mercarlle”, explica.

Ardexarxe está nunha zona alta no límite entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso

A maiores, en Ardexarxe Xoán está a recuperar terreos que estaban abandonados e que lle ceden os veciños, ao igual que na aldea do lado, Fornelos de Filloás. “Desta maneira vaise evitando que arda e que o lume se achegue a carón das casas”, di.

Algunhas destas parcelas que están a recuperar levaban 20 ou 30 anos abandonadas. “Por aquí houbo moitísimo abandono. O que facemos nesas fincas é desbrozalas e ir facendo pradeiras. Resementamos con especies que aguantan ben a seca, como datilo, festuca e trevo”, detalla.

Botamos especies que funcionen ben en pastoreo e que aguanten a seca

Este inverno, axudado pola brigada de Laza, fixeron en Ardexarxe una queima controlada como unha maneira de eliminar o mato para poder comezar coa posterior rexeneración de pastos para as ovellas. “Por parte da administración debería promocionarse máis esta forma de xestión, xa que se queremos evitar os grandes lumes de nova xeración a única maneira de facelo e rompendo a continuidade do combustible”, defende Xoán.

Centeo para pacer no inverno

Granxa A Ciruxana declara unhas 70 hectáreas na PAC, das que 50 son en propiedade, tras mercalas hai dous anos. “A maiores aproveitamos outras fincas que pacemos pero que non se apuntan. Nós de terra estamos ben e tratamos de facer un aproveitamento eficiente”, asegura.

A base da alimentación é o que comen elas, pero o cambio climático estámolo notando moitísimo

“A base da alimentación é o que comen elas. Aquí o inverno non é duro porque non neva moito, como estamos tan ao sur cando chega unha nevarada chega xa moi desfeita, poden caer unhas folerpas e callar, pero ao día seguinte xa desapareceu. Aquí o problema máis grande son os veráns, porque aquí a seca aperta moito e o cambio climático estámolo a notar moitísimo, con períodos de moita seca e choivas moi intensas que marchan en escorrentía, con esas trombas a auga non infiltra no terreo e os mananciais non dan recuperado”, describe.  

Intentamos labrar a terra o mínimo posible para non danar a estrutura do chan e conservar o solo

“Este último ano pasámolo mal, igual que pasara no 2017. Os peores meses aquí son agosto e setembro. Eu como teño bastante base territorial vou salvando, pero os vellos de 90 anos non lembran unha situación igual nesta zona. Eu fago algo de herba seca, moi pouca, uns 40 ou 50 rolos, para un día que veña moi malo ou se hai que ir a algún sitio, pero o que intentamos é aproveitar todo a dente o máis posible”, explica.

Xoán emprega tamén o mesmo sistema que outra explotación da zona, a de Nieves Fernández, de sementar centeo e pacelo de inverno. “Nós botámolo en 3 hectáreas e media. Procuramos labrar a terra o menos posible para non danar a estrutura do solo, por iso non aramos, senón que gradamos, e en vez de darlle 5 ou 6 voltas que é o habitual, nós dámoslle só dúas, buscando o mínimo laboreo, e despois sementamos por enriba coa abonadora, porque para facer sementeira directa teriamos que investir moito en maquinaria”.

O centeo primeiro pacémolo co gando nos meses de novembro e decembro e despois colleitámoslle o grao en xullo

Sementan no mes de setembro. “Bótase cedo para que coas primeiras choivas naza e ter felpa para pacer no inverno, nos meses de novembro e decembro, e logo xa se deixa para grao para no mes de xullo podelo colleitar. Ese grao usámolo para suplementar na explotación”, explica.

“Este ano imos probar nesas terras, en canto se levanten, meterlles un altramuz para fixar nitróxeno. Xa probara un ano co altramuz amarelo, que despois dérallo ao gando e ten bastante proteína”, conta.

