Amarelante, a cooperativa que está a revitalizar a produción da castaña en Manzaneda

Amarelante é o nome da variedade de castiñeiros máis habitual no macizo central ourensán e tamén o da cooperativa creada no 2013 por cinco familias que viron na castaña unha alternativa de futuro. Comezaron a actividade coa recollida e venda en fresco da castaña dos seus propios castiñeiros e foron ampliando produción a través do aluguer e cesión de soutos, ao mesmo tempo que iniciaban un proceso de transformación para dar maior valor engadido ao produto

 

As socias e socios de Amarelante, á sombra dun dos castiñeiros dos que obteñen a súa materia prima

Amarelante Sociedade Cooperativa Galega é o nome dun proxecto que busca revitalizar o rural a través da castaña. A iniciativa colle o nome da principal variedade de castiñeiros que hai na zona de Manzaneda e foi impulsada por cinco familias da comarca que apostaron por recuperar os soutos como unha vía de futuro.

Sonia, Óscar, Marcos, Natalia, Félix, Davide, Iria, Lito e Luz integran a cooperativa, pero a súa Xunta Directiva é feminina, formada só polas mulleres, ao fin de dar visibilidade ao traballo das mulleres no rural, moitas veces tapado e pouco valorado, o mesmo que producións complementarias como eran a da castaña.

O proxecto foi impulsado por cinco familias da comarca que atoparon na castaña unha vía de futuro no rural

Manzaneda, que conta cun castiñeiro de máis de 1.100 anos que está declarado patrimonio natural, e unha zona historicamente de moita produción de castaña e de castaña de moi boa calidade e a cooperativa leva o nome precisamente da principal variedade que producen os castiñeiros que hai neste municipio, onde tamén se dan outras como a negral.

A cooperativa leva o nome da principal variedade de castaña que se dá en Manzaneda

Amarelante naceu nun contexto de crise económica nunha comarca afectada desde hai décadas tamén pola crise demográfica e os lumes que ano tras ano afectan aos montes do macizo central ourensán, como ben sabe Davide, que loita contra eles desde a súa profesión de bombeiro forestal. “O obxectivo era crear unha cooperativa de explotación comunitaria da terra para aproveitar os soutos en desuso. Nós tiñámolo claro porque a materia prima tiñámola nos nosos montes, só que estaba abandonada”, destaca.

Loita contra o abandono e creación de emprego

Un dos soutos con castiñeiros centenarios recuperados por Amarelante

Un dos soutos con castiñeiros centenarios recuperados por Amarelante

Amarelante é un proxecto plural, trátase dunha aposta polo rural a través da castaña e do cooperativismo, unha iniciativa que recibiu no 2015 o premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Traballo e cuxa labor na recuperación dos soutos tamén lle valeu para que fose galardonada no ano 2019 cos Premios Agader de Desenvolvemento Rural na categoría de loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras.

Galicia conta con 38.000 hectáreas de soutos pero o 50% non están a producir

Os socios de Amarelante iniciaron a actividade mantendo en paralelo outros empregos, aínda que a medida que o proxecto foi medrando e requerindo de maior adicación foron creando postos de traballo estables. Neste momento contan cunha persoa contratada a tempo completo e outras dúas a media xornada e o resto de socios colaboran nos traballos estacionais de mantemento dos soutos e recollida das castañas en función da súa dispoñibilidade, adicándolle en moitos casos as fins de semana ou as vacacións.

