Presentación en público das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Presentación en público das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Esta mañá levouse a cabo na sede da Deputación de Lugo a presentación das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que chega á súa edición número vinte. O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo será o lugar onde se desenvolverá o encontro, os días 16 e 17 de novembro.

No acto de hoxe interviñeron Pablo Rivera; deputado da Área Económica e Social; Miguel Fernández, deputado de Formación, Educación e Economía do Coñecemento; Víctor Manrique, presidente de Seragro SCG, e os organizadores das Xornadas, Sonia Rodríguez, Patricia Gómez e Luis Miguel Rodríguez.

O presidente de Seragro, Víctor Manrique, aproveitou o momento para expresar os seus agradecementos a todos os que fan posible o desenvolvemento destas xornadas: “Estades todos convidados ás vixésimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro”, engadiu.

Pola súa banda, Miguel Fernández incidiu na importancia que teñen as xornadas: “Vannos a permitir intercambiar experiencias, coñecer as últimas investigacións e tendencias no sector e solicitar información sobre os retos e desafíos que se presentan”. A maiores, recalcou o papel que ten o ámbito rural no Concello de Lugo ao ser fundamental no desenvolvemento socioeconómico do municipio.

Pablo Rivera destacou a relevancia que ten repensar o modelo e as técnicas que se están aplicando no vacún de leite: “Trátase de conseguir que o sector primario sexa máis competitivo neste país e de explicar os avances tecnolóxicos en todo o sector”. Ademais, aproveitou para felicitar a Seragro SCG por esta iniciativa, que leva xa vinte edicións en marcha.

Os organizadores das xornadas, Sonia Rodríguez, Patricia Gómez e Luis Miguel Rodríguez, aludiron á celebración do vinte aniversario deste encontro e destacaron da nova edición a participación de gandeiros tanto de Galicia como doutras provincias españolas. Así, explicaron á súa vez que temas se tratarán tanto o xoves coma o venres.

XOVES, INAUGURACIÓN E DIVERSAS CHARLAS

Ás 10:30 horas comezará a xornada coa inauguración e, xusto despois, o catedrático Juan Miguel Rodríguez será o primeiro relator do día. Durante a súa quenda, afondará sobre a microbiota mamaria da vaca. Seguiralle Víctor Manuel Rodríguez, veterinario de Seragro: “A sala de espera desespera” é o título da súa charla.

Despois dunha breve pausa para o café, as exposicións continúan da man de David Vilacoba, enxeñeiro agrícola que se centrará nas posibilidades do aumento do rendemento no millo e, a continuación, a enxeñeira agrónoma de Seragro Ana Rama afondará na mellora da calidade da herba. Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma, centrará a súa exposición no caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións, sendo este o último relatorio da mañá.

Tras unha pausa para a comida, ás 16:00 horas retómanse as charlas con Mónica Martínez, economista: “Fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais afectan o teu negocio” é a temática que tratará. Posteriormente chega a quenda dos gandeiros: Pablo Suárez, da Sociedade Cooperativa Galega Grille; Marcos Alvite, de Granxa Pazos, e Jesús Pablo Branco, de Granxa Xustás, falarán sobre o día a día en granxas con sistemas de monitorización.

O primeiro día chegará á súa fin co habitual encontro gandeiro.

VENRES, EXPOSICIÓNS E ACTO DE CLAUSURA

A sesión do venres comezará ás 11:00 horas. Alberto Xurado, enxeñeiro agrónomo, será o primeiro relator do día e falará sobre o deseño e o manexo de instalacións. Xusto despois chegará o momento de Marc Pineda, veterinario especialista en saúde podal, coa súa charla sobre o manexo e mellora de instalacións enfocadas á saúde podal.

Aurora Villarroel, doutora veterinaria, será a seguinte en intervir tras unha pausa para un café. Villarroel explicará aos asistentes como utilizar de maneira práctica os datos que nos dan as tecnoloxías na granxa.

O encontro continúa pola tarde, a partir das 16:30 horas. Os gandeiros Joan Viñolas, de Granja Mas Bes, e Ángel Fernando San Juan, de Finca Prados Hondos, charlarán sobre a xestión de persoal.

A vixésima edición das Xornadas de Seragro chegarán á súa fin co acto de clausura, que consistirá no xa tradicional brinde de leite, nesta ocasión con Federico Pérez, humorista, guionista e actor galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información