Rexeitamento no sector a que se destinen fondos do Plan Apícola a loitar contra a velutina

As principais asociacións galegas de abelleiros remitiron á Xunta un escrito conxunto, que a Consellería non atendeu, pedindo que se subvencionasen de xeito preferente outras necesidades dos apiarios, como os tratamentos para a varroa, a alimentación das colmeas ou a renovación de ceras

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas consensuaron un documento de propostas conxunto

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas no congreso celebrado en outono en Chantada

Hai evidente malestar entre as asociacións apícolas galegas porque a Xunta incluíu dentro das axudas do Plan Apícola publicadas esta semana como primeira liña de subvención (100% do gasto) a adquisición de trampas e atraíntes para a velutina, relegando outras necesidades dos colmeares, como o tratamento contra a varroa, o alimento das colmeas ou a renovación de ceras.

As asociacións, que remitiron antes da publicación da orde de axudas no DOG un escrito conxunto, que non foi atendido pola Administración galega, acusan á Xunta de estar deste xeito detraendo fondos do sector para loitar contra a praga da vespa velutina, que aínda que afecta de xeito moi importante ao sector apícola, non é un problema exclusivo dos abelleiros nin é, din, responsabilidade exclusiva deles ter que controlar a praga, senón que se trata dun problema social e medioambiental que corresponde atender á Administración.

A da velutina é unha praga que vai en aumento e que non afecta só ao sector apícola

A Xunta desatende deste xeito unha das peticións unánimes que as 5 principais asociacións de apicultores existentes en Galicia –Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente– fixeron o pasado outono á Administración galega, para que sacara a loita contra a velutina do Plan Apícola e dotase o combate desta praga que vai en aumento dun orzamento aparte dentro das partidas da Consellería de Medioambiente, ao tratarse dunha especie invasora. 

Desta maneira, coa inclusión das medidas antivelutina como liña de axuda preferente dentro do Plan Apícola deste ano, desde as asociacións de abelleiros temen que non cheguen os cartos do Plan Apícola, 1,5 millóns de euros, para outras necesidades, como financiar unha parte do custo da alimentación das colmeas ou a renovación de ceras.

A Consellería adiantou este ano dous meses a convocatoria do Plan Apícola

Do mesmo xeito, xa que a Xunta decidiu adiantar este ano dous meses a convocatoria do Plan Apícola (saía normalmente en marzo), o prazo de solicitude remata desta volta o vindeiro 8 de febreiro, antes mesmo de que finalice o prazo para facer a actualización obrigatoria anual do Censo Apícola por parte dos produtores, que achacan esta premura á convocatoria electoral e piden á Consellería que adiante na mesma medida a resolución e pago das axudas, que non se produce normalmente até o último trimestre do ano. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información