Vivir no rural, non sobrevivir

Labores de envasado e etiquetaxe da fariña de castaña

Labores de envasado e etiquetaxe da fariña de castaña nas instalacións da cooperativa

Así resumían nas redes sociais, o pasado 8 marzo, cando se cumprían 8 anos do proxecto Amarelante, o seu traballo: “Recuperamos soutos que levaban anos abandonados, compramos unha nave e a maquinaria necesaria para secar castañas e facer fariña. Seguimos dándolle voltas á cabeza e xurdiu a bica de castaña. Pelexamos coa burocracia, a avespiña e a seca. Vivimos castañais moi bos e outros que foron ruíns; momentos de alegría e outros de agonía nos que non saían as contas. Gañamos o premio Agader e participamos en varios proxectos de investigación. Fomos de feira en feira, impartimos charlas e formámonos para seguir mellorando. Resumir nunhas simples frases esta particular aventura é bastante complicado. Porén, como dicimos sempre: seguimos a soñar nos soutos, porque só o que se soña se pode facer realidade. Queremos vivir do rural, non sobrevivir. Seguimos!!!”.

Pelexamos coa burocracia, a avespiña e a seca

Toda unha declaración de intencións dun grupo de xente que quere desenvolver o seu proxecto vital de maneira plena no rural, sen necesidade de marchar de Manzaneda para gañarse a vida ou poder disfrutar de momentos de lecer. “Estamos convencidos de que o noso proxecto pode ser unha ferramenta de transformación social que vai moito máis aló de recoller castañas”, din.

Estamos convencidos de que o noso proxecto pode ser unha ferramenta de transformación social que vai moito máis aló de recoller castañas

A experiencia destes anos así o demostra. Amarelante favoreceu que un grupo de xente nova se asentara e permanecera en Manzaneda, tamén como revulsivo demográfico para unha localidade, coma moitas outras da provincia de Ourense, pouco sobrada de cativos. Deles coida Iria na súa casa niño O Bicarelo, un servizo máis dos que necesita o rural e que reivindica Davide, que acabou sendo alcalde do seu pobo. El e Marcos eran tamén guitarrista e percusionista dos Cuchufellos, igual que Óscar segue a tocar en Coanhadeira, así que con varios músicos no grupo a festa está asegurada cando os traballos na cooperativa rematan. 

Cando ao principio fomos ao banco a pedir os cartos dábannos para mercar un coche cada un pero non nos daban 35.000 euros para mercar a nave e a maquinaria para poñer en marcha un proxecto produtivo entre 5 familias

A filosofía coa que naceu Amarelante é clara: manter os soutos, poñer en valor a súa produción facéndoa rendible e fixar poboación a través dun modelo que aposta pola cooperación. De aí a súa implicación social e o interese en colaborar tamén con outras asociacións do seu entorno para a posta en marcha de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do municipio. Saben en carne propia o que custa poñer a andar un proxecto coma o deles, saben dos atancos, da falta de apoios e da burocracia.

Urxen iniciativas que ofrezan opcións reais para asentar poboación nos concellos do rural

Nas súas instalacións reciben tamén visitas de todo tipo, desde asociacións a colexios, aos que amosan o seu proxecto e os valores dos soutos dende o punto de vista económico, social e ambiental, tratando de presentar en positivo o minifundio desta zona fronte a plantacións industriais de ducias de hectáreas pero que nada teñen que ver so sistema produtivo tradicional de Galicia. 

Aposta polo modelo cooperativo

Visita das alumnas e alumnos do IES do Ribeiro ás instalacións de Amarelante para coñecer o seu proxecto

Visita de alumnado do IES do Ribeiro ás instalacións de Amarelante para coñecer o seu proxecto

O proxecto xurdiu a raíz dunhas xornadas sobre cooperativismo no rural que se celebraron a nivel local e tomou forma definitiva en marzo do 2013 coa constitución da cooperativa, outra das súas razóns de ser. “Cando puxemos en marcha Amarelante tiñamos moitas dúbidas. Algunhas aínda seguen, porque non hai fórmulas máxicas. Sen embargo, se houbo algo que sempre tivemos claro foi o modelo de xestión polo que apostariamos. Unha cooperativa é moito máis ca unha empresa. Significa colaboración, igualdade, democracia, solidariedade”, defenden.

