Como está afectando a velutina ao sector do viño?

Adegueiros e viticultores de distintas zonas de Galicia cuantifican perdas importantes, de até 15.000 euros por hectárea. As vespas provocan un descenso na produción e unha merma na calidade polos problemas de putrefacción dos acios comidos ao chegaren á bodega. A branca lexítima está a ser unha das variedades máis atacadas

Publicidade
Luis Sande, Pablo González e Roberto Rivas contaron en Chantada a súa loita contra a velutina

Luis Sande, Pablo González e Roberto Rivas contaron en Chantada a súa loita contra a velutina nos seus viñedos

Desde a súa chegada a Galicia hai 12 anos, os produtores de mel foron os máis prexudicados pola presenza da vespa velutina, pero sectores como a fruticultura e a viticultura están empezando a notar tamén con forza os seus efectos.

A maior carga da vespa invasora prodúcese no mes de setembro, xusto cando as uvas se achegan ao momento da vendima. No eido agrario a presenza da velutina afecta de maneira xeral á polinización dos cultivos, pero tamén polos ataques na época de maduración dos froitos.

A maior carga de velutina e os seus maiores estragos coinciden co momento da vendima debido ao proceso biolóxico dos niños e o grado de maduración da uva

As vides non requiren de polinización, pero é esencial que os acios cheguen á adega nun estado sanitario axeitado. “Hai unha afectación por perda de rendemento na explotación, porque o que come a velutina non vai para a adega, pero hay tamén unha perda de calidade por problemas posteriores de oxidación nas uvas comidas”, asegura Roberto Rivas, adegueiro do Salnés e presidente da Asociación Galega de Viticultura, que reúne a pequenos colleiteiros e adegueiros de todas as denominacións de orixe.

Súmanse tres problemas: un problema de baixa en quilos, problemas de perda de calidade e un problema de seguridade na vendima

Roberto participou, xunto a viticultores de distintas zonas, nas recentes xornadas sobre a velutina organizadas en Chantada e nas que se fixo patente a globalización dun problema, o da falta de control da praga, tanto desde o punto de vista económico para sectores como o apícola ou o do viño, como desde a óptica da seguridade cidadá.

Preferencia polas variedades de maduración temperá

Aínda que a rápida expansión da velutina fixo que estea xa presente en todo o territorio galego, a nivel vitivinícola a súa incidencia está a ser moi forte nas IXPs Terra do Barbanza e Viño de Betanzos, pero tamén en zonas interiores como pode ser a Ribeira Sacra ou o val do Navia. “Este año xa houbo problemas importantes na zona de Negueira de Muñiz”, explicou o presidente da Asociación Galega de Viticultores.

“En viticultura non está medida cal é a perda pola incidencia da velutina, pero o que si sabemos é que incide máis nunhas variedades ca noutras. Á que máis afecta é á branca lexítima, por iso afecta máis á comarca do Barbanza, á de Betanzos e este ano tamén ao val do Navia”, explica Roberto.

A branca lexítima e a mencía son dúas das uvas máis afectadas

A velutina ten preferencia polas variedades de maduración temperá e altos niveis de azucre, por iso nos tintos afecta máis ao mencía. “Nas Rías Baixas deixamos as cepas de mencía que temos polo medio como cebo, porque mentres van ao mencía non van ao resto de variedades”, conta. Pola contra, di, “no caíño tinto nunca vimos unha velutina arredor dela. Algo ten esa uva, que é moi ácida, que non lles gusta nada”, razoa.   

“Castiga máis ao pequeno produtor”

Ningunha das cinco denominacións de orixe se libra xa neste momento da velutina, que avanzou nos últimos anos cara o sur de Lugo e o interior de Ourense, pero unha serie de factores, ademais da variedade plantada, fan que a incidencia da vespa (e as súas consecuencias económicas) se noten máis en zonas onde non é predominante o monocultivo de viñedo.

