Campaña de ensilado do millo 2021: Agárdanse boas producións, superiores ás de anos pasados

O millo forraxeiro encara a recta final con perspectivas de boas colleitas. As chuvias e o frío atrasaron o ensilado, que comezará en boa parte de Galicia a mediados de setembro. Coñecemos as previsións dalgunhas das cooperativas das principais comarcas gandeiras

Campaña de ensilado do millo 2021: Agárdanse boas producións, superiores ás de anos pasados

A maioría das ganderías de vacún de leite galegas están xa pendentes do inicio da campaña de ensilado do millo. As chuvias da primavera e os primeiros meses do verán atrasaron en gran medida o desenvolvemento da forraxe, que agradeceu o bo tempo deste mes de agosto que está axudando na maduración da espiga. Con todo, a vaga de calor dos últimos días pode mesmo condicionar e adiantar o ensilado naquelas zonas máis secas.

Na maior parte de Galicia o ensilado do millo comezará a mediados de setembro e colleitaranse a comezos de mes as parcelas con ciclos máis curtos ou con terras máis secas, onde o millo estea a sufrir pola calor. Agárdanse boas producións en cantidade e calidade, xa que polo xeral a planta atópase nun bo estado sanitario. 

Comezan a detectarse xa estragos causados polas mandas de xabaril nas zonas gandeiras. Mesmo están a sufrir danos en parcelas nas que o millo aínda está moi verde ou en pradeiras. 

Facemos un percorrido por algunhas das principais comarcas gandeiras para coñecer mellor a evolución deste cultivo forraxeiro fundamental en gran parte das ganderías de vacún de leite.

Mariña Lucense: “Vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”

Na cooperativa Os Irmandiños, en Ribadeo, integrada en CLUN, prevén que as tarefas de ensilado do millo comecen a mediados de setembro, agás algúns casos excepcionais que se poidan mallar antes. “A falta de horas de sol atrasou a formación e maduración da espiga, polo que a colleita tamén se atrasará”, explica Rafael Acevedo, un dos responsables da área de cultivos e mecanización da cooperativa.

A nacenza do millo, pese ás abundantes choivas levouse a cabo nas datas habituais e tamén se desenvolveu con normalidade o crecemento da planta. “Hai plantas cunha vexetación moi boa, pero que precisaban destas horas de luz que estamos tendo agora en agosto”, comenta. Con todo, as perspectivas da colleita son boas. “Vai ir con atraso, pero creo que vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”, valora Acevedo.

Pese ó atraso que presentan as plantacións no desenvolvemento e maduración do millo, están a sufrir xa os estragos causados polo xabaril. “Parece que este ano teñen bastante fame, porque está tirando millo que nin sequera teñen aínda que comer e causando importantes danos”, indica Acevedo. Así, tanto en parcelas que xestiona a propia cooperativa para a súa planta de mestura húmida, como en fincas de socios xa rexistraron danos desta fauna salvaxe. “As mandas de xabaril están moi repartidas, temos danos en plantacións da Mariña, pero tamén nas zona do interior”, especifica. A incidencia da fauna xa lles causou perdas dende o inicio do cultivo do millo. “Houbo fincas de Remourelle que tivemos que sementar de novo por completo”, recorda.

destrozos millo xabaril norte Lugo Clun Irmandinos

Leiras de millo estragadas polo xabaril na Mariña Lucense. // Foto Clun.

Lugo Centro: “O frío e a auga fixeron que o millo atrasase e que tardase en saír”

Polo momento na zona central da provincia de Lugo o millo aínda está moi verde e faltan case 15 días para que comece a ensilarse. “O frío e a auga fixo que o millo atrasase e que tardase en saír”, explica Silvia Cendán, técnica da cooperativa Aira. Na zona de Palas de Rei, Guntín, Friol ou O Páramo na cooperativa agardan comezar co ensilado arredor do 10 de setembro.

As previsións son tamén favorables e agardan boas producións. “A verdade é que está mellor do que contabamos, xa que ó principio o millo tivo moitos problemas para saír polas chuvias e logo houbo gran cantidade de herbas, tanto que mesmo ós herbicidas lles custou atallala”, valora Cendán.

Ás inclemencias meteorolóxicas sumáronse os danos causados pola fauna na época da sementeira. “Este ano tivemos moita incidencia de corvos. Houbo fincas que tiveron que sementar máis dunha vez por culpa deles. Ademais, por causa do xabaril tamén houbo faltas e estragos en moitas parcelas”, comenta. Polo momento, os danos co millo xa criado aínda non están a ser moi numerosos, pero coidan que cando maduren as espigas se han de incrementar pola presenza de mandas destes animais na zona.