Unha cooperativa é moito máis ca unha empresa. Significa colaboración, igualdade, democracia e solidariedade

Desde Amarelante Sociedade Cooperativa Galega reinvindican o papel clave deste tipo de entidades para ofrecer “un modelo económico máis xusto no que prime a cooperación e non o rendemento económico a calquera prezo”. “Ademais de traballar para vivir, tamén intentamos poñer en valor a cultura e os produtos da nosa zona, colaborando con moitos outros negocios locais e organizando actividades culturais e educativas. Porque en esencia, unha cooperativa é iso: cooperar, non só entre nós, senón tamén coa nosa contorna. E isto debería ser a base da nosa sociedade”, argumentan.

Ademais de traballar para vivir, tamén intentamos poñer en valor a cultura e os produtos da nosa zona, colaborando con moitos outros negocios locais e organizando actividades culturais e educativas

Amarelante é, pois, un proxecto colectivo, no que as socias e os socios comparten tarefas como o coidado dos soutos ou a recollida da castaña, e no que tamén se complementan, porque cada unha e cada un deles, pola súa formación ou polo seu traballo, focaliza a súa labor naqueles aspectos que máis domina. Por exemplo, Marcos atende o almacén e os pedidos e fai as reparacións na nave, Sonia leva o papeleo e pelexa coas administracións, Félix é un apaixoado dos tractores e a maquinaria agrícola, Luz actualiza a web e as redes sociais coa axuda de Natalia, que fai as fotos … e así até completar as distintas tarefas que require un proxecto que integra produción, transformación e comercialización.

Contratos de alugueiro ou cesión

AMARELANTE soutos cartelComezaron alugando soutos e pagando un prezo por castiñeiro ao ano. “Un dos grandes valores desta zona é o castiñeiro e falando entre nós, vimos que todos queriamos vivir no rural e que todos tiñamos castiñeiros. Con esa base, comezamos a falar con xente que non podía atender os seus soutos para mirar de que nolos alugara ou cedera”, explican sobre os comezos do proxecto.

“Ao principio non foi doado por desconfianza a que os colleramos e non os coidaramos por non ser rendible, pero levamos xa uns anos nos que hai moitos veciños que nos ofrecen os seus soutos gratuitamente coa única condición de que llelos coidemos coma os outros que temos, pero non temos xa capacidade para seguir aumentando a base territorial por falta de tempo”, recoñecen.

Comezaron pagándolle a cada veciño que lles alugaba os soutos un prezo por castiñeiro ao ano

Amarelante conta neste momento con 600 árbores en produción. De ano en ano, a cooperativa foi aumentando terreo, ata as 7,5 hectáreas que xestiona na actualidade, nas que fan os traballos de mantemento precisos para garantir unha boa produción e tamén a conservación do entorno, tanto desde o punto de vista da fertilidade do chan e a biodiversidade, como desde o punto de vista paisaxístico e de protección contra incendios forestais.

Limpeza, poda e sinalización

Traballos de desbroce nun dos soutos xestionados pola cooperativa

Traballos de desbroce nun dos soutos xestionados pola cooperativa

O primeiro que fan cando lles ceden un souto, logo de buscar os lindes e marcos da parcela, unha tarefa que non é doada moitas veces, é identificalo colocando un cartaz no que manteñen o nome co que era coñecido no lugar: o Souto do Rei, Trabazos, As Regadas … “Conservamos os seus nomes porque para nós cada un deses castiñeiros é moito máis que un número, son un auténtico patrimonio natural do que nos responsabilizamos para que poidan chegar até futuras xeracións”, din. Coa información do Sixpac inscriben despois eses castiñeiros dentro da IXP e do Craega.

Ate o 2015 Amarelante foi só produtora e comercializadora de castaña fresca

A labor de recuperación continúa despois cun traballo de desbroce e limpeza das fincas e de poda dos castiñeiros. Os rastrollos e maleza miúda queímana e as ponlas da demouca empréganas para a caldeira coa que alimentan o secadeiro das castañas, nun exemplo de economía circular que evita así empregar combustibles fósiles.