Necesidade de parcelaria e accesos

Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo) ovinoAs terras onde labran o centeo levaban 20 anos sen sementarse. Están nun alto e eran unha zona onde tradicionalmente os veciños botaban cereal para pan. “Xuntamos tres hectáreas e media, pero igual son 40 parcelas que nos cederon os veciños, nas que fomos buscando os marcos para non tiralos co tractor”, di.

O minifundio existente dificulta enormemente o seu traballo, polo que demanda actuacións de reestruturación da propiedade e mellora de accesos. “Hai fincas nas que teño que ir no Patrol en primeira curta e sufrindo avarías continuas porque vai saltando de pedra en pedra. Hoxe en día non é normal traballar así”, afirma.

Aquí temos moito minifundio; facer parcelarias de verdade tiña que ser algo urxente

Xoán mercou un tractor que tivo que estreitar, porque non collía por moitos dos camiños, que seguen a ser camiños de carro. “Viña a 2,30 metros de anchura e tiña máis estabilidade para traballar en pendente, pero non me entraba na metade dos sitios e deixeino a 2 metros”, conta.

Non depender da compra de insumos

Desde que empezou, Xoán leva investido “moito diñeiro” que “noutro sector tería que estar dando uns rendementos moi altos, pero que na agricultura non se conseguen”, di . “Calquera economista diríache que non é un bo negocio porque a rendibilidade é baixa, pero isto ten unha parte de romanticismo, de vocación e de amor pola terra”, asegura.

A perda da rendibilidade das explotacións hoxe son os insumos e a ovella galega permíteche sobrevivir sen eles

O investimento máis grande foi a compra hai dous anos das terras, o establo e unhas casas vellas, que foron en total 130.000€. A iso hai que engadirlle o gando e a maquinaria. En maquinaria dispón da precisa unicamente para o día a día da explotación. Mercou tractor, segadora rotativa, xuntador, desbrozadora e caldeirador para facer regos.

Protección contra o lobo

Granxa A Ciruxana ten 7 mastíns para defender o gando dos ataques do lobo

Granxa A Ciruxana ten 7 mastíns para defender o gando dos ataques do lobo

Granxa A Ciruxana atópase nunha zona con presenza tradicional do lobo e Xoán defende a convivencia do gando coa fauna salvaxe. Ten as ovellas pechadas con cercados móbiles de malla electrificada e dispón dunha finca de 10 hectáreas pechada cun peche permanente que é onde cría os cordeiros xunto ás nais recén paridas. “Ten valado perimetral e está a carón da estrada”, explica.

Esta é unha zona lobeira pero eu aposto pola convivencia coa fauna salvaxe

Para protexer as ovellas Xoán ten 7 mastíns, para garantir un mínimo de 2 cans con cada lote de gando, e até agora non tivera moitos ataques do lobo. “Ata fai pouco dentro do pastor eléctrico nunca me entrara, tivera algún ataque a algunha ovella que quedaba estraviada do grupo no monte ou nalgún camiño á hora de facer os cambios de parcela, pero a última vez entroume e matoume tres ovellas e os cordeiros”, conta.

Na actualidade os cordeiros están todo o tempo fóra coas nais. “Eu cando comecei facía o sistema tradicional de aquí: os cordeiros quedaban na corte e saían só as ovellas polo día e pola noite volvían e había que andar apartando para que mamaran as crías pero era moito traballo”, afirma. 

Os gastos dun mastín soben dos 1.500 euros ao ano

Por iso, decidiu cambiar de sistema. “Agora fago todo fóra. Teño 10 hectáreas nunha peza nunha finca moi boa e vou apartando para alí as ovellas que van parindo cos cordeiros. Vou facendo parcelas e como a maioría paren na primavera cando acaban de pacer por un lado xa hai comida polo outro e practicamente os cordeiros críoos todos nesa finca”, di.

