Seaga recibiu fai 4 anos a encomenda por parte da Xunta de Galicia para a retirada dos niños de velutina comunicados a través do teléfono 012, un período no que a praga seguiu avanzando con rapidez até instalarse na práctica totalidade do territorio da comunidade autónoma.
“No ano 2020 a actuación estaba centrada nas provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo; no ano 2021 os datos melloraron; no 2022 houbo de novo un aumento; pero este ano tivemos un incremento moi elevado”, recoñece Luisa, que participou nas xornadas sobre a velutina celebradas en Chantada.
A empresa pública Seaga recibiu no ano 2020 da encomenda da retirada de niños por parte da Xunta
O número de avisos recibidos polo 012 corrobora o empeoramento da situación: 33.003 avisos no ano 2020; 29.538 no 2021; 34.509 no 2022 e 45.463 este ano (ata o 31 de outubro), o que equivale a case un terzo máis de comunicacións respecto das recibidas en todo o ano pasado.
“No ano 2023 a presenza de velutina na provincia de Lugo é brutal e a zona noroeste de Ourense tamén incrementou considerablemente os avisos. Nos meses de xullo e agosto tivemos case o dobre de avisos con respecto ao ano 2022 en Galicia, pero na provincia de Lugo triplicáronse. Co frío e a chuvia destes días están a baixar pero non á velocidade doutros anos”, recoñeceu a directora de Seaga.
O sector apícola reclama que os datos de Seaga sexan públicos para poder coñecer as zonas máis afectadas e tomar decisións ao respecto
“A situación é preocupante”, admitiu Luisa Piñeiro, que agradeceu o gran esforzo e colaboración dos cidadáns e dos apicultores “loitando nesta auténtica guerra que temos aquí no territorio”.
Clasificación e asignación de prioridades
Nos orzamentos da Xunta para 2023, e tamén nos que están en tramitación para 2024, hai unha partida de 1,2 millóns de euros para retirada de niños por toda Galicia a través dun convenio coa Fegamp ao que están adheridos 311 dos 313 concellos galegos, todos agás a Illa de Arousa e Meis, que xestionan a retirada a través da mancomunidade do Salnés.
Os niños son retirados tanto por Seaga como polos servizos de bombeiros comarcais e das ciudades e os efectivos de protección civil municipais. Cando se produce un aviso cidadán a través do teléfono 012 para alertar da presenza dun niño, valórase se se considera unha emerxencia ou non e, en función diso, asígnaselle a uns equipos ou aos outros.
Aos 45.500 avisos atendidos por Seaga habería que engadir outros 8.000 avisos atendidos polos servizos do 112, por ser considerados situacións de emerxencia
Son consideradas situacións de risco ou emerxencia os niños en edificios de concorrencia pública (centros educativos, centros de saúde, pavillóns de deporte, igrexas, auditorios, edificios administrativos, etc); se están en vivendas habitadas (balcóns, cornixas, caixas das persianas, paredes, cubertas, etc) ou se a persoa que dá o aviso é alérxica ás picaduras e o niño se atopa na súa vivenda habitual.
“Se se valora como unha emerxencia avísase aos bombeiros para a súa retirada; en caso contrario asígnaselle un código de preferencia para a retirada por parte de Seaga”, explicou a súa directora.
“Estamos retirando niños en todas as situacións (núcleos de poboación, casas illadas, terreos urbanos e terreos rústicos), pero temos marcadas prioridades: niños considerados de emerxencia que non puidesen ser atendidos polos servizos do 112 por falta de medios ou persoal; niños en lugares concorridos ou de paso de poboación (parques públicos, parques infantís, paseos peonís, avenidas); e niños situados en establos, galiñeiros ou cortellos con presenza de animais por canto implica a necesidade de entrada para alimentar aos animais“, detallou.
