A conca do río Mandeo é historicamente unha zona de importante produción de viño, pero nas últimas décadas a superficie de vides foi moito a menos e os adegueiros que embotellan e comercializan cóntanse cos dedos dunha man.
Por iso, o proxecto de Pagos de Brigante supón unha nova oportunidade para a zona e unha esperanza de que o seu exemplo anime a outros a emprender un camiño non exento de dificultades, que acabaron por truncar iniciativas semellantes nos últimos anos.
Pero Luis Sande, o alma mater do proxecto, está totalmente convencido do potencial dos viños de Betanzos. Durante a súa vida profesional como funcionario estivo adicado ao control da produción nas distintas zonas vitivinícolas, primeiro desde Galicia e despois desde Bruxelas, polo que é un bo coñecedor tanto dos viños galegos como dos do resto de España e de Europa.
Nos últimos anos houbo iniciativas como Conexión Mandeo que acabaron por frustrarse
Con esa bagaxe, afirma rotundo que os viños de Betanzos teñen aínda por facer ese mesmo percorrido que nas últimas décadas fixeron os viños das denominacións de orixe de Galicia e que están encetando tamén na actualidade outras zonas con IXP, como a Ribeira do Navia, os viños de Iria e Barbanza e a comarca do Morrazo.
Dimensión empresarial
Pagos de Brigante é unha aposta decidida pola profesionalización dos viños de Betanzos, por convertelos en homologables en calidade aos que xa se fan noutras zonas de Galicia e do mundo, pero mantendo as características que lles son propias e que os diferenzan.
O enfoque do proxecto é claramente empresarial, cun investimento previsto duns 600.000 euros, dos que 200.000 están xa capitalizados en forma de activos (viñedo e adega). Os dous Luíses, pai e fillo, son os socios da SL, que conta cun equipo profesional en cada unha das facetas da empresa: Juan Veiga como xerente, Guillaume Barrier como director técnico, Maruxa en labores administrativas e de I+D+i e Diego no coidado das fincas.
O problema das pequenas explotacións é a rendibilidade
Malia comezar no 2017 sen contar nin con viñas nin con adega propia, neste momento son xa o maior produtor de viño de Betanzos. “En tres anos fomos collendo case todas as fincas que había dispoñibles e estamos plantando para lograr maior dimensión, porque é moi difícil facer rendibles este tipo de iniciativas con producións moi pequenas”, razoan.
5 hectáreas de viñedo alugado
Para financiar o proxecto e mentres os viñedos que están a plantar non comezan a producir, no 2019 comezaron a alugar fincas para comezar a elaborar e vender viño. Traballan neste momento unhas 5 hectáreas. “Collemos de adegas que se desfixeron e de persoas maiores que por idade non as podían atender e ían abandonalas. Vaise perdendo a tradición porque a xente vai maior e os fillos non seguen e nós entón o que tratamos é de recuperala. Moitos xa nos chaman para ofrecernos estes viñedos que estaban sen atender”, explica Juan.
Estamos coidando e rescatando viñedo que estaba case perdido
As parcelas, unhas 30, son de pequeno tamaño agás 4 un pouco máis grandes, e están localizadas nos concellos de Paderne, Betanzos e Oza dos Ríos. A dimensión e a orografía obriga a traballalas de maneira moi manual. “Temos pendentes nalgunhas fincas que chegan ao 67%, non é a Ribeira Sacra pero tamén temos zonas complicadas de traballar”, conta Juan.
Este ano comezaron a vendima a principios de setembro e remataron na primeira semana de outubro
Outra circunstancia que condiciona o manexo é a mestura de variedades nunha mesma parcela. Fai, por exemplo, que a vendima non se poida facer a un tempo, senón que teñan que volver ata catro ou cinco veces á mesma finca a recoller no momento óptimo de maduración cada unha das castes que nela hai plantadas.
