O millo é unha das forraxes fundamentais para boa parte das ganderías de leite galegas, por iso conseguir boas producións e colleitas é o obxectivo de todas elas. Para lograr bos resultados, unha das claves é realizar unha axeitada fertilización do cultivo.
Na cooperativa agrogandeira Aira, con sede en Taboada (Lugo), abordaron recentemente esta cuestión cos seus asociados, procedentes de distintas zonas, nunha xornada técnica celebrada en Sarria, na que participaron técnicos da cooperativa das diferentes delegacións.
Unha das cuestións nas que insistiron durante a xornada foi en repartir o aporte de nitróxeno que se fai ó cultivo, no canto de achegalo só dunha vez, debido ás perdas que se producen. “A eficiencia do abonado aumenta moito se a planta dispón do nitróxeno nos momentos de máis demanda”, explican dende o servizo agronómico de Aira.
Recomendan repartir en dúas veces o aporte de nitróxeno granulado, para conseguir que a planta dispoña del nos momentos en que máis o precisa
Unha das opcións para repartir a dose de nitróxeno que se aporta ó millo é facelo en dúas veces, empregando en ambos casos fertilizantes granulados. Así, realízase un primeiro abonado antes da sementeira e despois procédese a un segundo abonado xusto antes de que peche o millo, é dicir, antes de que comece a encañar. “Hai que facer este segundo aporte cando o millo ten entre 8 e 10 follas, de xeito que aínda se pode entrar sen danar o cultivo”, apuntan dende o servizo agronómico da cooperativa.
Na xornada divulgativa abordouse este método de fertilización e os participantes viron a aplicación dun dos produtos que se poden utilizar no segundo aporte de abono, cando a planta comeza a encañar. Nesta sesión demostrativa empregaron o abono Amidas, cunha aplicación de 150 quilos por hectárea. Para a súa aplicación utilizaron unha máquina de redrar que permite tamén aplicar o fertilizante.
Ta e como sinalaron os expertos, entre outras vantaxes, este abono é concentrado, o que permite empregar baixas doses e gañar moito rendemento na aplicación. “A aplicación resulta práctica e económica. Así é que cunha aboadora de 1.500 quilos pódense facer entre 8 e 10 hectáreas en pouco tempo”, explicouse na xornada.
Na xornada utilizaron o abono Amidas que permite empregar baixas doses e gañar moito rendemento na aplicación
Deste abono recoméndase aplicar unha dose de entre 125-200 quilos por hectárea dependendo da produción esperada (35-70 toneladas por hectárea). Na súa composición, o Amidas inclúe xofre, o que axuda a asimilar o nitróxeno polas plantas. Outra das vantaxes deste produto é que non dana o millo producíndolle queimaduras, como acontece con outros fertilizantes.
Aportar fertilizante e redrar o millo
A aplicación deste fertilizante granulado na parcela de Sarria fíxose cunha máquina de redrar o millo. Este é un dos apeiros, xunto coas aboadoras suspendidas, co que aplicar o abono ó cultivo nesta fase de crecemento. Ademais, na sesión tamén recordaron os beneficios que lle proporciona ó cultivo redrar a terra. “Redrar o millo aporta moitos beneficios ó millo. É unha técnica moi antiga que se deixou en desuso polos cambios na mecanización das granxas”, explican dende o departamento agronómico de AIRA.
Recomendan aplicar o abono cunha máquina de redrar o millo polos beneficios que reporta este proceso ó millo
En concreto, redrar o millo permite romper a costra que se forma na superficie da terra e as fendas que fan que se perda a auga en profundidade. Ademais, arrendar o colo do millo provoca que saian novas raíces mellorando moito a densidade delas e a súa eficiencia.
Tamén é unha práctica que permite liberar a terra dalgunhas herbas que aínda estean nese momento na leira. Ademais, ó enterrar o fertilizante, as perdas son mínimas.
Por que é importante aplicar un abono foliar ó millo?
Na xornada, na Cooperativa tamén informaron ós participantes sobre o uso de abonos foliares, para aplicar xunto co herbicida. Os abonos foliares poden proporcionar micronutrientes, aportar bioestimulantes e achegar nitróxeno, de xeito que se completa a fertilización da planta.
Os abonos foliares aportan pequenas cantidades de nutrientes dunha maneira moi rápida e eficiente
“Os abonos foliares teñen unha función diferente á dos fertilizantes granulados. Os abonos foliares aportan pequenas cantidades de nutrientes, pero fano dunha maneira moi rápida e eficiente, o que permite darlle un impulso ó crecemento das plantas”, explican os técnicos.
Existen dous tipos principais de abonos foliares:
-Aqueles que aportan nitróxeno. Son abonos que complementan ó que as plantas reciben polas raíces en momentos de gran demanda.
-Aqueles que aportan micronutrientes e estimulantes. Os micronutrientes son necesarios en pequenas cantidades. Algúns dos micronutrientes son pouco móbiles, ademais de escasear en moitas terras, por iso unha incorporación vía foliar garante que a planta dispoña destes nutrientes esenciais e así medrar mellor. Os estimulantes teñen a función de reactivar a planta ante situacións de estrés, como pode ser o propio efecto dos herbicidas, unha seca puntual, noites frías, etc.
A aplicación de abonos foliares debe facerse sempre baixo a prescrición de técnicos especilizalistas e recoméndase empregalos cando se aplica o herbicida. Os abonos foliares teñen un custe reducido e os beneficios que aportan son importantes. Ademais, como se apuntou na xornada, cómpre ter en conta que a aplicación do abono foliar, ó ir co de herbicida, non supón un custo extra de aplicación.