Peches fixos

Xoán emprega malla ovelleira electrificada e pediu un Plan de Mellora para facer 7 km de peches fixos en 9 fincas

Xoán emprega malla ovelleira electrificada e pediu un Plan de Mellora para facer 7 km de peches fixos en 9 fincas

Ademais de ter os mastíns, Xoán pediu no 2022 as axudas da Xunta para peches e sufriu o problema de prazos da última convocatoria. “Veu resolta en decembro, case sen tempo para mercar o material e executar os traballos. Fixemos dous peches fixos con malla de metro e medio de altura e con fíos de corrente por arriba e por abaixo. Eu para facer iso dependía de que me concederan a axuda, senón cos prezos que hai hoxe non podía meterme a ese investimento, pero non é normal que unha axuda que normalmente resolvían en agosto se retrasase ata final de ano, cando os días son pequenos e chove seguido. Non sei cal foi o motivo pero iso é falta de previsión, porque é unha subvención anual que podes planificar doutro xeito”, asegura. 

Cando teño parideira as ovellas están en 2 ou 3 grupos, pero o resto do ano están nun único lote

A Ciruxana non se veu afectada pola redución de explotacións beneficiarias das axudas agroambientais para produción ecolóxica da última convocatoria por estar en zona de montaña. “No meu caso se non me viñera aprobada tería que ter pedido outro crédito ou pedido os cartos a alguén para poder pagar as letras do crédito que pedín hai dous anos para mercar as 50 ha de superficie que comprei”, asegura.

Nos últimos anos merquei dereitos históricos para ter para todas as terras pero agora ao desaparecer o pago verde perden o 51% do seu valor

Coa nova PAC, quéixase da desaparición do pago verde. “Nós tiñamos moito investido en mercar dereitos de pago básico, pero ao desaparecer o pago verde, que era o 51% do valor do dereito, todos os dereitos que mercamos nos últimos anos, que xa perderan o 20% do seu valor pola peaxe, perden agora automaticamente a metade do seu valor”, explica.

Calidade de vida

O obxectivo de Xoán é vivir no rural pero poder ter calidade de vida. “É un dos factores que inflúen na miña toma de decisións”, di. “Agora tería a posibilidade de coller unhas terras máis para ter vacas, pero non as collo porque a carga de traballo que me ía supoñer, ao tratarse de dous tipos de gando diferente e dous manexos distintos íame facer perder moita calidade de vida, por iso prefiro estar centrado só nas ovellas para optimizalo o máximo posible de maneira que me permita máis adiante poder diversificar, pero valorando sempre a calidade de vida, porque se por ter 20 vacas me vai supoñer 3 horas máis de traballo todos os días e non poder marchar unha fin de semana a ningún lado igual non me compensa”, indica.

Tería a posibilidade de coller máis fincas e meter 15 vacas, pero non o fago polo de agora porque me suporía máis carga de traballo

Pasar ao sistema extensivo supúxolle por exemplo reducir á metade as horas de traballo e a través dun Plan de Mellora quere acometer 7 km de lonxitude de peches en 9 das fincas que mercou. Estes cercados fixos permitiríanlle marchar de fin de semana ou de vacacións sabendo que as ovellas non lle van escapar.

Xoán trata de aproveitar os saberes tradicionais pero modernizados e traídos aos tempos de hoxe.  “Antes nunha casa había 5, 6 ou 7 persoas. Agora estou eu só e se vou coas ovellas toda a mañá non teño quen me faga os traballos”, di.

A Xunta acaba de convocar axudas para contratar pastores, pero só dan para contratar a 5 persoas en toda Galicia

A súa compañeira, Sara, que é médica, axúdalle cando pode en certas tarefas pero a falta de man de obra é un dos problemas cos que Xoán se atopa. A Consellería de Medio Ambiente vén de sacar unha liña de axudas para a contratación de pastores durante un ano que cubre todos os gastos salariais, pero Xoán critica “a letra pequena”: que o orzamento asignado tan só permita contratar a 5 persoas en toda Galicia.

