A Xunta permitirá cazar o xabaril sen límites en 198 concellos para frear os danos que provoca

A medida entrará en vigor mañá e estenderase ata o 27 de febreiro de 2022, se non se suspende antes. Nestas zonas permítese abater ou capturar sen límite exemplares de xabarís de ambos sexos e amplíanse os períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética. Unións Agarias tilda a medida de “insuficiente”

A Xunta permitirá cazar o xabaril sen límites en 198 concellos para frear os danos que provoca

Danos do xabarin no millo. Arquivo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as catro resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nun total de 29 comarcas galegas. É a segunda ocasión na que a Xunta recorre a este instrumento, de carácter provisional e extraordinario, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

“As circunstancias extraordinarias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”, explican dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez.

Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Condicións para a caza do xabaril

Así, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2021-2022 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

De igual xeito, nas comarcas en emerxencia cinexética temporal poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial, persoalmente ou mediante terceiros, con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.

As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 29 comarcas (7 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 2 en Pontevedra) que comprenden 198 concellos (50 deles coruñeses, 53 lucenses, 87 ourensáns e 8 pontevedreses) e un 68,4% da superficie total de Galicia.

A vixencia destas declaracións estenderase desde mañá —data de entrada en vigor das catro resolucións— ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza establecido para o xabaril durante a tempada 2021-2022. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, no momento no que se constate que desapareceron as causas que motivaron a declaración da emerxencia.

Bos resultados coa primeira experiencia

A emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza.

En 2019 a Xunta declarou por primeira vez a emerxencia cinexética en 33 concellos de catro áreas xeográficas de Galicia: Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza. Tras esta experiencia pioneira, a efectividade da medida quedou avalada polos datos xa que os avisos nestas comarcas reducíronse un 29,4% respecto á tempada de caza precedente.

Por iso, na última reunión da comisión de seguimento do plan de acción fronte ao xabaril, celebrada a mediados de xuño, as distintas administracións e colectivos que desde hai anos colaboran na xestión conxunta do problema coincidiron na oportunidade de volver estudar o emprego da emerxencia cinexética temporal en certas zonas da Comunidade como medida adicional para minorar o impacto da especie nas mesmas.

Unións Agrarias: “A Xunta recoñece o descontrol dos danos do xabarín en Galicia”

XUNTA XABARIN

Precisamente, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convocou hoxe aos principais sindicatos e organizacións agrarias de Galicia co fin de informalos en persoa sobre o contido e alcance das declaracións de emerxencia cinexética temporal.

A xuntanza enmárcase nos contactos que, de forma periódica e continua, mantén a Xunta cos diferentes colectivos implicados na xestión deste problema na Comunidade e tendo en conta, ademais, que o sector agrogandeiro é un dos máis afectados polo impacto socioeconómico que xera a sobrepoboación de xabarís en determinadas zonas.

Neste sentido, Unións Agrarias é especialmente crítica coa actuación da Consellería de Medio Ambiente ante os danos do xabarín. “Solicitamos do presidente da Xunta que lidere a resposta a esta crise dada a total ineficacia que caracteriza a xestión deste asunto por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, quen non está a dar a cara nin a propoñer solucións para os danos do xabaril no agro galego, agochándose detrás dos técnicos e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural”, reclaman dende a organización agraria..

En concreto, critican que “as medidas coñecidas consisten só na flexibilización da caza do xabaril, baseándose no aumento de días de caza (que pasan a ser todos os días da semana) e na simplificación administrativa da tramitación das autorizacións de caza, todo baixo o amparo da declaración de “emerxencia cinexética” nas comarcas e concellos de maior actividade agraria, estado excepcional que prevé a lexislación de caza para o control de situacións extraordinarias xeradas por actividade descontrolada de poboacións de animais, neste caso o xabaril”.

Unións Agrarias entende que esta medida por parte da Consellería de Medio Ambiente, “é un recoñecemento tácito do descontrol das poboacións dos xabarís e os seus efectos no rural durante os últimos anos, nos que se está a dar unha escalada progresiva tanto de accidentes de tráfico (que xa superan os 3.200 ao ano segundo datos oficiais) como danos nas colleitas, que segundo estimacións de Unións Agrarias, superan xa os 12 millóns de euros cada ano, fundamentalmente en cultivos forraxeiros, e tamén en viñedo, pataca e castaña”.

Para a organización agraria a Xunta non vai ao fondo do problema dos danos do xabarín, que “é a obriga que ten a Caza Social Galega de responder do pago dos danos na agricultura, cando carecen da planificación axeitada para controlar as poboacións de xabaril, e sobre todo, cando non teñen fondos para o pago dos máis de 12 millóns de euros anuais que se están a dar no agro galego pola acción das mandas”.

Por todo elo Unións Agrarias seguirá na súa campaña na procura de apoio no mundo da caza social, para demandar un cambio legal na lexislación de caza, “que poña a obriga de responder polos danos da fauna salvaxe na Xunta de Galicia, e non nos TECOR e Sociedades de Caza que non son os propietarios desta fauna, únicamente os responsables da súa xestión conforme a normativa autonómica”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información