“A xente necesita beber leite. Vós producídela, contádeo, non teñades vergoña”, recomenda aos gandeiros José Miguel Mulet, catedrático de biotecnoloxía da Universidade Politécnica de Valencia e coñecido divulgador científico, que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro.
Diante dos crecentes ataques que está a sufrir a gandería e que afectan tanto ao consumo de carne coma de leite, Mulet propón combatelos contando as propiedades saudables destes alimentos e as bondades que a actividade gandeira xera sobre o territorio.
Os gandeiros facedes un gran traballo. Que se note, contádeo
“Aquí pasa un pouco coma no fútbol, o que dicía Johan Cruyff: se non tes ti a pelota, tena o contrario e méteche gol. É dicir, se non contas ti o que fas, vano contar outros (asociacións ecoloxistas, organizacións de consumidores, influencers, instagramers, tiktokers) e entón van contar o que queiran eles”, asegura.
“Ante calquera bulo hai que saír a responder. Por que dá vergoña falar do bo que é o leite? Ten beneficios para a saúde, achega nutrintes esenciais, pode minimizar o impacto ambiental e é motor tradicional da economía en zonas que sofren despoboamento”, enumera.
O leite é un alimento básico e a gandería é unha actividade esencial para o mundo rural
Mulet explica que existe unha crecente desconexión social coa actividade agrogandeira, tanto en zonas urbanas como rurais, que fai que o sector sexa un reduto descoñecido e afastado. “Existe unha lei económica, a lei de Petty-Clark que establece que a medida que un país se desenvolve unha maior porcentaxe de poboación abandona o sector primario para dedicarse a outros sectores económicos”, explica.
Os países desenvolvidos poden permitirse ter un sector servizos porque teñen un sector primario moi eficiente
E pon datos: “No ano 1900 máis do 60% da poboación española dedicábase á agricultura e á gandería, cando hoxe esa porcentaxe non chega ao 5%. Pero isto é así porque neses países o sector primario é moi eficiente”, di.
Desinformación do consumidor
“Estamos nun contexto alimentario nos países occidentais no cal a comida é máis asequible e máis segura ca nunca, pero a información que chega ás veces ao consumidor é pouco fiable ou directamente falsa”, asegura o autor de libros como Que é comer san? ou Comer sen medo.
A información alarmista véndese mellor e determinadas mensaxes falsas bombardeadas continuamente acaban calando
A poboación está cada vez máis sensibilizada coa saúde e a alimentación, máis aínda trala pandemia sanitaria da covid-19, pero non sempre ten unha percepción realista sobre o que come. “Segundo os datos do Eurobarómetro de xuño de 2019 sobre seguridade alimentaria, a poboación europea está preocupada por residuos de pesticidas, contaminantes ambientais, antibióticos, hormonas e aditivos, cando ningún destes problemas é algo que realmente nos teña que preocupar”, afirma.
A cantidade de enerxía necesaria para dicir unha bobada é moito menor que a que se necesita para desmontala
“Temos a tormenta perfecta: un público asustado pero que non se preocupa de buscar información veraz e fiable, moita xente dicindo bobadas por múltiples canles de comunicación e moita outra xente que llo cre”, asegura Mulet.
Falacia ad youtubium
“Se ao público estás a bombardealo continuamente con determinadas mensaxes ao final acábao crendo. E o problema é que a cantidade de enerxía necesaria para dicir unha bobada é moito menor que a que se necesita para desmontala”, evidencia.
“Por exemplo, se dis que o trigo é veleno, con catro palabras para mandar por whatsapp arranxas para montar un bulo, pero para desmontar esa mentira con argumentos científicos son necesarias moitas máis palabras”, expón.
Moitas veces a poboación non sabe distinguir entre unha fonte fiable ou non
Ademais, as redes sociais agravan o problema. Para moitas persoas, teñen tanta credibilidade como as probas empíricas, por iso, asegura, “da igual os argumentos científicos que achegas á discusión se o noso interlocutor outorga credibilidade a calquera vídeo sobre o tema que ve en Youtube”.