Formación e intercambio de experiencias

Xoán, en Alerre (Huesca), xunto a Francisto Santolaria

Xoán, en Alerre (Huesca), xunto a Francisto Santolaria nunha explotación de 2.000 ovellas de raza aragonesa

Xoán formouse con distintos cursos e libros sobre pastoreo rexenerativo e foi probando o sistema mediante a técnica do ensaio-erro. “Ás veces tes que dar pasos cara atrás e ir cambiando cousas”, recoñece. “Un ten que estar aberto a unha aprendizaxe continua”, di.

Este ano participou tamén no programa Cultiva do Ministerio de Agricultura e estivo cinco días na granxa dos irmáns Santolaria en Alerre (Huesca) para aprender desta explotación con 2.000 ovellas de raza autóctona aragonesa. 

Granxa A Ciruxana forma parte da ADSG Acivo e conta co apoio e asesoramento de veterinarios especializados en gando ovino

Recentemente Granxa A Ciruxana tamén organizou xunto a outras explotacións ourensás, o primeiro encontro de ganderías de ovella galega, no que participaron produtores de toda Galicia, para tratar de fomentar o intercambio de experiencias entre as distintas granxas e mellorar aspectos de manexo do gando.

Concentración dos partos

Dentro da súa organización do traballo, Granxa A Ciruxana procura concentrar os partos en dúas épocas do ano. “A maioría das ovellas paren a finais do mes de abril, bótolles o macho para iso en novembro, e logo volvo soltarlles o macho en maio para tentar ter algúns partos para vender cordeiros en Nadal”, explica.

Ao non usar hormonas, ter cordeiros para o Nadal é difícil

“É unha época boa de vendas, sobre todo para facer venda directa, pero en ecolóxico é difícil ter moita produción para o Nadal porque non empregamos hormonas e para sincronizar celos é difícil. No último ano coa seca e o calor aínda foi peor”, asegura.

Selección xenética

Ao tratarse dunha raza en perigo de extinción, a selección xenética non se fai por rendemento cárnico, senón para tentar sentar as bases morfolóxicas da raza. Asovega ten en Fontefiz un rabaño de machos para cruzar coas ovellas existentes nas ganderías. “Todos os animais son xenotipados e os machos introducímolos evitando a consanguinidade”, conta.

Teño todo o rabaño xenotipado e nos acoplamentos buscamos evitar a consanguinidade

“Estamos conservando un patrimonio xenético e cultural moi antigo, do tronco ovis aries celtibericus, polo que seguramente cando había aquí castrexos xa tiñamos ovella galega. É unha raza moi ben adaptada aquí e que che permite evitar a compra de insumos”, destaca.

A suba dos custos de produción a consecuencia da guerra en Ucraína afectoulle menos á explotación de Xoán que a outras. “Notámolo como todos, porque o gasóleo subiu e o pouco penso que damos tamén, pero non é que digas vaime facer pechar ou vaime levar á ruína. Perdes rendibilidade pero podes sobrevivir”, razoa. 

A decisión de mercar as terras foi tamén un pouco por iso, di, porque “a base territorial é un aspecto esencial para unha explotación e eu levo anos buscando un sistema que me permita resistir en caso dunha crise moi grande, como a motivada pola pandemia e a guerra, para poder producir sen que te coman os gastos”, argumenta.

Aposta pola venda directa

Fan os envíos de cordeiro a domicilio envasados ao baleiro e en transporte en frío

Fan os envíos de cordeiro a domicilio envasados ao baleiro e en transporte en frío

Séguenlle dando saída á maior parte da produción a través de maioristas, pero a súa intención é seguir aumentando a venda directa, que neste momento representa para eles uns 100 cordeiros ao ano. “A venda directa dá moito traballo, porque hai que preparar os cordeiros, envasalos e envialos. A diferenza de prezo de vender a un tratante ou a un particular non é moita, poden ser uns 30€ en cordeiro e hai que pagar o matadoiro e o transporte, pero é o orgullo de ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto”, di.