Non é o mesmo o problema da velutina para quen ten 1 hectárea en 50 parcelas que para quen ten 50 hectáreas nunha parcela

Os 45 millóns de quilos que se recollen en Rías Baixas non o dan comido todo, pero pensade en zonas como Betanzos, o Barbanza ou Negueira de Muñiz, onde quedan moi poucos viticultores e onde as vides están rodeadas de mato e de zonas forestais, o que favorece a presenza de niños de velutina e dificulta a súa localización”, argumenta. Por iso, afirma, “non é o mesmo o problema da velutina para quen ten 1 hectárea en 50 parcelas que para quen ten 50 hectáreas nunha parcela”.

“Se tes 50 hectáreas nunha peza única é moito máis doado tratar de controlar a velutina, pero eu xestiono 3 hectáreas en 52 parcelas que están en 7 parroquias de 3 concellos distintos. Imaxinádevos o que sería poñer mallas nesas 52 parcelas, iso é inviable económicamente”, asegura.

Topámonos con algo contra o que non sabemos loitar e que vai a máis

Por iso Roberto optou por un sistema máis rudimentario (un spray das moscas nas horas de máis calor e maior concentración de velutinas), porque “se as molestas 3 ou 4 días seguidos nunha parcela marchan e van a outras”, di.

Pero matiza, “eu non dou visitado no día as 52 parcelas que teño na época de máximo apoxeo da velutina”, polo que prioriza a defensa daquelas uvas “especiais”. Son tres parcelas cunha variedade, a ratiño, que estamos tratando de recuperar pero que é unha uva que tamén lles encanta e é á primeira que van”, explica.

A velutina impide facer vinificacións experimentais: en Betanzos cada vez se está facendo menos viño doce pola presión da velutina e en Rías Baixas menos vendimas tardías

Por iso, conta Roberto, a velutina ten unha afectación importante nas vinificacións experimentais, “que son importantes nas contas de resultado das bodegas porque multiplican por 2 ou por 3 o valor dos viños, e tamén para o prestixio da Denominación de Orixe, porque son viños dunha calidade superior”.

Pero asegura que “os viños doces de Betanzos ou vendimas tardías das Rías Baixas estanse deixando de facer porque esas uvas teñen que quedar colgadas un mes máis desde que retiras o resto da uva, e iso fai que se concentre toda a presión de velutina neses racimos que quedan”, indica.  

Risco de picaduras durante a vendima

A velutina xera ademais un maior custo á hora de vendimar, dado que hai que escoller moito máis para tratar de levar para a adega a menor cantidade posible de uva comida. “Hai que ir seleccionando, cortando só a metade do racimo, polo que é un traballo máis laborioso que leva máis tempo”, explica.

Todos os viticultores de Rías Baixas durante a vendima temos unha colección de picaduras importante; iso tamén fai que cada vez sexa máis difícil atopar man de obra

A velutina xera ademais un problema de seguridade na vendima. “Estás sacando racimos rodeado de vespas e prodúcense picaduras. Todos os viticultores de Rías Baixas temos unha colección importante de picaduras durante a vendima e iso fai tamén que cada vez sexa máis difícil atopar man de obra”, relata.

“Primeiro sacáronnos aos estudantes porque lles adiantaron o comezo do curso e agora hai xente que ten medo de ir a meterse a vendimar no medio da velutina. Temos veces de chegar a vendimar ás 9 da mañá e ás 11 ter que marchar porque aquilo se enche de velutinas”, describe. A maiores, di Roberto, “é moi complicado e perigoso tamén facer os desbroces nas parcelas”.

Perdas entre o 30% e o 50% da produción este ano en Betanzos

velutina uvaNas comarcas do Barbanza e de Betanzos foi onde primeiro comezaron a padecer os problemas coa velutina, que está a poñer en serio risco a viabilidade do sector nestes lugares. “En Betanzos unha adega pequena este ano xa non vendimou por culpa do bicho; con eses cartos eran cos que iba pagar a poda e os tratamentos do ano que vén”, evidencia o presidente da Asociación Galega de Viticultura.

