Eibau eG, como traballa unha granxa cooperativa de 1.400 vacas

Esta gandería alemá, ubicada en Saxonia, é propiedade dunha sociedade agrícola que conta con 2.600 hectáreas de terras de cultivo e 90 traballadores. Coñecemos o seu manexo da recría e das vacas en produción

Eibau eG, como traballa unha granxa cooperativa de 1.400 vacas

Nave de Eibau eG. que alberga a 1.000 vacas en produción.

A cooperativa agrícola Eibau eG. ubicada en Saxonia (Alemania), é un exemplo dun modelo habitual na zona leste de Alemania, caracterizado por granxas de leite de importante dimensión, acompañadas dunha gran dispoñibilidade de terras de cultivo. Son terras que se adican en parte á produción de alimento para os animais e noutra parte para o consumo humano. Eibau eG conta con 1.200 vacas en muxido e con 2.600 hectáreas de superficie, 600 delas con praderías e o resto adicadas a producións como millo e cebada, ambas con destino á ración das vacas, ou trigo, centeo e patacas.

A sociedade ten un total de 90 traballadores, dos que 30 xestionan a recría e as vacas en produción, en tanto os restantes adícanse ás terras de cultivo, manexo das xovencas e servizos centrais da cooperativa. Contámosvos como traballa Eibau eG a recría e o manexo dos animais en produción, logo de visitala no mes de febreiro nunha viaxe de técnicos de Galicia e do resto da Península, que acudiron a Alemania para desenvolver un programa de visitas e charlas técnicas no marco das Addcon Academies.

A granxa conta cunha sala rotativa de 50 puntos.

A granxa conta cunha sala rotativa de 50 puntos.

Manexo da recría
Eibau eG. destaca por un coidado manexo da recría desde o nacemento dos animais. O lote de vacas secas e en preparto conta con atención as 24 horas, pois o persoal adicado o seu manexo divídese en 3 turnos de 8 horas. Tralo parto, os animais permanecen as dúas primeiras horas coa nai para mamar o calostro natural. Ás 2 horas, pasan a un iglú baixo cuberto, onde quedarán os primeiros 14 días.

Balanza para pesar as xatas.

Balanza para pesar as xatas.

A granxa aposta por unha alimentación abundante para as xatas. No iglú, reciben leite de vaca pasteurizado, no inverno en 3 tomas diarias de 5 litros, a parte de auga a libre disposición cando non hai risco de que se conxele. Non se lles dá o mellor leite da gandería, pero tampouco se lles suministra leite que haxa que desbotar. De media, a granxa ten 200.000 células somáticas en control leiteiro e arredor de 140.000 no leite que lle vende á industria.

Tralos primeiros 14 días, as xatas agrúpanse en lotes de 20 animais.

Tralos primeiros 14 días, as xatas agrúpanse en lotes de 20 animais.

Pasadas as dúas primeiras semanas, os animais agrúpanse nunha nave en lotes de 20, con cama de palla. Alí reciben lactoreemprazante, a primeira semana a libre disposición e a partir de aí vai reducíndose a ración. A segunda semana inxerirán 12 litros diarios (160 gramos / litro) e nas semanas seguintes irán baixando, controlándose a inxesta diaria por un sensor que identifica indiviualmente a cada xata. A ración sólida das xatas comeza con palla e concentrado nun inicio, ó que se lle engadirá silo máis adiante.

Conducto polo que se inxecta aire do exterior na nave das tenreiras.

Conducto polo que se inxecta aire do exterior na nave das tenreiras.

Na nave de recría, destaca un sistema de aire inxectado do exterior que a cooperativa instalou para reducir os problemas respiratorios nas xatas. O coidado do benestar dos animais percíbese tamén nas camas de palla, ás que se lles engade palla nova cada día, para cambiarse e limparse por completo unha vez á semana.

Logo duns primeiros meses na nave, en sucesivos lotes de manexo por idade, os animais son levados a un centro propio de recría de xovencas, onde terán acceso a pastoreo en pradarías, para volver á granxa antes do parto.

Xovencas nos pastos. / Imaxe: Eibau eG.

Xovencas nos pastos. / Imaxe: Eibau eG.

Produción de leite
Eibau eG conta con 1.200 vacas en muxido, para o que ten unha rotativa de 50 puntos a razón de 3 visitas diarias para as vacas de alta produción e de 2 para o resto. Os animais producen unha media de 33 litros diarios, cun 3,5 de proteína e un 3,8 de graxa. A explotación elabora catro racións (primeira lactación, alta produción, media e baixa), cunha media de concentrado que ronda os 9 Kg. por vaca e día e que se completa con silo de millo e de raigrás, cebada, torta de colza, gran de millo, altramuces e, nas vacas de alta produción, tamén con aceite de palma.

A alimentación dos animais non inclúe transxénicos, pois trátase dunha esixencia das cadeas de supermercados alemás. Iso complica a formulación da ración e encarece o seu custo, a pesar de que o prezo polo leite que recibe a granxa non variou trala eliminación dos transxénicos.

O cambio supuxo principalmente a supresión da soia, pois aínda que hai soia non transxénica, a gandería optou por evitala, a fin de impedir posibles erros, suplindo a proteína da soia por outras alternativas, como a torta de colza e os altramuces.

Instalacións
A maior parte dos animais en produción, arredor de 1.000, están nunha gran nave levantada hai 8 anos na que os animais teñen camas de palla picada e carbonato, que se renovan cada dúas semanas.

Cubículos das vacas en produción.

Cubículos das vacas en produción.

No pasillo de comida, a maior parte da nave está equipada con cornadizas, pero no lote dos animais da primeira lactación, a granxa fixo unha proba eliminando as cornadizas e colocando unha barra metálica a media altura, en paralelo ó solo. Querían valorar se había un aumento da inxesta de comida con ese sistema, pero resultou o contrario. O que se demostrou como máis eficaz foron as cornadizas.

Parte do establo carece de cornadizas, pero o resultado da experiencia non foi positivo, xa que as vacas comen menos así.

Parte do establo carece de cornadizas, pero o resultado da experiencia non foi positivo, xa que as vacas comen menos así.

De xeito paralelo á produción agrogandeira, Eibau eG chegou a acordos con compañías externas para a instalación dunha planta de biogás de 526 kilowatios, que se nutre dos xurros da gandería, e de 1.700 kilowatios de placas fotovoltaicas nos teitos das naves.

Imaxe do grupo de técnicos de Galicia e do resto da Península que visitou a granxa, con persoal de Addcon e coa coordinadora da gandería, no centro.

Imaxe do grupo de técnicos de Galicia e do resto da Península que visitou a granxa, con persoal de Addcon e coa coordinadora da gandería, no centro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información