Retrasos de máis de 15 días na retirada de niños
“Este ano vímonos na necesidade de duplicar o persoal, chegando a ter case un cento de equipos en campo retirando niños no verán, traballando mesmo en fins de semana e festivos”, destacou Luisa Piñeiro.
Malia o reforzo de traballadores, acumuláronse esperas de máis de 15 días. “No mes de agosto si que houbo un retraso na retirada dos niños”, recoñeceu. Segundo as estatísticas de Seaga, o tempo medio de resposta foi de 8,5 días hábiles en agosto, o que equivale a dúas semanas de espera. “Pero neste momento o tempo medio de resposta é de 5 días hábiles”, insistiu.
Houbo días en agosto de máis de 600 avisos e tivemos que duplicar o persoal
“Si que pode haber niños que poden estar 2 ou 3 semanas, pero hai que ter en conta a tipoloxía de cada niño. Nalgúns necesitamos permisos doutras administracións, contactar co propietario para que nos facilite o acceso por tratarse dunha propiedade privada ou casos nos que para entrar é necesario un desbroce previo”, detallou.
Problemas en zonas de ríos e regatos
Dos 45.500 niños dos que se recibiron avisos no que vai de ano, un total de 13.191 foron eliminados (retirados do emprazamento no que se atopaban) e outros 14.663 foron neutralizados (actuación sobre o niño, pero mantense no lugar).
Nestes casos, o procedemento habitual é o de dispararlles bolas con veleno, aínda que moitas veces non se fai un seguemento posterior da efectividade do tratamento para ver se seguen activos transcorridos uns días.
No 25% dos avisos non procede actuar, ben porque os niños están inactivos ou por atopárense en lugares de acceso imposible ou excesiva altura
Ademais, algúns dos velenos empregados, como o Diptron e o Ikebana, son productos biocidas (insecticidas) muy peligrosos para a fauna acuática, o que limita o seu uso no caso de niños situados sobre cursos de auga. “Aí temos un problema. Nos cauces fluviais temos que pedir un permiso de Augas, polo que neses casos tratamos de retirar sempre os niños, porque eses permisos teñen algunha dificultade”, admitiu.
A velutina achégase ás casas
A velutina gosta dos entornos humanos. Os niños situados en árbores son os que máis abundan, pero perto dun tercio dos avisos comunicados ao 012 este ano referíronse a niños que se atopaban nalgún tipo de construción.
“Os niños en vivendas foron os que máis se incrementaron en 2023. A velutina está cada vez máis presente nas nosas casas; cada vez atopámonos con máis niños en construcións”, explicou a directora xerente de Seaga.
Os niños situados en construcións practicamente se duplicaron este ano
O número de niños localizados en árbores (19.121) ou no chan (1.612) practicamente non variou con respecto ao 2022, pero os situados en construcións pasaron de 7.418 de xaneiro a decembro de 2022 a 13.594 de xaneiro a outubro deste ano.
“Estou dacordo en que hai que actuar máis en prevención”
A retirada de niños supón un desembolso económico importante para a Administración. Tendo en conta o orzamento dispoñible (1,2 millóns de euros) e o número de avisos recibidos (45.400) a eliminación de cada niño costa á Xunta unha media de case 30 euros.
“Non temos aínda valorados os custos totais, ata que se peche o ano, pero desde a Consellería dixéronnos que se había que ampliar orzamento faríase, que a prioridade era actuar”, asegurou Luisa Piñeiro.
Tendo en conta o orzamento dispoñible e o número de avisos, o custo medio sería duns 30€ por niño
Unha das queixas dos colectivos de apicultores en relación á xestión que se está a facer para o control da praga é precisamente que se centre a totalidade dos fondos na eliminación dos niños, no canto de incorporar actuacións preventivas, como o trampeo primaveral para a captura de raíñas, que eviten a súa proliferación. “Eu estou dacordo con vós en que hai que actuar en prevención”, afirmou a directora xerente de Seaga no congreso organizado pola Asociación Galega de Apicultura.