A cooperativa Aira está a ser un ano máis a máis madrugadora de Galicia no ensilado do millo. As colleitadoras do seu parque de maquinara comezaron esta semana a campaña de recollida en fincas da zona de Chantada e Taboada plantadas no mes de abril con millos de ciclo curto.
Estas primeiras cortas puntuais de sementeiras temperáns feitas a comezos da primavera en parcelas secas son habituais nesta zona todos os anos. Desta volta xa se iniciaron nos últimos días de agosto e previsiblemente continuarán a vindeira semana con algunha outra recollida xa programada, segundo confirman desde a cooperativa.
Trátase de parcelas puntuais sementadas en abril con ciclos curtos e que a mediados de agosto xa acusan habitualmente a seca
Os realizados até o de agora son traballos para determinadas ganderías, como Raxeiras SC de Chantada ou Cadahias de San Julián SC de Taboada, en parcelas puntuais, aínda que o forte da campaña arrincará, se as condicións meteorolóxicas o permiten, nas datas habituais, entre o 15 e o 20 de setembro.
O forte da campaña vén este ano con retraso porque o verán foi fresco e o cultivo está a aguantar máis sen se secar
Estas primeiras colleitas están a ser boas, máis abundantes do habitual nestas fincas secas, con rendementos superiores aos 40.000 quilos por hectárea. “Son cifras que están por enriba da media destas parcelas porque este ano choveulle moito ao millo, tanto a finais da primavera coma durante o verán”, confirma Jorge Meiriño, técnico de Aira. As previsións tamén son optimistas para o resto da campaña en toda Galicia.
Un parque de maquinaria con 11 colleitadoras
A cooperativa Aira conta cun dos parques de maquinaria máis completos de Galicia, xa que adquiriu esta primavera un lote de equipos entre os que se inclúen tres colleitadoras (unha modelo Claas 970 de 10 filas e dúas Claas 960 de 8 filas), oito tractores e 10 remolques.
Con esta compra, valorada en 1,5 millóns de euros, Aira pasa a dispoñer dun parque de maquinaria no que destacan as súas 11 colleitadoras, o que o convirte no máis grande dos existentes na comunidade en volume de maquinaria, para que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, o que se traduce nuns silos de mellor calidade.
Para optimizar a recollida da forraxe para os socios no seu momento óptimo, Aira reforza os equipos e o cadro de persoal propio nas épocas de máis demanda coa contratación de empresas de servizos externas
Para optimizar a produción de forraxe para os socios, ademais dos equipos e cadro de persoal propio, Aira conta con autónomos e empresas de servizos para reforzar o incremento puntual do volume de traballo.
O servizo de maquinaria de Aira programa os traballos a unha semana vista, polo que para solicitar vez para o ensilado é preciso avisar á cooperativa con 15 días de antelación indicando unha estimación o máis aproximada posible das hectáreas a colleitar, de maneira que se poida optimizar o tempo de traballo dos equipos.
Os danos do xabarín son cuantiosos
A Xunta de Galicia vén de autorizar a caza sen límite de exemplares de xabaríns en 198 concellos galegos para tratar de frear a súa expansión e reducir os danos que provoca nos cultivos, pero semella que a medida chega tarde para a campaña deste ano.
Cando menos na zona de Chantada os danos son xeralizados e importantes, segundo constata Jorge Meiriño, técnico de Aira. “Nesta zona hai danos por todos os lados e aínda estamos empezando, polo que poden ir a máis”, teme.
Vense camas moi grandes nas fincas porque os xabaríns andan en mandas moi grandes e fan moito destrozo
“Vense camas moi grandes nas fincas, de 2.000 ou 3.000 metros cadrados, porque os xabaríns andan en mandas grandes por mor do lobo e da superpoboación que hai de suídos, e cando é así fan moito dano ao entraren nas parcelas”, di.
Aínda que é difícil facer a estas alturas da campaña unha cuantificación aproximada dos danos e perdas que pode ocasionar o porco bravo na colleita, Jorge indica que “os destrozos están na media do ano pasado, no que xa foran importantes”, lembra.