Luis Sande puxo en marcha fai 6 anos Pagos de Brigante, a maior adega da IXP Viño de Betanzos. “Temos 5 hectáreas das 10-12 que hai en Betanzos, onde a velutina é un gran problema”, asegura.

Perdemos uns 5.000 kg por hectárea de rendemento, iso son uns 15.000 euros. O problema é moi grave; é unha situación insostible

“Perdemos o 50% da produción de branco lexítimo na parcela máis importante, dunha hectárea”, describe. Iso supón unha perda de rendemento duns 5.000 kg por hectárea, que a 3€/kg terían un valor duns 15.000 euros. E engade: “perdemos produción pero incrementouse o custo da vendima, porque ademais da selección en campo hai tamén que facer unha selección da uva á entrada en bodega e iso incrementa os gastos. No caso do branco lexítimo o custo da vendima multiplicouse por tres este ano”, cuantifica Luis.

Temos 20 fincas espalladas en 8 parroquias de 3 concellos. É difícil de manexar e de controlar toda esa superficie tan dispersa

Pero a afectación non se limita á uva branca lexítima. “Como a vendima é escalonada, cando se acaba a branca lexítima van ao resto de variedades a medida que van madurando. No godello perdemos un 10% da produción pola velutina este ano”, conta.

Otra adega de Betanzos, Casa Beade, ten unha plantación de roibal (merenzao), unha variedade tinta de maduración temperá, que, igual que a branca lexítima, tamén é moi atacada pola velutina e algúns expertos indican que a razón podería estar no limadol, un composto común a todas as variedades afectadas. “Pido que se destinen medios a investigación, para min iso é a solución”, considera Luis.

Todas as variedades afectadas compartirían un composto aromático, o limadol

Con todo, o nivel de afectación nas parcelas é dispar. “Non afectan a todos os viñedos por igual e non sabemos por que. Nalgunhas fincas temos problemas cos paxaros e pensamos que pode ser que disuadan ás velutinas”, di. 

As velutinas teñen dúas necesidades, proteína e alimento azucarado. Se no momento da vendima os niños próximos están criando as larvas necesitan sobre todo proteína, polo que as velutinas irán menos ás uvas e máis aos colmeares a cazar abellas, pero ese estado do niño cambia en 10-12 días e, se en vez de proteína necesita azucre, irán ás uvas.

Poñer redes custa uns 10.000 euros por hectárea, máis que o que valen as uvas

Pagos de Brigante xa probou todos os métodos de barreira e defensa disponibles, como as redes antigranizo, que resultan efectivas pero moi caras. “O custo é duns 10.000 euros por hectárea, é un custo superior ao valor das uvas”, compara Luis.

A través da Reserva de Biosfera de As Mariñas estase estudando algún tipo de subvención aos produtores de viño para paliar os danos da velutina e a fauna salvaxe. “En Betanzos aféctanos tamén o xabaril e os paxaros”, conta Luis.

“Ao paso que imos a velutina vai ser un problema catastrófico para todo o sector”

Pablo González, durante a súa intervención no congreso sobre a velutina celebrado en Chantada

Pablo González, durante a súa intervención no congreso sobre a velutina celebrado en Chantada

A subzona Quiroga-Bibei é unha das zonas máis “castigadas pola velutina” dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, asegura Pablo González, enólogo e director técnico da adega EDV Vitucultores, que conta que este foi o ano “cunha maior incidencia sobre os viñedos”.

“Empezamos a notar unha presión máis forte o ano pasado, pero non se lle deu demasiada importancia, pero este ano si que xa vimos que había un problema importante”, recoñece. “Temos unha vendima minguada nun 15% este ano; non sabemos o que vai pasar o ano que vén, pero isto a menos non vai”, opina.