As fincas tradicionais son multivarietais, con parras vellas que se recollían todas ao mesmo tempo
“As fincas tradicionais desta zona son multivarietais porque recollían todo xunto e facían o viño con iso mesturado, de maneira que unhas castes se ían compensando coas outras. Por iso plantaban algo de todo na mesma parcela. Pero para nós iso agora é un problema. Obríganos a facer unha vendima escalonada por variedades e a instruír ben ao persoal para que as diferencien e saiban cal se pode coller e cal non. Comezamos pola branca lexítima, logo collemos o godello antes de pasar á mencía e as últimas son as variedades máis tardías, como o agudelo (chenin blanc) e o palomino en brancos e a garnacha tintoreira (alicante) ou o serradelo (brancellao) en tintos, que é a última de todas en madurar”, detalla Luis.
Estamos cunha maduración superior a outros anos, pero cos grados típicos de Betanzos, arredor de 2,5
A dispersión do viñedo co que contan na actualidade fai que se vexa máis afectado tamén polos ataques da fauna salvaxe. “Son fincas pequenas situadas moitas veces a carón do monte ou de outras parcelas cheas de maleza e iso serve de refuxio para o xabarín. Nas primeiras filas non colles nada”, quéixase Juan.
Plantación de 10 hectáreas en Paderne
Pero o verdadeiro proxecto de futuro de Pagos de Brigante, co que incrementar a produción, é a plantación dunha finca de 10 hectáreas, A Picha, localizada sobre o río Mandeo en Obre, no concello de Paderne. Trátase de antigos bancais que estaban a monte, colonizados polos eucaliptos, e que levan tres anos recuperando.
A finca conta con bancais anteriores ao século XVI que foran colonizados polos eucaliptos e que están a recuperar
Esta primavera plantaron xa máis de dúas hectáreas con variedades propias da zona, como son a branca lexítima e roibal, das que agardan poder apañar as primeiras uvas no 2025. “A branca lexítima é unha uva moi característica, é o buque insignia desta zona, ao igual que o agudelo, e a produción da bodega estará enfocada sobre todo a brancos”, explican. A outra variedade, o roibal, “está en regresión na zona e só quedan pequenas manchas dispersas”, din.
Plantaron unha hectárea de branca lexítima e outra de merenzao, coñecido como roibal na zona, para ter produción tanto de branco como de tinto
O resto da finca plantarase de xeito escalonado nos vindeiros anos, para o que necesitan ir mercando dereitos de plantación fóra de Galicia, un proceso caro e laborioso. “Xa hai empresas especializadas que se adican a iso”, explica Luis.
Minifundio extremo
O proceso para facerse coa propiedade da finca da Picha tampouco foi doado. “Todo empezou no 2017 o día que Luis entrou na oficina técnica que eu tiña en Paderne dicíndome que quería mercar unha serie de fincas que foran antigos viñedos pero que estaban abandonados. Comezamos a traballar, pero para xuntar esas 10 hectáreas que el quería había case 100 propietarios. Foi un traballo complexo, porque tivemos que mercar herdanzas, tanto aquí como fóra, a persoas que estaban emigradas, mercamos por exemplo en EEUU, pero neste momento temos xa case todo en propiedade e o que nos falta por mercar é porque non localizamos aos propietarios”, explica Juan.
A Picha é unha finca en pendente, cuns 120 metros de desnivel entre a cota da parte de arriba e a que está pegada ao río na parte baixa e pendentes do 45% nos dous anfiteatros, un orientado ao leste e outro ao oeste, que baixan cara ao Mandeo. En canto ao terreo, o solo é de esquistos con medio metro de terra por enriba.
