Críticas á campaña de vacinación da Xunta contra a lingua azul

O SLG acusa a Medio Rural de abandonar as gandarías de Chantada e Sarria ante as consecuencias da vacinación contra a lingua azul

Críticas á campaña de vacinación da Xunta contra a lingua azul

O Sindicato Labrego Galego denuncia o abandono das gandarías de Chantada e Sarria debido ás consecuencias negativas que está tendo a vacinación de gando vacún contra a lingua azul. O sindicato destaca a preocupación e aumento en gastos nas granxas por culpa da “descoordinación e falta de información da Consellaría do Medio Rural”. O SLG destaca que solicitou en varias ocasións unha xuntanza co conselleiro José González, “que segue desaparecido”.

As comarcas de Chantada e Sarria están incluídas dentro das zonas restrinxidas fronte a Lingua Azul do Estado Español, conforme a lexislación vixente. Logo da campaña de vacinación masiva que se efectuou en todos os ovinos e bovinos dos concellos destas comarcas maiores de tres meses, o Sindicato Labrego Galego solicitou unha entrevista coa Consellería para falar sobre as consecuencias que esta vacinación está tendo sobre algunhas granxas, mais aló dos efectos secundarios xa denunciados hai unhas semanas. A Consellería non respondei. O sindicato solicitou outra entrevista mediante escrito presentado o 19 de xullo.

O SLG declara que “tal e como fixemos público xa na nota de prensa emitida o pasado 20 de xullo, e reiteramos no escrito á Consellería, está habendo problemas para mover os becerros que quedaron sen vacinar e que agora teñen máis de catro meses. Estes becerros, aínda que a nai estea vacinada, non se poden mover da granxa se non están vacinados. Quen os vacina? Veterinarios clínicos privados que, por suposto, cobran pola prestación dese servizo”.

Ante esta situación, o SLG considera que a Consellería de Medio Rural non está facilitando información de ningún tipo. Está habendo vacinación de “repesca” deses becerros que quedaran sen vacinar, mais “mesmo se está facendo sen ningún tipo de planificación e información ás granxas, que o sabemos cando chaman para dicir que veñen. Na web da Consellería figura que a partir do 1 de xullo comeza unha campaña de continuidade e que hai ‘un operativo integrado por persoal dependente da Consellería de Medio Rural que actuará de forma ordenada e graduada'”.

O SLG describe o estado das explotacións coas declaracións dunha afiliada:

“Eu estou nesa situación, no momento de querer vender os becerros non me deron a guía para poder levalos á feira, por non estar vacinados. Eles non vacinan, as da ADS tampouco, e os veterinarios que nos veñen pola casa non están autorizados. Estiven forzada a chamar a un veterinario que non coñezo e pagarlle o que me quixo cobrar, porque non hai quen o faga. A verdade é que é bastante escandaloso que eles non vacinan, non te avisan para que o fagas e os gandeiros cando queremos ou temos que vender os animais que eles deixaron sin vacinar non podemos. Nin sequera ós matadoiros. Temos que poñerlle as dúas doses e a ver se non temos que esperar aínda despois da segunda para poder vendelos. Un mes máis, teñamos ou non como mantelos, e sen outra solución.”

O SLG describe esta situación como “de abandono provocada pola descoordinación e desleixo da Consellería, que está sendo causa de preocupación e provocando perdas económicas nas explotacións”. Desde o SLG reiteran unha serie de demandas ao conselleiro José González Vázquez:

-Vacinación sen custe para as ganderías.

-Seguimento dos efectos das vacinas nos animais.

-Información de todo este proceso de forma áxil e eficaz: na web da consellería, na Oficina Virtual de Gandaría (OVGAN), nas Oficinas Agracias Comarcais, etc.

-Instan á Consellaría a dar resposta a esta problemática que leva meses afectando ás gandeiras e gandeiros galegos e deixe de aludir a asunción das súas responsabilidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información