A venda directa dá moito traballo, pero serve para ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto

Para promocionar a súa carne acoden a algunha feira, como Xantar en Ourense ou a Semana Verde en Silleda, e dispoñen de páxina web e redes sociais. Pero o que máis lles funciona segue a ser o boca a boca e o facebook, a través do cal comezaron a facer envíos refrixerados mediante mensaxería durante a pandemia.

“O tratante que nos levaba os cordeiros chamáranos e dixéranos que non había saída para eles e que tiñamos que baixarlles o prezo, así que empezamos a movernos. Pero ao ter tanta produción é moi difícil colocar todo en venda directa”, recoñece.

Venden tamén castañas que apañan nos soutos que pastorean coas ovellas e nos que hai castiñeiros centenarios

É partidario de que se interveñan os prezos porque, di, “non pode ser que se estean a vender os cordeiros aos prezos de fai 30 anos”. “Se contas a inflación un cordeiro tiña que valer 150€ para que isto fose realmente rendible, pero estamos na metade”, indica.

Conseguir valorizar a la

Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo) esquiladoOutra das intencións de Xoán é conseguir sacar rendemento á la das súas ovellas, que até hai pouco era un simple refugallo. Sen embargo, desde hai dous anos serve de materia prima para pezas de roupa e artesanía que elaboran deseñadoras como Lola García ou Teté Mareque, que co chamado proxecto Ardexarxe pretende aproveitar a la da explotación para que sexa empregada por artesáns galegos e de distintos países europeos. 

Cada primavera, cando veñen os tosquiadores da montaña de León a rapar as ovellas, Xoán e Teté escollen as ovellas pola cor da súa la para unha vez rapada levala ao lavadoiro e darlle unha segunda vida.

“A Consellería de Medio Rural tiña que estar no rural”

As ovellas de Xoán pastoreando unha zona de soutos centenarios

As ovellas de Xoán pastoreando unha zona de soutos centenarios

A acollida que os veciños tiveron con Xoán cando decidiu asentarse na zona e crear a súa explotación foi moi boa. Déronlle todo tipo de facilidades e cedéronlle as terras. “Nesta zona, aínda que hai moito abandono, a xente que queda sabe o valor do gando, porque son xente maior que até hai 15 ou 20 anos tiveron gando e valoran que as terras estean limpas e traballadas. Aquí non é coma noutras zonas máis pegadas ás cidades, onde hai unha desconexión da poboación local moito maior e a xente que empeza alí ten moitos máis problemas e conflitos”, di.

“O sector ovino tanto en Galicia coma no Estado español está a punto de desaparecer e tiña que terse máis en conta porque fai unha función moi importante á hora de previr incendios, porque para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras, que son as que comen monte raso e superficies nas que as vacas non van ter aproveitamento”, defende.

A xente aquí sabe o traballo que dá e os beneficios que aporta o gando

“Tanto en Ardexarxe como en Fornelos de Filloás aínda que veña un incendio de cuarta xeración non van arder as casas, porque hai gando e hai ao redor moito terreo limpo. Os pobos do Barco de Valdeorras que arderon o ano pasado se chega a haber un rabaño coma o noso non ardían”, afirma.

Para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras e, sen embargo, o sector ovino en Galicia está a piques de desaparecer

Nas parcelas de prados e pastizais as ovellas pacen á feito, pero nas de monte e pasto arbustivo “ás veces cada segundo ano hai que repasar pasando o tractor coa desbrozadora”, recoñece Xoán, aínda que “con este sistema de pastoreo con cargas instantáneas altas seleccionan menos e o rexeitamento é moito menor, porque cando entran a unha parcela con uces novas practicamente as comen elas todas”, di.