En Betanzos temos un microclima e pódense facer bos viños
Malia que a produción de viño se foi abandonando co paso dos anos nesas ladeiras, Luis destaca que “a zona ten un microclima”. “Temos unha acumulación anual de chuvias de 800 mm, cando noutras zonas produtoras de viño, como as Rías Baixas, chove moito máis e chegan a 1.400. Betanzos é un pequeno paraíso climático. O cultivo pode ir adiante con menos tratamentos, porque temos menos precipitacións, por iso é máis doado facer cultivo ecolóxico en Betanzos que noutras zonas de Galicia, como o Ulla ou as Rías Baixas, onde chove máis ca aquí”, di.
Viticultura e enoloxía para manter a identidade
Pagos de Brigante quere elaborar os seus viños coas mesmas técnicas e métodos que se seguen nas principais zonas produtoras a nivel mundial pero seguindo procesos respectuosos co solo, a climatoloxía e as uvas das variedades propias da zona, para conservar deste xeito os sinais de identidade que permitan que os seus viños sexan diferenciados no mercado cos matices propios dos viños de Betanzos.
O proxecto consiste en facer viño de Betanzos, non en facer viños doutro sitio
“Temos menos luz por estar máis ao norte, no paralelo de San Sebastián, polo que o grado non pode chegar tan arriba, pero temos unha acidez que lle dá personalidade ao viño. Os tratamentos que facemos en bodega procuramos que non cambien a natureza do viño. Aquí non se fan prácticas que fagan perder personalidade aos viños, somos moi respectuosos coas variedades. Simplemente engadimos levaduras e un alimento para elas, controlamos a fermentación e facemos trasvases e trasegos, pero o máis importante é a uva”, asegura Luis.
Contan para iso co asesoramento externo de Dominique Roujou de Boubée, consultor francés en viticultura e enoloxía que nos últimos anos recalou en Galicia e está axudando a adegas de distintas denominacións de orixe a que os seus viños expresen a vinculación co territorio no que se elaboran.
Para a elaboración dos viños contan coa axuda de expertos de orixe francesa
Ao igual que Dominique, tamén Guillaume, que é o encargado de lograr eses matices na bodega, conta con experiencia na elaboración de viños en Francia, concretamente na zona de Burdeos e Coñac.
“Aquí temos variedades que non as hai noutras zonas, como a branca lexítima ou o agudelo, e as que hai noutros lugares teñen aquí matices que non teñen neses outros lados. Por exemplo, o godello noso non ten nada que ver co de Valdeorras, é moito máis atlántico e con máis salinidade, e a mencía é distinta á da Ribeira Sacra, é máis fresca, con menos grados e cun encanto enorme”, asegura Luis.
Ao estar ao norte temos menos luz e non podemos chegar aos grados doutros lados, pero aquí temos acidez, que é algo que lle dá personalidade aos nosos viños
Pero malia respectar a través dos seus viños algúns dos sinais de identidade da zona, como a menor graduación ou a acidez característica, hai aspectos que pretenden desterrar. “Ademais da introdución de variedades foráneas, de maior produción, e de plantar distintas castes mesturadas, tradicionalmente outra das estratexias para elaborar viño en Betanzos pasaba por recoller as uvas nun estado de maduración precoz para ter maior produción, algo que ía claramente en detrimento da calidade porque coa uva verde non se pode facer bo viño”, asegura Luis. No seu caso, pretenden chegar a acadar os 11 graos e medio en tintos, cando o habitual en Betanzos eran viños de 8 ou 9 graos.
Agricultura biodinámica
Por principios a bodega quere enfocarse cara á agricultura biodinámica, que aposta pola conservación do terreo e a aplicación de remedios naturais, como decocións de plantas para previr enfermidades como o mildeu ou o oídio, que eviten ou minimicen o uso de produtos químicos.
Para logralo, a nivel de campo é necesario estar moito máis pendente de enfermidades como botrite, oidio ou mildeu. “As condicións climáticas non axudan moito”, admite Juan, sobre todo para variedades como o agudelo ou o roibal. “Aquí a viticultura é heroica pola climatoloxía”, di.
