Curso en Ribadumia de elaboración de viños e derivados

Publicidade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza na Estación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia un curso sobre a elaboración de viños e derivados. Dita acción comezará o luns, 4 de outubro e terá unha duración de 40 horas, repartidas nun total de 14 días en horario de 19:00 a 22:00 horas.

O obxectivo desta acción formativa, que imparte a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), é formar a viticultores e adegueiros, así como a persoas que desexen incorporarse ao sector, sobre os temas máis importantes vencellados coa enoloxía, abordando cuestións e aspectos para logo poñer en práctica nas súas explotacións.

Así, dito curso está destinado a titulares, cotitulares e familiares que traballen en explotacións agrarias (preferentemente vitícolas), traballadores por conta allea que traballan en explotacións agrarias, socios ou empregados de asociacións con personalidade xurídica do ámbito agrario, mozas e mozos que desexen incorporarse ao sector ou continuar coa súa formación e, en xeral, persoas interesadas que desenvolvan actividades relacionadas coa enoloxía.

Durante o curso, vaise abordar a xestión da calidade da uva e da colleita, tanto na vendima como na recepción do froito na adega. Ademais, analizaranse os procesos e técnicas de elaboración de viños brancos e tintos, así como doutros caldos especiais como son os escumosos, rosados e doces. Na parte técnica, trataranse os controis e seguimento dos procesos e prevención das alteracións enolóxicas e as determinacións analíticas na elaboración e interpretación do boletín de análise.

Tamén se lles ensinará aos asistentes os conceptos básicos de introdución á cata de viños para logo levar a cabo un taller de recoñecemento dos compostos do viño polos diferentes selos de calidade dos viños galegos. Finalmente, rematarase esta acción formativa cun módulo sobre marketing.

Os interesados teñen ata o 1 de outubro para inscribirse neste curso e poden facelo a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. As solicitudes deberán remitirse ao correo electrónico evega.ribadumia.medio-rural@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 886 159 412 para máis información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información