A cooperativa A Carqueixa é premiada polo Ministerio pola Excelencia á Innovación en Actividade Agraria

O Ministerio de Agricultura recoñece o traballo da Cooperativa A Carqueixa, unha cooperativa que conta cun 43% de mulleres cooperativistas, ademais, o galardón premia o labor en innovación da cooperativa, manexo tradicional e preservación do medio ambiente.

A cooperativa A Carqueixa é premiada polo Ministerio pola  Excelencia á Innovación en Actividade Agraria

A Sociedade Cooperativa A Carqueixa, nacida en 1994, conta con máis de duascentas familias asociadas e un consello reitor paritario. Á parte, esta cooperativa promociona dende o ano 2019 o proxecto ‘O Sabor dos Ancares’ para o que puxo en marcha unha tenda online e unha carnicería física na Praza de Abastos de Lugo.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de conceder á Sociedade Cooperativa A Carqueixa o segundo Premio de Excelencia á Innovación en Actividade Agraria. Trátase dunha das categorías que conforman os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. O galardón, que se fixo público o luns 31 de xullo, recoñece o proxecto por tratarse da única cooperativa que comercializa online Tenreira Galega Suprema e por contar cun consello reitor paritario dende 2022.

Actualmente, a Cooperativa A Carqueixa conta con 215 familias asociadas, o que supón case 10 veces máis que na súa fundación hai case 30 anos. Un 43% das cooperativistas son mulleres, unha cifra moi alta e que se traslada a un consello reitor paritario ao 50%. Este consello reitor é o máximo órgano da cooperativa no período entre asembleas.

Lucía González, que forma parte do persoal da cooperativa, explica logo de coñecerse esta distinción que “como muller e traballadora da cooperativa A Carqueixa, este recoñecemento significa unha mostra máis de que estamos no camiño a seguir cara un futuro onde os Ancares sexan un exemplo de igualdade”. Salienta que así se pon en valor “o traballo de todas aquelas mulleres que dende sempre foron un alicerce fundamental no desenvolvemento, na creación de iniciativas e na posta en marcha das mesmas, sendo o motor destas montañas”. “Síntome moi orgullosa de formar parte dun proxecto no que se nos poña por fin nome a apelidos”, engade.

Pola súa banda, Mari Carmen Fernández, propietaria do Bar Xegunde -onde se preparan os pratos cociñados a domicilio que constitúen a máis recente liña de negocio da Carqueixa-, tamén amosa a súa satisfacción. Con máis de vinte anos de historia, o bar Xegunde é un dos establecementos referenciais de Navia de Suarna e agora chega a toda a península cos seus pratos caseiros. “Este premio recoñece que con esforzo e traballo pódese vivir aquí, na montaña, con calidade de vida”, afirma Mari Carmen. O traballo da Sociedade Cooperativa A Carqueixa está a dar azos a persoas que apostan polos Ancares, e permitindo que a gastronomía da montaña traspase as súas fronteiras naturais. A cociñeira do bar Xegunde salienta que o segredo está, tamén, en cociñar para os demais coa mesma dedicación con que se cociñaría para unha mesma. “A maior satisfacción dun cociñeiro é que o prato quede baleiro”, bromea.

Un proxecto en expansión

A Cooperativa A Carqueixa impulsa dende o ano 2019 o proxecto O Sabor dos Ancares. A través do mesmo, puxo en marcha unha tenda online e unha carnicería física na Praza de Abastos de Lugo. Son só algúns dos fitos recentes dun proxecto, A Carqueixa, nacido en 1994 cando 27 veciñas e veciños dos Ancares se xuntaron para afrontar a crise demográfica e produtiva do rural cun proxecto que pon en valor a cría e manexo tradicional en extensivo do gando e o coidado da biodiversidade das áreas de montaña. O aval dun número crecente de consumidores e mesmo de empresas e comedores que apostan pola carne da Carqueixa son a mellor garantía de futuro para a cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información