Debido á dispersión das fincas, para aplicar os tratamentos contratan os servizos dunha empresa especializada para poder facelos na totalidade das parcelas ao mesmo tempo e cando as condicións o requiren.
Pagos de Brigante logra producións de pouco máis de 1.000 quilos de uva por hectárea
Aínda que o regulamento da IXP permite ata 10.000 quilos de uva por hectárea, Pagos de Brigante está con producións moito máis baixas, de pouco máis de 1.000 quilos por hectárea. Están intentando incrementar pouco a pouco esa produtividade por medio da poda e o abonado, aínda que Luis lembra que neste tipo de procesos non se pode ser “drástico” co viñedo, senón que hai que ir pouco a pouco mellorándoo.
Seguindo os principios da agricultura biodinámica, todos os tratamentos e operacións fanse en consonancia coas fases lunares
Pretenden que o viñedo sexa ecolóxico. “Perderemos algo de produción, pero na calidade nótase”, asegura Juan. En Picha seráo desde o comezo, pero no resto de parcelas a dispersión e o pequeno tamaño dificulta manter distancias con outros cultivos convencionais. “Temos xa un terzo das fincas en cultivo ecolóxico pero para poder certificar o viño como ecolóxico o Craega obrígate a que a totalidade das parcelas estean en ecolóxico e iso aquí é moi difícil”, recoñecen.
Con todo, as prácticas que seguen son o máis respectuosas posible co solo e as plantas. “Nós non aramos, en todas as fincas mantemos cubertas vexetais para non destruír o solo e para ter biodiversidade, que ao final vai permitirnos reducir os insumos e tratamentos”, explica Luis, biólogo de formación. Para fertilizar empregan abonos orgánicos, tanto de vaca como de aves.
Comercialización
A comercialización lévase a cabo a través de distribuidores, salvo a nivel local, onde prefiren facela eles directamente para ir introducindo os viños. “O mercado máis difícil é precisamente Betanzos, porque non se acaban de crer que aquí se poidan facer este tipo de viños”, din.
O mercado máis difícil para nós é Betanzos. Vendemos máis na Coruña, en Santiago ou en Ourense
A calidade das súas elaboracións foi xa recoñecida no primeiro ano con 92 puntos Parker, o que lles abriu as portas mesmo do mercado internacional. “Grazas a esas valoracións vendemos xa a Xapón”, conta Luis.
“A velutina minguounos a produción de uva este ano nun 25%”
Este é o terceiro ano que Pagos de Brigante elabora viño na súa adega. Da primeira colleita fixeron 4.300 botellas, o segundo ano 6.300 e este contan con achegarse ás 10.000. “A cousa non pinta mal, imos subir considerablemente a pesar da velutina”, din.
Malia ir pouco a pouco incrementando a superficie alugada e lograr incrementar a produtividade desas fincas co seu coidado e recuperación, distintos factores condicionaron estes tres anos a colleita, polo que non acadaron aínda o seu tope de produción, á espera de que comecen tamén a dar as cepas que están a plantar de novo na finca de 10 hectáreas de Paderne.
Se o ano pasado as xeadas do mes de abril minguaron notablemente a cantidade de uva, este ano fixérono os paxaros, os xabaríns e sobre todo as velutinas. “Nós calculamos unha perda do 25% de produción”, asegura Luis.
Cando vemos as velutinas sobre unha variedade concreta xa sabemos que está madura e vale para recoller
Ademais do tempo, a vespa asiática condiciona tamén o momento da recollida. “Para facer bos viños é fundamental determinar o momento máis axeitado para vendimar as uvas. Para iso, durante todo o período de vendima realizamos controis de maduración das distintas variedades de uva que temos nas nosas fincas, pero cando vale para apañar non podemos alongar a maduración nin un día máis porque senón destrózanos os acios a velutina. Cando as vemos sobre unha variedade concreta xa sabemos que esas uvas están maduras, non nos fai falta case nin miralas e analizalas”, afirma.
