Abertas as inscricións para a poxa de animais da gandería de Mouriscade

A poxa, na que entrarán 19 vacas frisoas, desenvolverase o martes 2 de abril. Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, é a quinta granxa de España en calidade xenética

Abertas as inscricións para a poxa de animais da gandería de Mouriscade

Imaxe dunha poxa de Mouriscade. / Fonte: Imaxe de arquivo

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro luns, 11 de marzo o prazo de inscrición para a poxa de animais da gandería de Mouriscade.  As persoas físicas ou xurídicas interesadas, que deberán estasr inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras, deben formalizar a inscrición a través da sede electrónica da institución provincial. En total ofértanse 19 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros, polas que se poderá poxar nas instalacións da finca en Lalín o martes 2 de abril, ás 11:00 horas. 

Para poder participar na poxa é preciso presentar o modelo de inscrición previa cunha declaración responsable asinada conforme as persoas que poxan están inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras, entre outra documentación. As ofertas económicas non poderán ser, en ningún caso, inferiores ao importe sinalado como prezo de saída no catálogo, 1.750 euros por exemplar. 

A partir dese importe, o incremento na poxa deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que deixen de presentarse novas ofertas, quedando como persoa licitadora aquela que tivese realizado a poxa máis elevada (no caso de empate, acudirase ao sorteo).

Cabe reseñar que a Finca Mouriscade é a quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais, soamente por detrás de dúas ganderías barcelonesas (primeira e cuarta), unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería (segunda). “Esta clasificación confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións e o traballo realizado polos profesionais do laboratorio están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética da gandería, e como consecuencia á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia”, destacan desde a Deputación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información