Os apicultores galegos piden a Xunta que tome en serio o problema da velutina e adopte medidas efectivas para loitar contra unha praga que leva máis de 10 anos instalada en Galicia pero que se multiplicou este ano, segundo denuncian os produtores de mel e recoñece tamén Seaga, a empresa pública encargada de xestionar os avisos para a retirada de niños na comunidade.
Logo do desenvolvemento de distintos métodos, desde arpas eléctricas, pértegas ou escopetas de balíns, hoxe o sector aposta polo trampeo primaveral para a captura de raíñas e o control remoto de niños primarios por medio de troianos para aminorar a praga.
A velutina colonizou xa a práctica totalidade do territorio galego, ameazando a viabilidade das explotacións apícolas e afectando tamén a outros sectores como o do viño ou o da froita. O congreso celebrado esta fin de semana en Chantada, coa presenza de máis de 250 asistentes, serviu para xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia cun obxectivo común: esixir á Xunta un plan coordinado que vaia moito máis aló do que se está a facer neste momento.
Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores
Representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente quixeron facer patente o seu malestar e descontento coa xestión levada a cabo até o de agora por parte da Administración galega, que adica 1,2 millóns de euros ao ano á retirada de niños e nin un só recurso a campañas oficiais de trampeo e captura de raíñas.
Unidade do sector
“Queremos ir da man e que as Administracións implicadas, que son todas, sexan conscientes do problema que temos e actúen poñendo en marcha os mecanismos que poidan ter unha posibilidade real de cambiar o rumbo da continua e preocupante sangría que estamos a padecer”, afirman desde AGA, organizadora do congreso.
O resto de asociacións tamén destacaron a importancia desa “busca de unidade y de colaboración entre todos os actores (todos os niveis da Administración, cidadanía e por suposto os apicultores) para combater a praga”.
Isto é unha auténtica guerra na que se necesita unha estratexia, non podemos seguir facendo guerra de guerrillas
Esther Ordóñez, representante da Agrupación Apícola de Galicia, e presidenta da IXP Mel de Galicia, defendeu que “sen a unión do sector non podemos loitar contra a vespa velutina nin contra os meles que veñen de fóra”, outro dos graves problemas que atravesa o sector, con tres anos consecutivos de descenso no prezo de venda da produción a granel.
Cambiar as prioridades
Os reproches cara a Administración galega foron continuos, tanto pola súa inacción en todos estes anos como polo destino dos fondos asignados a loitar contra a praga pero, sobre todo, por non escoitar e ter en conta a opinión do sector.
Pablo Piñeiro, de APLA insistiu en que “aquí non estamos para buscar culpables, aínda que non hai que esquecelos; estamos para aportar solucións”, mentres Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente lembrou que os apicultores levan “12 anos pelexando coa velutina e facendo propostas á Administración pero nunca nos escoitaron”, queixouse.
Abellas Nais, APLA, Agrupación Apícola de Galicia, Casa do Mel de Goente e AGA farán chegar á Xunta un documento conxunto con propostas
Unha das conclusións do congreso é que o sistema actual de retirada de niños é “só un parche” que se demostrou inútil para frear o avance da velutina, porque “só se actúa sobre os niños que se ven, que son unha pequena parte dos existentes na realidade”, polo que é necesario, din, mudar as prioridades.
“Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores. Esperemos que este congreso sirva para que os apicultores empecemos a ver a luz porque o que se fixo ata agora por parte da Xunta foi un tiracartos”, asegurou José María Bello, de AGA.
Trampeo masivo a vindeira primavera
Sen deixar de actuar sobre os niños secundarios que se detectan de xeito masivo nos meses de xullo, agosto e setembro, os apicultores e expertos participantes piden á Xunta que atalle o problema moito antes, cunha campaña de trampeo para capturar raíñas á saída do inverno e comezos da primavera e a eliminación dos niños primarios que estas fundadoras crean.
Os apicultores esixen que, á vista do alto número de niños que houbo este ano, a campaña de trampeo da vindeira primavera sexa “masiva e coordinada”, coa implicación directa dos Concellos e da cidadanía para cubrir a maior extensión de territorio posible.
O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente porque non podemos cubrir todo o territorio, os Concellos teñen que implicarse
“O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente, porque colocando trampas só nós nos colmeares non reducimos a poboación de velutinas, ese ten que ser un lugar máis de trampeo doutros moitos”, asegura José María Bello.
“É necesario un trampeo en base a datos e cunha campaña xeralizada e organizada que ten que estar dirixida pola Administración. Se tomamos os datos que ten Seaga de retirada de niños deste ano, podemos trampear 300 metros á redonda, que é o radio de pecoreo inicial das raíñas fundadoras. Dese xeito redúcese de xeito considerable a zona de trampeo”, explicou.
“Os apicultores non podemos estar trampeando todo o territorio. Sempre mostramos a nosa disconformidade coa inclusión do trampeo no Plan Apicola, sendo unha carga máis para o sector e detraendo recursos para o que é realmente a nosa actividade”, insistiu.
