“Como veña outro ano de velutina coma este non queda unha colmea en Galicia”

Os apicultores calculan perdas de entre un 30 e un 40% no rendemento apícola por mor dos ataques da vespa e esixen á Xunta un plan de choque coordinado como o que hai noutras comunidades que evite a desaparición do sector

Un momento da manifestación deste mércores en Lugo para esixir á Xunta un Plan Galego contra a Vespa Velutina

Un momento da manifestación deste mércores en Lugo para esixir á Xunta un Plan Galego contra a Vespa Velutina

O 2023 está a ser un ano moi difícil para os apicultores debido á elevada presión de velutina, tanto que na maioría dos apiarios as abellas non saen a traballar, o que se traduce nunha menor produción de mel, unha redución da cría e un debilitamento das colmeas.

A velutina cébase nas máis febles, aquelas que teñen menos efectivos para defenderse, acabando por matalas. O resto, precisan ser alimentadas de xeito artificial para lograr que pasen o inverno.

Por iso, neste momento, o manexo que están a facer os apicultores, unha vez sacado o mel e colocado o tratamento contra a varroa, consiste en pechar as piqueras para evitar que entre a velutina e poñer alimento para que a colonia poida seguir comendo e non morra de fame.

Está comezando a haber xa perdas importantes no sector da froita e do viño por culpa da velutina

A nivel alimentario, a praga da vespa velutina provoca unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, pero tamén á de viño e froita, quedando en moitos casos inservible para a súa comercialización ou transformación. A nivel medioambiental o impacto da velutina é tamén patente, producindo unha diminución drástica na biodiversidade.

A Xunta, 10 anos mirando para outro lado

Desde que se detectaron os primeiros niños de velutina en Galicia, no ano 2011, os apicultores foron os primeiros que se puxeron mans á obra para combatela, mentres a Xunta descargaba sobre eles, axudados desde algún Concello, a responsabilidade de loitar contra a praga.

Está a haber retrasos de varias semanas unha vez que calquera persoa da aviso a través do 112 da presenza dun niño até que é retirado

A Consellería de Medio Ambiente, que é a que ten as competencias na materia, ten subcontratada unha empresa para a retirada de niños, mais os retrasos este ano están a ser máis que evidentes, mesmo de varias semanas, desde que se produce a chamada avisando da presenza dun niño até que é retirado, priorizándose aqueles situados preto das vivendas.

Niños máis tempo activos e en zonas con maior altitude

A rápida expansión da vespa velutina faille estar presente xa en practicamente todo o territorio galego, un avance imparable ano a ano favorecido polos efectos do cambio climático, con temperaturas elevadas en outono, o que retrasa o momento de hibernación das raíñas e o abandono dos niños.

A grande capacidade de adaptación ao medio desta especie invasora estase a ver favorecido polo efecto do cambio climático

Ao igual que xa acontecera o ano pasado, o maior ataque de velutina estase a producir neste momento, en pleno outono, aínda que as colmeas levan bloqueadas e sen poder traballar en moitos casos desde o mes de agosto. Esta elevada presión sobre os apiarios, fai que as colmeas colapsen chegando a mortandades moi elevadas, que fan inviable a súa continuidade da actividade profesional, chegando mesmo a poñer en perigo a incorporación de persoas mozas á actividade agraria levada a cabo nos últimos anos neste sector.

Falamos con varios apicultores que asistiron este mércores á concentración convocada en Lugo polo Sindicato Labrego Galego e que apoiaron distintas asociacións de apicultores, como AGA, APLA ou a Agrupación Apícola.  

“De aquí a 5 anos, como isto siga así, a maior parte dos apicultores de Galicia terán pechado”

Brais Álvarez SLG apiculturaBrais Álvarez ten 300 colmeas repartidas polos municipios da Pontenova, Lugo e Castroverde e asegura que até agora non houbera un ano con tanta velutina coma este. “Teño colmeares por toda a provincia de Lugo e non teño un só que non teña nestes momentos problemas gordos coa velutina; nunca recordo un ano coma este”, afirma.

As perdas no seu caso son cuantiosas. “A velutina acábame cunhas  60 ou 70 colmeas ao ano, que en produción poden estar entre os 800 e os 1.000 quilos, o que supón entre 10.000 e 12.000 euros entre o valor do mel e da abella, iso sen contar a redución da produción no resto de colmeas que non morren”, explica.

