A cooperativa Amarelante, de Manzaneda, referente en Galicia na recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros, ten en marcha na plataforma Goteo unha campaña de crowfunding para lanzar ao mercado uns copos de fariña castaña.
A campaña remata o día 5 de novembro e precisa reunir achegas cun orzamento mínimo estimado en 5.650 euros, mentres que o óptimo está en 9.500.
“Queremos lanzar ao mercado uns copos de almorzo de castaña, uns “corn flakes”, pero de castaña. Este produto é o resultado da nosa participación no proxecto “Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña”, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) de Galicia. Estivemos traballando nel nos últimos anos e neste momento contamos coa receita e o procedemento de elaboración, pero non co investimento necesario para lanzalo ao mercado”, explican dende a cooperativa ourensá. .
Neste sentido, o diñeiro recadado investirase en todo necesario para poder elaborar os copos. Esto inclúe unha amasadora industrial, unha laminadora, un forno, un lavalouzas industrial, ademais de todo o packaging do produto (envase e etiquetado). Esta parte material completarase co deseño de imaxe dos copos e accións de promoción (tanto físicas como dixitais) para dalo a coñecer e buscar potenciais clientes.
Cales son as recompensas?
Dependendo da aportación, este é o listado:
O teu nome aparecerá nun roller que levan as todas as feiras.
O teu nome constará na súa páxina web como mecenas deste proxecto.
Recibirás 200 gramos de folerpas de castañas, perfectas para os teus almorzos.
Bolsa de tela Amarelante.
Bica de castaña elaborada pola cooperativa.
Paseo por soutos recuperados pola cooperativa para coñecer in situ a súa tarefa de coidado de castiñeiros centenarios.
Merenda entre castiñeiros.
Aloxamento dunha noite en albergue.
Cea nun establecemento de Manzaneda.
As persoas que queiran apoiar este proxecto poden facelo aportando desde 10 euros ata 300.