O exemplo de Asturias
Ademais de abelleiros galegos, o congreso xuntou tamén a expertos e produtores chegados doutras comunidades onde a vespa velutina tamén está a facer estragos, como Asturias, Cantabria ou Castela e León.
“A nós chegounos máis tarde; levamos un par de anos pelexando con ela pero este ano foi bestial”, recoñeceu Luis López, vicepresidente da Asociación Berciana de Apicultores, que insistiu en que, dada a súa expansión, “cada ano que non se fai nada son 10 anos perdidos para eliminar a praga”.
En Galicia estamos moi por detrás da ferramenta informática que usan en Asturias, é necesario implementala aquí
O exemplo de Asturias, onde hai creado un Comité Asesor que coordina as actuacións a levar a cabo contra a velutina, estivo presente durante todo o congreso. O éxito asturiano radica na implicación de todas as Administracións e en facer partícipe a toda a sociedade da estratexia de loita contra a vespa a través dunha aplicación informática (avisAP) na que se poden notificar os avisos e facer un seguemento das actuacións levadas a cabo, dentro das que se están a probar distintos métodos.
A solución pasa polo envío de troianos para matar os niños que non se ven
O Goberno do Principado e a Asociación Asturiana de Apicultores puxeron en marcha este ano un proxecto piloto para a inactivación de niños a través do seu control remoto por medio da captura e envío de vespas pintadas no abdome con Fipronil, un biocida empregado para combater as pulgas en cans e gatos e que se mostrou moi efectivo para matar as larvas da velutina. Os resultados deste ensaio son “prometedores”, explicaron os seus responsables.
Os apicultores galegos apostan tamén por este novo método para combater a praga. “A solución pasa polo control remoto, pasa por matar o que non se ve, porque un punto clave é atallar os niños que hai nos montes e sobre os que non se fai nada. Hoxe en día Seaga está atendendo só á punta dun iceberg, porque se está priorizando un problema de seguridade cidadá. Pero iso aos apicultores non nos soluciona nada”, insistiu José María Bello.
Busca de sinerxias con outros sectores e apoio na investigación
Trala celebración do congreso esta fin de semana en Chantada, as 5 principais asociacións apícolas existentes en Galicia remitirán un documento conxunto á Xunta de Galicia coas súas propostas, entre as que está a creación, de maneira inminente, dun Comité Asesor con presenza de todas as Administracións, entidades e sectores afectados (Xunta, Concellos, Seaga, bombeiros, asociacións apícolas, etc).
Seguindo o exemplo asturiano, ese Comité Asesor sería o órgano encargado de fixar a estratexia e as prioridades de gasto na loita contra a praga. Os produtores de mel insisten en que se trata dun “problema global” que afecta á biodiversidade medioambiental e á seguridade cidadá e que está a producir perdas económicas tamén noutros sectores, como o do viño ou o da froita.
Os abelleiros sempre mantivemos unha actitude de colaboración e de facer propostas, pero sempre caeron en saco roto
Ao mesmo tempo, considérase necesaria a adopción por parte da Xunta dunha ferramenta informática semellante á avisAP asturiana onde ademais de poder notificar a presenza de niños se poida facer un seguemento do seu estado, así como o rexistro da colocación de tampas.
Nese sentido, pídese a implicación directa dos Concellos no trampeo masivo a vindeira primavera coa intención de cubrir o máximo de territorio posible, priorizando lugares con maior presenza de niños retirados e zonas onde quedaron niños sen retirar ou neutralizar (por estaren a gran altura, sobre cauces fluviais, etc), tomando para iso os datos dos que dispón Seaga.
A investigación, solución ou enredo?
As asociacións apícolas piden priorizar os fondos dispoñibles en accións que vaian encamiñadas a previr a aparición de niños secundarios, o que evitaría a súa retirada posterior nos meses de xullo, agosto e setembro. Trataríase, seguindo o símil dos lumes forestais, de “destinar máis a prevención para ter que gastar menos en extinción”.
Toda Francia está xa colonizada e en España a praga avanza cara a Meseta logo de estar xa presente en toda a cornixa cantábrica
Outra das controversias vividas durante o congreso estivo protagonizada polo debate xerado arredor dos escasos avances que se produciron até o de agora na investigación científica. Os apicultores queixáronse da pouca utilidade práctica dalgúns dos traballos levados a cabo, mentres os investigadores presentes revelaron a precariedade e a escaseza de recursos coa que traballan.
No escrito de conclusións, as asociación apícolas defenden que debe haber unha dotación económica suficiente pero que esta debe ir destinada a investigación aplicada para o descubrimento de feromonas, parásitos ou fungos que sirvan para a loita biolóxica contra a vespa invasora, seguindo o exemplo do que se fixo co Torymus sinensis fronte á avispiña do castiñeiro.