A velutina acábame cunhas 60 ou 70 colmeas ao ano, o que supón entre 10.000 e 12.000 euros entre o valor do mel e da abella

“A velutina crea problemas nas colmeas en dous momentos do ano: agora á saída do verán nas que están máis débiles, nas que entra e acaba matando porque non se dan defendido, pero o problema máis gordo témolo á volta do inverno, polas que debilita neste tempo e non chegan á primavera”, conta.

Por iso, di, “en abril poderemos facer un balance claro do que supuxo non ter feito nada este ano”, recrimínalle á Xunta. “De aquí a 5 anos, como isto siga así, a maior parte dos apicultores de Galicia terán pechado por non poder sobrevivir economicamente a este nivel de ataque”, di.

Raquel Lopez e Roberto Rodriguez Aramel Courel

“No Courel este ano é terrible, hai unha invasión”

Raquel López e Roberto Rodríguez teñen 300 colmeas en Sobredo, no concello de Folgoso do Courel, e comercializan a súa produción baixo a marca Aramel. Malia estaren a 700 metros de altitude, a presión de velutina este ano está a ser moi elevada.

“Este é o peor ano, porque en anos anteriores empezábase a notar pero neste momento hai unha auténtica invasión. Até agora notábanse os ataques cara ao final da tempada, polo que non interfería tanto no ciclo natural das colmeas, pero este ano tivemos velutina xa desde a primavera”, contan.

Este ano estanos afectando moito, a velutina supón moita menos produción e a morte das colmeas

“Este ano estanos afectando moito, máis ca nunca. Mátanos as colmeas e temos menor produción de mel porque as abellas non saen por medo á velutina e o pouco mel que conseguiron facer na primavera comérono despois”, relata Raquel.

Sacaron uns 700 kg menos de mel sobre unha produción habitual de 2.000 kg, o que supón unha redución do 30%, ao que hai que engadir os efectos sobre as colmeas. “Agora quedan moi débiles e para que pasen o inverno resulta moi complicado. Faise moi complicado manter a apicultura deste xeito”, recoñece.

“Pedimos axuda porque senón as colmeas van morrer todas, iso está claro. Outro ano así coma este e non queda ningunha colmea en Galicia”, engade Roberto. “Un apicultor en solitario pouco pode facer, porque por moito trampeo que poñas na túa zona, se non se fai de maneira xeralizada e non tes axuda de fóra é imposible”, asegura.

“Non pode recaer sobre os apicultores a responsabilidade de eliminar a praga”

Marcos Villamil mel Rego da Xeada RibadeoMarcos Villamil conta con 200 colmeas en Ribadeo e vende o mel como Rego da Xeada. Coma outros apicultores da Mariña, Marcos leva pelexando coa velutina desde que se detectaron os primeiros niños hai máis dunha década. “Malia os esforzos non fomos capaces de parala e foise estendendo por toda a comarca e hoxe temos unha carga e unha incidencia moi elevada”, explica.

“Desde que chegou a hoxe fomos aprendendo moitas cousas sobre a velutina sen a axuda da Xunta de Galicia, que se limita a sacar 4 niños contados e cada vez cun servizo máis malo e peor atendido”, quéixase.

“Non pode recaer sobre os apicultores a responsabilidade de eliminar a praga. A máxima responsable de erradicar esta especie invasora, poñendo medios, cartos e investigación enriba da mesa, é a Xunta de Galicia. Correspóndelle a ela esa responsabilidade pero está tentando escurrir o bulto, con cada vez menor partida orzamentaria e menos medios, deixándonos a nós sós loitando contra esta praga, que somos incapaces de controlar”, insiste.

Neste momento temos unha presión inasumible, que provoca unhas perdas do 30 ou o 40% do rendemento apícola

Marcos probou con arpas e con todo tipo de atraíntes caseiros e comerciais para as trampas. “Até agora íanos moi ben o atraínte feito con levadura, auga e azucre, pero este ano, non sabemos por que, non está a funcionar, e ao non poder reducir a carga de ataques contrarrestándoos coas trampas vémonos abocados a pechar as colmeas e alimentalas para que non morran. A ver as que nos quedan de cara ao inverno”, di preocupado.