Dos transxénicos aos ataques á gandería
Pero máis aló de opinións individuais a través das redes sociais, existe toda unha estratexia organizada de ataque á gandería por parte de determinados lobbies e asociacións, asegura.
“Traballo con plantas transxénicas e levo 20 anos pelexándome cos grupos ecoloxistas. Pero as campañas contra os transxénicos das principais organizacións ecoloxistas están esgotadas, entre outras razóns porque nos acabamos de poñer todos unha vacina contra a covid-19 feita a partir de plantas transxénicas. Por iso estes grupos falan cada vez menos de transxénicos pero máis de gandería”, afirma.
Non debemos caer na trampa: detrás de mensaxes como o non ás macrogranjas está o rexeitamento á simple actividade gandeira
“As mensaxes tenden a simplificarse e unha organización ecoloxista vende mensaxes de branco ou negro, polo que moitas veces detrás de mensaxes como o non ás macrogranjas ou o non á gandería industrial está o rexeitamento á simple actividade gandeira e a mensaxe vai acabar sendo non á gandería, porque ademais de grupos ecoloxistas detrás da mensaxe de non ás macrogranjas hai tamén grupos veganos e grupos animalistas”, indica.
“Eu recomendaría que non se sexa condescendente con estas mensaxes contrarias á gandería industial e desde o propio sector non se cometa o mesmo erro que se cometeu no seu día cos transxénicos, porque non debemos esquecer que malia estar prohibidos na UE, os nosos animais están a alimentarse hoxe en día con millo e soia transxénicos importados”, lembra Mulet.
O trigo, o leite e a carne: os alimentos máis atacados
Este experto en biotecnoloxía da Universidade de Valencia está convencido de que existe toda unha estratexia premeditada de ataque a alimentos tradicionais, dos que se alimentou a humanidade durante miles de anos, co obxectivo de facer oco no mercado a novos produtos nutricionais.
Púxose de moda dicir que a gandería é mala e que contamina, pero o turismo rural ten moito máis impacto ambiental que a propia gandería
“O máis atacado é o trigo, polo glute, a carne e o leite. Agora hai unha moda que fala dos velenos brancos. Se un busca na internet podes atopar todo tipo de burradas sobre o leite de vaca. Que hai que facer? Pois desmontar as bobadas”, considera.
Argumentos contra os falsos mitos sobre o leite
José Miguel Mulet achega algúns datos e argumentos para combater os falsos mitos que na actualidade se estenden sobre saúde e sustentabilidade asociados ao consumo de leite:
Ningún animal bebe leite na súa etapa adulta …
“Estamos capacitados desde o punto de vista xenético para beber leite. Isto débese ao simple efecto da evolución. Hai varios estudos que demostraron que as poboacións humanas que beben leite na etapa adulta (europeos e africanos, principalmente) é debido a que descendemos de poboacións que eran pastoras na Idade de Pedra e houbo unha selección xenética natural para poder alimentarse do leite que daba o noso gando; mentres que outras poboacións que non desenvolveron gandería láctea, como os asiáticos ou os merindios, non tiñan esa presión para consumir leite e non desenvolveron un sistema capaz de dixerilo. Por tanto, do mesmo xeito que ocorre con outros animais, tamén hai poboacións humanas que tampouco poden beber leite na súa idade adulta”, expón.
O leite ten hormonas e antibíoticos …
“É mentira. Isto leva prohibido máis de 20 anos na lexislación europea e hai un control exhaustivo. Todo o proceso, desde a produción na granxa ata o envasado, está supervisado continuamente para que haxa máxima garantía e trazabilidade. O leite é un alimento básico que ten efectos beneficisos para a saúde e achega nutrintes esenciais (calcio, proteína, vitaminas, etc)”, enumera.
A gandería contamina …
“Púxose de moda dicir que a gandería é mala e prexudicial para o medio ambiente, pero en realidade ten efectos positivos sobre o territorio. Toda actividade humana ten o seu impacto e débense minimizar no posible os efectos sobre o medio ambiente, pero o turismo rural ten moito máis impacto ambiental que a propia gandería”, conclúe.