O Sindicato Labrego pídelle á Xunta “medidas concretas contra as industrias que lideran a baixada de prezos do leite”

O Sindicato Labrego pídelle á Xunta “medidas concretas contra as industrias que lideran a baixada de prezos do leite”

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira Isabel Vilalba, participou na tarde de onte en Santiago de Compostela canda representantes doutras organizacións agrarias na xuntanza convocada pola Consellaría do Medio Rural (CMR) para abordar distintas problemáticas que están a afectar ás granxas de produción láctea.

Dende o SLG botan en falta por parte da Xunta “medidas concretas para frear a estratexia de presión das industrias cara as granxas, malia atopármonos nun escenario de continuas baixadas no prezo do leite, agravado polas perdas vinculadas a problemáticas como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a praga de vermes que afecta aos prados e cultivos”.

“Históricamente na Galiza estase pagando leite con mellores calidades 5 ou 6 ct/l. por baixo doutras producidas noutras partes do Estado con menos calidades. A CMR, pola súa banda, afirmou que considera que esta situación non é tolerábel, pero insiste en recomendar que as agrupacións de persoas gandeiras e as Organizacións de Produtores de Leite (OLP) negocien os prezos, malia comprobarse con claridade que as industrias teñen capacidade de impor os prezos, e dado que a Consellaría segue sen aportar ferramentas para defender a posición do sector produtor, non teñen necesidade de aceptar ningún tipo de negociación”, explica Isabel Vilalba.

Como exemplo, a Secretaria Xeral do SLG, criticou a “actitude irresponsable de industrias como Leite Río, que co obxectivo de empregar o leite como produto reclamo na gran distribución está protagonizando unha política moi agresiva de prezos e que, ao ser a industria galega que lidera a recollida no noso país, está a provocar baixadas tamén por parte doutras empresas”.

Estratexias de coacción por parte das industrias

Ao mesmo tempo, denuncia o que considera “estratexias de coacción por parte das industrias, que colocan ás gandeiras e gandeiros na situación de ter que aceptar contratos a moi curto prazo, en ocasións cada dous meses, malia estar estipulado que os contratos deberían ter unha duración de alomenos 12 meses -salvo renuncia por parte da persoa gandeira, que de darse é por ameazas de baixada de prezo-, o cal dificulta a viabilidade das granxas ao non poder traballar con perspectivas económicas estables no tempo”.

Esta situación vese favorecida, segundo a responsable do Sindicato Labrego, “pola inexistencia do establecemento de indicadores oficiais por parte da administración, así como do seu tradicional desleixo á hora de seguir e sancionar as prácticas abusivas das industrias lácteas na cadea de produción”.

Canda os problemas para acceder a prezos do leite que cubran custos de produción e remuneren o traballo, dende o SLG-CCLL puxeron tamén enriba da mesa os prexuízos económicos derivados de cuestións vinculadas á enfermidade hemorráxica epizootica (EHE) e á xestión de pragas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información