Chantada: “Comezaremos a ensilar nos próximos días e agardamos producións por encima da media”

No sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada están a piques de comezar co ensilado. “A finais desta semana ou principios da que vén comenzaremos coas fincas máis adiantadas, as que se sementaron en abril”, explica Jorge Meiriño, técnico de campo da cooperativa Aira. As altas temperaturas que se están a rexistrar nos últimos días fixeron que mesmo se adiante a colleita, xa que o millo comeza a sufrir pola falta de precipitacións. “As plantas estaban afeitas a unhas regas constantes, coas precipitacións que tivemos durante a primavera e o verán, as plantas estaban viciadas niso e agora soportaron peor a seca”, valora o técnico.

Esta campaña a sementeira puideron realizala nas datas previstas e os ciclos están chegando ó seu momento óptimo de colleita. “Nesta zona adoitan empregar ciclos non moi longos para poder garantir que o millo chega a cumprilo”, apunta Meiriño. Agardan que sexa unha campaña boa, con producións por encima da media, debido ás abundantes precipitacións.

Nesta zona, a incidencia do xabaril sobre o cultivo do millo está a ser cada vez maior. “Vese moito lobo e iso pode facer tamén que o xabaril ande máis en mandas, polo que os danos cando entran nunha finca son moito maiores do que hai anos, cando entraba un só animal”, apunta.

 

Millo Chantada 2021

Fincas de millo na zona de sur da provincia de Lugo.

Comarca do Xallas: “As perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa”

En Ganxabar, a cooperativa que xestiona en común os forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala (A Coruña) mantéñense á expectativa de como remate de desenvolverse a espiga, que será o que determine os niveis de amidón dos silos. “Polo momento as perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa”, valora Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar.

En canto á produción, tamén agardan unha colleita con boas cifras, semellantes ás dos últimos anos nos que contaron con altas producións de millo. “Estas últimas semanas van ser decisivas, o que realmente aporta quilos é a espiga, e se aperta moito a calor e non deixa un desenvolvemento axeitado pode que cambien as perspectivas”, recoñece.

A evolución desta recta final tamén marcará o comezo dos traballos de ensilado. “Se o millo non se ve condicionado e se desenvolve ben non comezaremos a ensilar ata finais de setembro. Se pola contra, comeza a verse afectado, adiantaremos a recollida dúas semanas”, argumenta Cundíns.

Nesta cooperativa adoitan apostar por ciclos longos de millo. Boa parte do millo que cultivaron este ano, case o 90% , son ciclos de 500 ou 600, que lle permiten maior marxe para a colleita. “Estas variedades adoitan ter un período óptimo para a recollida de mesmo 8 días, cando os ciclos máis curtos só teñen 2 ou 3 días, polo que sempre que podemos optamos por este tipo”, indica. Este ano puideron realizar a sementeira en abril e o millo tivo un bo desenvolvemento ata o momento, puido enraizar ben o que fai pensar que poida aguantar ben esta fase final aínda que non chova, se as temperaturas se suavizan.

Na zona están a sufrir importantes danos por mor do xabaril. “Os danos reais no millo habémolos de ver cando ensilemos, pero xa están vendo moitos danos en leiras pequenas con millo do país ou con ciclos máis curtos que teñen a espiga máis adiantada”, comenta Cundíns. Tamén detectaron danos en pradeiras, polo que temen importantes desfeitas nas fincas de millo de maior extensión.

millo Deza

Comarca do Deza: “Agardamos boas producións, mesmo superiores ás do ano pasado”

Na cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Vila de Cruces e Silleda, agardan unha boa colleita de millo, con producións superiores ás do ano pasado. “Esperamos ter unha media de entre 35.000 e 40.000 quilos por hectárea, con fincas nas que poidan chegar a acadarse os 50.000 quilos, aínda que serán casos puntuais”, indica Patricia López, directora comercial da cooperativa.

Dende a cooperativa inciden na importancia de lograr bos silos de millo. “Nun ano no que os custes de produción se incrementaron, ademais de obter un bo rendemento, é moi importante a calidade nutricional do ensilado. O obxectivo dun bo silo de millo é obter un alimento con alto porcentaxe de enerxía e elevada dixestibilidade da fibra”, explica a directora comercial.

A campaña arrancará arredor do día 10 de setembro e agardan que quede rematada pouco máis dun mes despois, sobre o 25 de outubro. “Este ano a campaña vai con certo atraso en comparación co ano pasado, xa que a meteoroloxía tamén foi moi distinta e aínda seguimos metendo na herba seca”, apunta López. A evolución das vindeiras semanas será tamén determinante tanto para o inicio do ensilado como para as producións finais que se obteñan.

Polo de agora non contabilizaron grandes estragos nas leiras do millo a causa do xabaril, pero apuntan a que se debe ó atraso da planta e que aínda non está a espiga criada. “Nos próximos días podemos empezar a ver importantes danos como os que tivemos na sementeira”, comentan na cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información