Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria

A cooperativa adquiriu, entre outros equipos, tres colleitadoras, oito segadoras, oito tractores e 10 remolques. Coa operación tamén se crean dous novos puntos con cadanseu equipo básico de maquinaria nas vilas de Sarria e Guntín e aumentarán as prestacións para Silleda

Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria

Algunhas das máquinas adquiridas pola cooperativa.

A cooperativa agrogandeira Aira, con sede central en Taboada (Lugo), acaba de pechar a compra dun lote de maquinaria renova e amplia o seu parque. A compra da maquinaria, que comezou a fraguarse a finais do pasado ano,supón un investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

A cooperativa adquiriu un lote de equipos entre os que se inclúen oito segadoras, delas unha segadora autopropulsada e dúas mariposas, unha colleitadora modelo Claas 970 de 10 filas, dúas colleitadoras Claas 960 de 8 filas, oito tractores e 10 remolques. No conxunto tamén se inclúe outra maquinaria coma arados e sementadoras, que contribúe a mellorar as prestacións do parque.

“A compra pretende reforzar o parque de maquinaria que temos a día de hoxe tanto en Chantada coma en Pol e permitiranos tamén mellorar os servizos que ofrecemos ó socio ó poder establecer dous novos puntos con maquinaria fixa en Sarria e Guntín e incrementar as prestacións para a comarca do Deza, ó dispoñer de máis maquinaria na delegación de Aira en Silleda”, explica José Enrique Otero Díaz, director de Subministros e Servizos na cooperativa.

Tanto o parque de Sarria coma o de Guntín contarán xa nesta campaña de ensilado de herba cun equipo fixo integrado por unha colleitadora, tres tractores e outros tantos remolques.

Dende a cooperativa sinalan que a creación destes parques auxiliares con maquinaria propia e fixa tanto en Guntín coma en Sarria busca mellorar as prestacións que se ofrecen ós socios nestas zonas para poder atender a demanda existente e complementar os servizos que xa se viñan prestando nestes concellos coa colaboración de distintas empresas, coas que se seguirá a traballar.

Revisión e posta a punto

Toda a maquinaria foi adquirida á firma lucense Ramudo de Bretoña SL. “Estamos terminando a revisión e posta a punto da maquinaria para a campaña de ensilado de herba”, concreta José Ángel Cobas Barreiro, responsable do parque de maquinaria na cooperativa.

Boa parte das máquinas xa se atopan nas propias instalacións da cooperativa preparadas para os traballos de sega e ensilado da herba, que está a comezar de xeito paulatino nestes días nas distintas delegacións de Aira.

Parque de maquinaria

A operación permite que Aira siga a consolidarse como unha das principais cooperativas en Galicia tanto en volume de facturación como en servizos ós socios. A compra de maquinaria permite que nestes momentos a cooperativa dispoña dun amplo equipo pensado para tarefas fundamentais para os gandeiros como son ensilado tanto de herba como do millo, alimentos básicos nas racións do gando vacún de leite, e cada vez máis tamén do de carne.

O incremento do parque de maquinaria supón tamén un incremento do cadro de persoal da cooperativa. Así, está prevista a contratación de 8 profesionais especializados na condución deste tipo de maquinaria que se engaden á trintena de empregados do parque de maquinaria da cooperativa, unha cifra que se incrementa durante as campañas co aumento da carga de traballo. Polo momento, xa se contrataron 5 traballadores.

Con esta adquisición, Aira pasa a dispoñer dun parque de maquinaria no que destacan 11 colleitadoras, o que o convirte no máis grande de Galicia en volume de maquinaria. “Cada vez as campañas son máis concentradas, queremos que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, xa que isto tradúcese nunhas mellores producións (cuantitativa e sobretodo cualitativa) e reducións de custos”, detalla José Enrique Otero Díaz.“Tentamos reducir ó minimo o tempo que pasa entre a recollida dos forraxes de inverno e o cultivo do millo para que os socios poidan optar por ciclos de millo máis longos que tamén lles proporcionen mellores resultados, polo que é fundamental contar con maquinaria dispoñible para afrontar ese volume de traballo”, puntualiza.

Para optimizar a produción de forraxe para os socios, ademais dos equipos e cadro de persoal propio, Aira conta con autónomos e empresas de servizos para reforzar o incremento puntual do volume de traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información