Na Mariña, as altas temperaturas deste outono, sumado á grande cantidade de velutinas fai que se estean a reproducir fóra da súa época habitual, coa creación de novos niños primarios por parte de novas raíñas. “Temos toda a carga de velutina deste ano máis a que se está iniciando pola cría de raíñas novas que están facendo novos niños neste momento”, explica Marcos. “Neste momento temos unha presión inasumible, que provoca unhas perdas do 30 ou o 40% do rendemento apícola”, calcula.

Asturias, Navarra ou Baleares contan con Plans autonómicos para loitar contra a velutina, algo que piden para Galicia

O Sindicato Labrego Galego esixe á Xunta que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a vespa velutina mediante a activación dun Plan autonómico de control da praga, como teñen outras comunidades, como Asturias, Navarra ou Baleares. “Malia o patente agravamento nestes últimos anos, a Xunta segue sen asumir as súas competencias fronte a esta especie invasora”, denuncian. 

De xeito concreto, na manifestación celebrada este mércores fronte á delegación da Xunta en Lugo demandouse a elaboración urxente dun Plan galego para a detección, control e erradicación da Vespa velutina nigrithorax, apoiado no fomento da investigación sobre o ciclo biolóxico e o comportamento desta especie, así como o desenvolvemento de mellores ferramentas de trampeo, con trampas e atraíntes máis efectivos e menos perxudiciais para outras especies, establecendo un protocolo anual coordinado coas distintas consellerías, a FEGAMP e os concellos.

O SLG pide que se consideren as baixas ocasionadas pola velutina como causa de forza maior que exima do reintegro das axudas percibidas por incorporación e da PAC

No tocante ao impacto específico no sector agroalimentario, solicitouse que se habilite unha partida de axudas para a prevención dos ataques nos apiarios, prevendo a posibilidade de extender estas axudas ás perdas ocasionadas por esta especie na produción de mel ou de froita. Tamén que se consideren as baixas ocasionadas pola velutina como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, como nas axudas agroambientais da PAC.

Problema de seguridade cidadá

A vespa velutina converteuse a día de hoxe “nun grave perigo para a saúde das persoas debido á alta presenza de niños perto das vivendas”, afirma o SLG. Tamén no aspecto laboral supón un risco crecente tanto nos traballos forestais como nos agrícolas, complicando en gran medida a realización de certas tarefas durante o verán e o outono.

As consecuencias máis graves concrétanse en casos de persoas falecidas por ataques de velutina

“Dende o Sindicato Labrego Galego alertamos xa fai meses de que o elevado número de raíñas na primavera e a presenza temperá nos apiarios facía presaxiar que sería un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de vespa velutina. Esta alerta foi trasladada á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería do Medio Rural, que derivaron unha vez máis a súa responsabilidade na empresa SEAGA”, denuncia o SLG.

“A supresión da atención persoalizada na recepción telefónica dos avisos supuxo unha merma significativa na calidade do servizo, podendo constatar importantes demoras, xa que a retirada dos niños se estivo a producir con alomenos 2 meses de retraso, debido en boa parte ao pouco persoal contratado”, denuncian. 

O exemplo de Mallorca

Mallorca foi o primeiro territorio da península ibérica que conseguiu erradicar a velutina. “Fixeron un plan de control de niños por parte da Administración e recurriron á loita biolóxica e hoxe toda a illa está declarada libre de velutina”, explican desde o SLG.

“Mallorca librouse da velutina en menos dunha década en base a trampeos e seguimento de niños, pero alí empezaron a tomar estas medidas cando a incidencia da praga era moito menor á que hai hoxe en Galicia. Por iso, agora mesmo, aquí consideramos inviable lograr erradicar a praga a curto prazo; hai que empezar por actuar para reducir a súa incidencia e afectación para poder erradicala nunha segunda fase, unha vez baixe o seu nivel de implantación”, argumentan.

Vemos inviable acabar coa praga a curto prazo; o que hai que facer é un plan de choque para reducir a carga existente e que as explotacións apícolas non se vexan obrigadas a pechar

En Asturias existe un Plan de Xestión e Trampeo, con colocación de trampas e eliminación de niños directamente por parte de persoal da propia consellería, non dunha empresa subcontratada como é o caso galego.

Navarra tamén ten un plan de xestión que adica moitos recursos á captura de raíñas e con medidas excepcionais que axudan a aliviar a presión en momentos ou zonas con moitos ataques. “Agora é cando máis se ve o problema, pero para non chegar a este punto hai que empezar a traballar en febreiro mediante un trampeo amplo e coordinado”, insiste o Sindicato Labrego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información