Recollida á man

AMARELANTE soutos recollida7O minifundio, as pendentes e os camiños estreitos dificultan a mecanización dos traballos tanto para o coidado do soutos como para a recollida da castaña. O traballo de apañado esixe unha selección do froito, o que os levou a decantarse pola recollida manual. “Probamos a máquina de mochila, que aspira a castaña separándoa do ourizo, e vimos que axiliza o traballo no souto pero que dá despois máis traballo para seleccionar as boas”, contan.

Probamos a máquina de mochila, que aspira a castaña separándoa do ourizo. Axiliza a recollida pero dá despois máis traballo para seleccionar as boas

A comercialización habitual da castaña que fan a maioría de produtores en Galicia é por venda en fresco a través de intermediarios. Esa é tamén a vía que utilizou Amarelante nos seus inicios, aínda que comezou a explorar de xeito progresivo outras posibilidades.

Parte da castaña recollida séguena vendendo en fresco durante a tempada de recollida, sobre todo os calibres grandes, e a outra sécana, unha alternativa que aumenta o periodo de conservación do produto e que permite ademais unha boa saída para a castaña pequena, que ten peor comercialización en fresco. “Neste momento xa secamos moita máis da que se vende fresca”, explica Sonia. Lograron deste xeito invertir o modo de comercialización dos primeiros anos en favor do produto transformado, menos dependente das oscilacións de prezos.

Secado e transformación da castaña

Marcos e Óscar clasificando a castaña na nave

Marcos e Óscar clasificando a castaña

A cooperativa puxo en funcionamento no 2015 unha nave de secado na que investiu 170.000 euros que lle permitiu iniciar de xeito progresivo a transformación do produto e reducir deste xeito a súa venda en fresco a través de intermediarios. O centro de conservación e transformación está nunha antiga nave textil que pertencera a Adolfo Domínguez e conta con maquinaria específica, como unha criba que separa por calibres, unha peladora e a propia secadora, que puxeron a funcionar no seu terceiro ano de andadura, permitindo o secado dos froitos de mediano e pequeno tamaño, o que aumenta o tempo de conservación e abriu novas liñas de mercado, como a da produción de fariña de castaña.

A posta en marcha de instalacións para a conservación e transformación do produto permitiulles revalorizar a castaña

Aínda que se trata dun sistema industrial, o mecanismo de funcionamento e tratamento da castaña é o mesmo neste secadeiro industrial que nos sequeiros tradicionais. O secadeiro está equipado dunha caldeira de madeira na que queiman a leña das podas que suministra aire quente a presión para o secado das castañas, que quedan preparadas en pouco máis dunha semana, fronte ós máis de 20 días que eran habituais nos secadeiros tradicionais.

Castañas no secadeiro, onde pasan uns 10 días

Castañas no secadeiro, onde pasan uns 9 días

Neste proceso a castaña perde a auga, polo que, transcorridos 9 días, os 9.000 quilos de castaña en fresco que teñen de capacidade na secadora, quedan reducidos uns 3.000, descontadas as mermas polo deshidratado e a pel, xa que logo do secado, a castaña pasa por unha peladora que fai ao mesmo tempo unha selección para desbotar as que romperon no proceso. Quedaría entón xa lista para a súa comercialización.

O secado aumenta o tempo de conservación e mellora a saída para a castaña pequena

Na cooperativa levan anos apostando por transformar a castaña para evitar a dependencia dos mercados en fresco e neste momento xa secan boa parte da produción para comercializala logo ó longo do ano. Ademais de catañas secas e fariña de castaña, 100% natural e apta para celíacos, que moen nun muiño de pedra e a partir da cal fan tamén bica de castaña.

AMARELANTE pack produtos 12A busca de mercados para o produto transformado foi o seguinte reto ao que se tivo que enfrontar Amarelante, habitual en moitas feiras das que se celebran pola xeografía galega e que vende os seus produtos en tendas de toda Galicia e tamén de Madrid e Euskadi.