Este foi o ano no que tivemos unha incidencia maior de velutina na Ribeira Sacra

“A velutina vainos ocasionar unhas perdas económicas brutais no sector do viño. É un problema que xa temos agora mesmo pero que se vai agravar moitísimo nos vindeiros anos. Ao paso que imos vai ser un problema catastrófico para todo o sector. En Galicia estamos xogando con 258 millóns de euros que aporta o sector do viño e temos 3.000 postos de traballo directos vivindo disto; non é unha broma”, afirma.

Presión sobre a viticultura heroica

Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra elabóranse perto de 7 millóns de quilos entre 95 adegas. “Hai 7 delas que son o G-7 da Denominación de Orixe, que estarían entre os 700.000 e os 2,5 millóns de quilos, logo 4 ou 5 adegas sitúanse entre 80.000 e 120.000 quilos, pero despois hai outras 60 por debaixo de 25.000 e dentro desas unhas 20 ou 25 con producións de 4.000 ou 5.000 kg pero que teñen entre 65 e 75 viticultores que as provén de uva, con pequenas parcelas de entre 300 e 500 metros cadrados difíciles de traballar”, describe.

“Se eses pequenos produtores abandonan a actividade por culpa da velutina empezarán a subir as silveiras dos montes do redor e perderanse os bancais que caracterizan a paisaxe da Ribeira Sacra e que atraen ao turismo, que representa o 43% do PIB da comarca. É un problema en cadea”, di.

Elaboracións especiais

Entre os produtores da Ribeira Sacra a velutina afecta tanto a castes brancas como á súa variedade predominante, a mencía. “As variedades máis castigadas que tivemos nós foron as brancas, empezou polo godello, pola branca lexítima e pola treixadura. Pero despois das brancas, a velutina pasa ás tintas e afecta á mencía e á garnacha”, explica.

Nós metemos 3.000 kg dunha variedade branca a secar para facer viño doce e obtivemos unha produción ínfima polo que comeu a velutina

Nos acios que se deixan para recoller máis tarde multiplícase o problema. “Nós temos unha finca duns 5.000 kg que deixamos sempre para unha vendima tardía, onde facemos unha vendima nocturna e sacamos un dos viños de máis nivel que temos. Empezamos a vendima este ano polo 25 de agosto e polo 12 de setembro fixemos un paseo pola parcela e vimos que estaba perfecta, polo que decidimos deixala unha semana máis para que collera unha pouca máis de graduación alcólica, pero cando volvemos uns días despois a vela outra vez xa vimos que tiñamos un 70% da uva tocada pola velutina e tres días despois o fungo da botrite metido dentro”, conta.

Perda de calidade

“A velutina pica, crea unha ferida, saen os zumes, empézase a condensar a humidade da noite e a meterse o fungo da botrite dentro, o que fai que haxa que vendimar de xeito inmediato, porque cada día podemos estar perdendo un 2 ou un 3% da produción. Ese é un problema, pero aínda é maior cando metemos esa uva aos depósitos. Parece todo normal e as acideces son correctas, pensas que libras pero cando fas as primeiras analíticas ao viño ves parámetros como 1 miligramo por litro de ácido acético. En Ribeira Sacra non se poden embotellar viños xóvenes por enriba de 0,65 miligramos por litro. Na nosa Denominación de Orixe imos ter viños que non se van poder sacar ao mercado ou que imos ter que homoxeneizar con outros castigando calidades, e isto é algo do que non se está falando”, relata Pablo.

Meter abellas no viñedo

EDV xestiona en total unhas 13 hectáreas de viñedos en 2 municipios, pero ten a súa base de operacións en Margaride, unha aldea da parroquia de Quintá de Lor, no concello de Quiroga, onde está ubicada a adega. Alí decidiron este ano poñer 10 colmeas. “O viñedo non necesita polinización, pero na miña casa houbo abellas toda a vida. Temos unha hectárea ao lado da adega e agora imos plantar outras 5. Seguramente haxa quen pense que é arriscado poñer as abellas no medio das vides polo tema dos tratamentos, pero é unha aposta que queremos facer”, di.