Complemento coa venda de castaña

Entre as parcelas que coida Granxa A Ciruxana hai zonas de soutos con castiñeiros centenarios que pastorean co gando e despois no outono aproveitan a recollida da castaña, aínda que os últimos anos foron malos por mor da avispiña e a seca.

“Nesta zona a castaña sempre foi un complemento moi importante”, di. Traballan variedades propias da zona, como rapada, inxerta ou porteliño e están a facer algunha plantación nova nas súas fincas.

Están a recuperar tamén as fontes e as pozas de rega, que empregan ademais para beber o gando. Mediante un sistema de sifón invertido ou balancín, en función do terreo, fan que se abran soas cando están cheas e reguen por manta o terreo circundante.

Necesidade de rexuvenecer o sector

Xoán incorporouse á actividade agrogandeira hai xa case 9 anos, con 21, e bota en falta medidas para fomentar o relevo xeracional e a incorporación de xente moza. “Nesta comarca as contas que eu boto é que dentro de 10 anos, cando se xubilen os gandeiros que hoxe teñen 50 e pico anos, con gando imos quedar catro”.

Propón seguir o exemplo de Escocia, “onde se fai un esforzo por dignificar o rural nos colexios, onde descentralizaron as universidades para levalas aos pobos e onde crearon unha especie de Erasmus agrario”, enumera.

Á xente nova hai que explicarlles as oportunidades que hai e dicirlles que existen fórmulas para ter calidade de vida no rural

“Aquí todo se leva para Santiago cando a Consellería de Medio Rural, por exemplo, tiña que estar no rural, pero no rural de verdade, non me vale Maceda, que está a media hora de Ourense, nin Ordes, que está a media hora de Santiago. Tiña que estar por exemplo aquí, para que os funcionarios tiveran que vivir aquí e ver os problemas que hai no rural”, di.

Entre as medidas que propón están “fomentar as actividades agrogandeiras nos colexios e institutos e mobilizar a terra de verdade. Todas as parcelas abandonadas tiñan que ir por lei a un banco de terras e a quen se negara aplicarlle un imposto”, di.

“Os estudos agrarios en Galicia están fatal”

“No instituto de Viana, que para certas cousas funciona moi ben, cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de mil cousas, pero non vén un enxeñeiro agrario. Aquí nesta zona, que hai terreo abandonado e posibilidades para dedicarte a isto, non che traen un referente que te anime e che diga aposta por iso, que vas ter unha saída digna e boa”, propón.

“A min sempre me gustou moito a historia e o orientador dicíame fai Historia e despois xa te dedicarás ao gando, pero eu dixen, non, eu vou estudar para isto e se teño tempo despois xa farei Historia. Eu tiña as cousas moi claras, senón o máis probable é que non acabara nisto, porque todos os elementos ao redor xogaban en contra”, asegura.

Ao instituto de Viana cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de todo tipo, pero ninguén te anima a adicarte á gandería

“Os estudos agrarios en Galicia están fatal”, di. “En Sergude só demos produción intensiva de leite e de mala maneira: o ciclo dura dous anos pero muxir muximos só unha vez e para inseminar fomos nunha ocasión cun papel ao lado dunha vaca e non lle puidemos nin meter a man, co tractor andivemos un par de veces nunha explanada chá, e así todo; moi mal. Non sei se hoxe melloraron, pero naquel momento era así. Ese tipo de estudos téñenche que servir para abrirche os ollos das distintas posibilidades que hai e se só se centran nun tipo de explotación intensiva de leite e te enfocan cara aí non ves máis aló”, critica.

 

Una idea sobre “Granxa A Ciruxana, a aposta dun mozo por darlle valor á ovella galega

  1. Umqualquer

    Mocidade como Xoan è o que precissa nossa terra, e estudos adecuados. Nom pode ser que incluso quando queres trabalhar no campo, os estudos che dirixam ao uso intensivo e razas foráneas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información