Innovación
En colaboración coa Universidade da Coruña estudaron distintos métodos para minimizar os danos que a velutina provoca nas uvas, demostrando que a colocación de redes é un método eficaz pero caro e laborioso.
A innovación, tanto na elaboración dos viños como no coidado dos viñedos, é outra das características polas que aposta Pagos de Brigante. Por exemplo, tamén están a analizar, aínda sen resultados concluíntes, se a plantación de salvia ao pé das cepas reduce a necesidade de tratamentos ao posuír propiedades antifúnxicas.
A colocación de redes demostrouse un sistema efectivo pero caro
Dentro doutro proxecto en marcha co Departamento de Física e Ciencias do Solo da universidade herculina están a facer viticultura de precisión nun viñedo ecolóxico en Brabío, para o que contan con varias estacións meteorolóxicas e sondas no chan e fan análises de solos e seguimento por dron.
Levan tamén un control individualizado das producións por finca, para o que queren implementar un sistema de trazabilidade mediante un software informático que lles permita identificar a procedencia de cada acio desde a vide até a botella. “Non queremos unicamente facer viño, queremos innovar no sector”, asegura Luis.
Gama de brancos e tintos
Por iso, no seu catálogo actual, hai algúns caldos “diferentes”, como un viño laranxa elaborado con palomino macerado coas peles e ao que se lle engadiron cascas de godello. “Foi un experimento do ano pasado, innovamos un pouco e ten saída, á xente gústalle”, asegura Juan.
E se ese viño, o Bacelouro, é un branco elaborado como se fose un tinto, o Cataventos é un viño tinto, mestura de mencía con brancellao, pero feito ao estilo dun branco, deixándoo unha noite de maceración sobre as peles. Este ano queren facer tamén viño rosado, para o que axuda a baixa graduación da uva da zona de Betanzos.
Queremos facer viños comprometidos e de ‘terroir’, non queremos facer viños de supermercado
Pero máis alá destas elaboracións innovadoras a pequena escala, o groso da produción céntrase nun monovarietal de uva branca lexítima, caracteístico da zona de Betanzos e que leva por nome Val do Ceo; un godello 100% (Na beira); un godello 90% cun 10% de agudelo (Garelo) e, en tintos, o Ramallo, que é un mencía cun 10% de garnacha tintorela.
A maiores, fan un viño de licor (Tiaconcha), en homenaxe á tía de Luis, á que lle gustaba moito este tipo de viño mistela, e unha augardente (O Bóo), que pasa 12 meses en barrica de carballo francés.
Enoturismo
Para complementar a produción de viño, están a dar tamén os primeiros pasos para facer enoturismo, recibindo visitas na adega, que se atopa en plena Ribeira en Betanzos, fronte ao río Mandeo, e subindo en barco aos visitantes ata a finca que están plantando en Paderne, que se atopa a quilómetro e medio río arriba. Tamén pretenden baixar a uva das vendimas ata a adega dese mesmo xeito, como era tradicional.
Porque outra das intencións do proxecto de Pagos de Brigante é poñer en valor a historia da localidade e do seu viño. Por iso, as etiquetas das botellas, que foron deseñadas por Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, contemplan temáticas de historia local, como un plano da cidade de 1916, unha adega tradicional, a Ribeira ou as danzas dos mariñeiros.
Queremos que os nosos viños sexan betanceiros en todos os aspectos
Luis naceu en Santiago, pero de neno sempre estivo vinculado a Betanzos, xa que pasaba as vacacións na casa da súa tía Concha, unha irmá do seu pai, e ten especial interese en que os seus viños recuperen esa historia de esplendor que os viños desta zona tiveron noutro tempo. “Nós queremos que os nosos viños falen de Betanzos e do pasado da vila porque queremos recuperar o que se perdeu, esa tradición vitícola que non pasou de pais a fillos”, afirma.