Eu xa sei que é arriscado meter abellas no medio de 5 hectáreas de viñedo pero é un indicativo de que se están facendo as cousas ben

“O que tratamos de vender as adegas é un pack de naturismo. Nós temos tamén oliveiras, e as abellas son un indicativo de que se están a facer as cousas ben e a diferenza nos viños moitas veces está en detalles moi pequenos”, asegura Pablo, que ademais de enólogo é tamén catador en concursos internacionais.

Contra a opinión moitas veces xeralizada, defende que “os viticultores tratamos de usar os mínimos produtos fitosanitarios posibles, xa non só polo medio ambiente, senón porque nos vai ao peto, porque canto menos tratamento poidamos usar, máis aforraremos niso e maior rendibilidade obteremos ao final”, argumenta.

Os viticultores tratamos de usar os mínimos produtos fitosanitarios posibles, xa non só polo medio ambiente, senón porque nos vai ao peto

“Nós levamos 22 anos sen usar glifosato nin ningún tipo de herbicidas e 16 anos nos que para usar unha materia activa sistémica ten que ser moi grave o ataque de mildiu, por exemplo. Tratamos de facer medidas culturais no viñedo, como podas tardías para loitar contra as xeadas”, enumera.

En canto ao sulfato de cobre, Pablo conta o seu uso como tratamento antibotrítico. “Nós acabamos este ano a vendima o 14 de outubro. O que nos interesa do cobre a doses baixas é que endurecera a pel da uva para evitar o efecto das choivas que veñen antes da vendima. Pode ser que teña algún componente repelente, non o sei. Este ano non tratei con cobre e a incidencia en brancos situouse entre un 45 e un 50%”, describe.

 “É un problema urxente, non para a Axenda 2030”

O responsable da adega EDV pide á Administración que actúe, igual que fixo coa avispiña do castiñeiro, pero esixe que o faga con celeridade. “É triste que quen nos dirixe e quen nos controla vaia por detrás de quen traballa. É a realidade en moitas cousas e pasa claramente nisto da velutina. A Administración normalmente xa vai despacio, pero xa se lle cambias o paso, tropeza. Por iso cando xorde un problema novo, sempre reacciona tarde”, asegura.  

É moi triste que quen nos dirixe vaia por detrás de quen traballa

Pablo non quere que o problema da velutina corra a mesma sorte que o do lobo. “Non temos que convivir coa velutina como din que temos que convivir co lobo, nin se pode achacar ao cambio climático para non facer nada. Porque sempre que hai un problema que non se soluciona enseguida o meten na Axenda 2030 e nos din que é un efecto do cambio climático e temos que convivir co problema”, argumenta.

E reclama tanto medidas de choque urxentes, como outras de máis longo percorrido. “O que fagamos nós no campo vai ser algo para saír do paso; o que faga a investigación vai ser algo definitivo. Pero a investigación require financiamento, porque os investigadores teñen que comer aínda que sexa un bocadillo ao día”, di, lembrando a precariedade de moitos investigadores.

A falta de xestión do monte dificulta o control da praga

Pablo é tamén presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Carballo de Lor e Marxe Esquerda, que foi a máis afectada polo lume de hai tres anos en Quiroga. “Ardéronnos as 600 hectáreas e, a partir diso, tentamos darlle unha volta por completo á xestión forestal que se estaba a facer, que pensamos que non é viable socialmente e secundariamente tampouco a nivel económico”, asegura.

Temos os montes abandonados e aí é onde radica un dos problemas para localizar os niños

Por iso, conta, “tentamos darlle un xiro á xestión forestal da comunidade de montes, tratamos de erradicar o piñeiro, que era o que tiñamos no 90% da superficie, e plantar especies frondosas. Temos xa 90 hectáreas plantadas con castiñeiros arredor das casas para poder liberar os núcleos rurais. Iso serve para alonxar os lumes das casas, pero tamén a velutina. Porque se temos os montes abandonados aí é onde radica un dos problemas para localizar os niños”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información