A cooperativa Cogapen, de Sarria (Lugo), unha entidade nada no 1986 e que contaba na actualidade con 200 socios, pasa a integrarse na cooperativa Lemos. As dúas sociedades veñen de validar o proxecto de fusión en senllas asembleas xerais. No caso de Lemos, o voto a favor do proceso foi unánime, en tanto na asemblea da cooperativa Cogapen o voto favorable foi tamén practicamente total, rexistrándose unha única abstención.
A cooperativa Lemos tiña ata o de agora preto de 650 socios, dos cales arredor de 380 manteñen explotacións activas, un 80% de leite e un 20% de vacún de carne. Coa incorporación de Cogapen, Lemos pasa a ter máis de 800 socios e arredor de 520 granxas, consolidándose así como un dos polos principais do cooperativismo gandeiro de Galicia.
A cooperativa monfortina, creada no 1978, xa dera un salto importante no 2017, cando adquiriu como socio maioritario a industria láctea Celega (Escairón, Lugo), proveedora de Schreiber Foods e que no último ano facturou 100 millóns de euros.
Coa fusión por absorción en Lemos, Cogapen disólvese, pasando o seu patrimonio, traballadores e socios á cooperativa Lemos. As instalacións de Cogapen en Sarria quedarán tamén activas, como unha delegación da cooperativa monfortina.
“Somos unha cooperativa que nos caracterizamos pola cercanía. Nos próximos dous meses, o noso equipo técnico volcarase cos novos socios” (José Manuel Rodríguez, director xeral de Lemos)
“A idea da fusión é que Lemos sexa máis competitiva, por unha economía de escala, en tanto os socios entrantes de Cogapen beneficiaranse dunha mellora de servizos”, destaca o director xeral da cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez.
“Somos unha cooperativa que nos caracterizamos pola cercanía, así que nos próximos dous meses o noso equipo técnico de veterinarios e agrónomos volcarase cos novos socios, para coñecelos e integralos en Lemos, e para que eles nos coñezan a nós”, subliña José Manuel.
Servizos
Lemos préstalle ós seus socios unha ampla gama de servizos. Desde a comercialización de insumos a servizos de carros mesturadores, parque de maquinaria, persoal de substitución ou tramitación de PACs.
A nivel de comercialización, o grupo de leite de Lemos canaliza a súa produción a Celega, en tanto os socios de vacún de carne que queren comercializar a través da cooperativa, por medio de Artesáns Gandeiros, tamén o fan.
En Cogapen, as granxas de leite socias mantiñan acordos individuais con distintas industrias, algo que en principio continuará igual, trala súa incorporación a Lemos. “De cara ó futuro, cando Celega teña demanda de máis leite, as ganderías que queiran poderán apuntarse nunha lista de espera, que é como viñamos funcionando xa ata o de agora”, explica José Manuel, que incide en que tódolos servizos de comercialización e de consumos que ofrece a cooperativa son voluntarios para os socios.
Acordo
O acordo de fusión foi refrendado en senllas asembleas xerais de Lemos e Cogapen que se celebraron onte. Desde hoxe, ambas entidades xa comezan a funcionar a tódolos efectos como unha soa, a cooperativa Lemos.
En Cogapen tiñan outras ofertas de integración cooperativa, pero decantáronse por ampla maioría pola de Lemos por factores como a proximidade entre ambas as cooperativas, os servizos ofrecidos ou unha serie de intanxibles, como o trato directo e próximo que percibían en Lemos, a participación e implicación dos socios ou a aposta continuada de Lemos pola comercialización dos produtos das explotacións socias.
Coa incorporación de Cogapen, Lemos gaña aínda maior presenza no sur de Lugo, pois está en toda a comarca monfortina, Chantada, O Incio -onde se fusionou coa cooperativa local no 2002- e Sarria. No último ano, a súa facturación achegouse ós 40 millóns de euros.