Un alimento que foi base do sustento de moitas familias galegas no pasado foi perdendo pouco a pouco ese lugar predominante nas casas até recuperar agora o seu prestixio na alta cociña

Amarelante produce baixo a garantía da IXP Castaña de Galicia, un selo que serve para distinguir tamén os seus produtos no mercado. A castaña galega, que destaca pola súa calidade, é un produto cada vez máis demandado, tanto en repostería como en alta cociña e mercados importantes a nivel internacional, como os países centroeuropeos, Estados Unidos, Brasil ou Xapón mercan cada vez máis castaña producida na nosa comunidade.

Novos produtos e oportunidades

AMARELANTE instalacions muiño fariña de castañaA cooperativa leva case dende os seus comezos impulsando a transformación da castaña para reducir a dependencia do mercado en fresco e da subministración para outras industrias. Nesta liña, están a impulsar varios proxectos en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, e o Centro Tecnolóxico da Carne, ubicado en Ourense.

Están a desenvolver unha bebida vexetal, copos e un snack a partir de castaña

Trátase dun proxecto piloto sobre tres novos produtos elaborados a base de castaña: leite vexetal, copos e un snack elaborado coa castaña xa precociñada. “Nós probamos a elaboración de todos eles de modo caseiro, pero agora precisamos que nos concreten que procedementos e maquinaria precisaremos para facelo a maior escala e poder comercializalo”, apuntan. Estas investigacións prolongaranse durante os próximos 2 anos.

Tratamentos contra o chancro e a avespiña

Solta do antídoto natural da avispiña, o Torymus Silensis, en castiñeiros xestionados por Amarelante

Solta do antídoto natural da avespiña, o Torymus Sinensis, en castiñeiros xestionados por Amarelante

Galicia segue a ser a principal produtora e exportadora de castaña de España, pero factores climáticos ou problemas sanitarios como o chancro ou a avespiña fixeron caer nos últimos anos a produción desde os 20 millóns de quilos até os 12 millóns.

Na comarca de Manzaneda e o macizo central ourensán a praga da avespiña está a facer estragos, danando tanto a produción como a propia saúde dos castiñeiros, que acusan os danos coa falta prematura de folla. Amarelante chegou a recoller nalgún ano 40.000 quilos de castaña, unha cifra da que quedaron moi lonxe nas últimas campañas.

Amarelante chegou a recoller 40.000 quilos de castaña, unha cifra da que quedaron moi lonxe nas últimas campañas

O concello de Manzaneda está tamén moi afectado pola enfermidade do chacro, o que os obrigou a vacinar todos os castiñeiros contra este mal. Nas árbores nas que o chancro estaba xa moi avanzado acabaron secando pero lograron salvar o resto, que empezaron a cicatrizar as feridas ao cabo duns tres anos do tratamento.

Castañas da variedade amarelante

Castañas da variedade amarelante, que destacan polo seu tamaño e bo aspecto

Outra das enfermidades tradicionais dos castiñeiros era a da tinta, que hoxe afecta menos, xa que se transmite polo chan (non por esporas, como o caso do chancro) e ao parar de arar os soutos (tradicionalmente facíase para botar cereal) a súa incidencia tamén diminuiu, explican.

Os mercados de fresco estiveron parados o ano pasado pola covid e estívose pagando a castaña a prezos de hai 20 anos

Malia a caída da produción que se está a dar nas últimas campañas por mor de cuestións como o da avispiña do castiñeiro, o prezo da castaña non aumentou. De feito, o mercado en fresco resentiuse no último ano pola crise sanitaria e a caída da demanda, polo que a baixada dos prezos nalgunhas variedades foi notable. “Os mercados de fresco estiveron todos moi parados o ano pasado ao non haber magostos nin celebracións polo Samaín por causa da covid-19 e estívose pagando a castaña case como hai 20 anos”, lamenta Óscar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información