CLAS introduce en Asturias un complemento de 2 céntimos no prezo do leite que indigna a Unións Agrarias

A cooperativa asturiana explica que tomou a decisión de mellorar a remuneración das súas granxas socias, pero rexeita que se poida facer calquera comparación coa situación das granxas galegas que son proveedoras de Capsa, a industria participada maioritariamente por CLAS

CLAS introduce en Asturias un complemento de 2 céntimos no prezo do leite que indigna a Unións Agrarias

Unións Agrarias mantén a pugna polo prezo do leite coas dúas principais industrias lácteas que operan en Galicia, a francesa Lactalis e a asturiana Capsa, que aglutinan arredor dun 35% do leite da comunidade. Con Lactalis, Unións celebra hoxe unha reunión de negociacións, encadrada na actividade da súa organización de produtores de leite, Ulega; e con Capsa espera ter un encontro nos próximos días. Entre tanto, a organización agraria declárase indignada polas diferenzas que ve entre as decisións que toma Capsa en Asturias e en Galicia.

Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), que xestiona Larsa en Galicia, é unha industria láctea que é propiedade de xeito maioritario da coooperativa Central Lechera Asturiana (CLAS). Cos anos, CLAS convertiuse nunha referencia de éxito para o cooperativismo gandeiro, pois as súas granxas socias, entre outros beneficios que lles aporta a cooperativa, sempre figuran entre as que mellores prezos do leite obteñen a nivel estatal.

No prezo do leite, a última decisión de CLAS foi a de introducir a partir de outubro un complemento de 2 céntimos nos pagos do leite das súas granxas socias, de xeito que o prezo medio en Asturias pasou dos 35,3 céntimos de setembro ós 37,2 de outubro (Datos do Ministerio de Agricultura).

É unha mellora que en Galicia indigna a Unións Agrarias, que compara a situación das granxas de CLAS coa das granxas galegas proveedoras de Capsa (Larsa). “O que nos está negando a nós Capsa estáo facendo en Asturias” -cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “Puxeron un complemento no prezo do leite para compensar o aumento de custos de produción das ganderías asturianas. É un complemento que ademais se vai ver reforzado en decembro con outro céntimo en concepto de pago de beneficios da cooperativa”, sostén o secretario xeral de Unións.

A organización agraria, xunto a outras entidades do sector, está a reclamar que as grandes industrias lácteas que operan en Galicia fagan unha suba dos prezos no campo que permita compensar o aumento de custos de produción das granxas, que ven como nos últimos meses están a encarecerse os pensos, os fertilizantes e a enerxía, entre outros gastos.

Suba do prezo do leite nos supermercados
Unións argumenta ademais que o leite xa subiu nos supermercados, polo que entende que unha parte importante das industrias “está a quedarse cos cartos a maiores que xa está recibindo das cadeas da distribución”.

“As marcas brancas subiron 5 céntimos desde setembro, en tanto as primeiras marcas de leite rondan os 3 céntimos de subida” -valora García-. “Esa é unha suba que se lle debe trasladar ó campo, pero polo de agora é algo que só fixeron as industrias que operan con Mercadona (Naturleite, Entrepinares) -que subiron 2 céntimos o prezo do leite- e parcialmente outras, como Pascual, Nestlé ou Celta”, analiza.

En conxunto, o prezo do leite no campo en Galicia experimentou nos últimos meses unha progresiva suba, que se notou especialmente entre setembro (33,2 céntimos de prezo medio) e outubro (34,2 céntimos). Pero Unións argumenta que as dúas principais industrias lácteas da comunidade, Lactalis e Capsa, manteñen os prezos bloqueados no campo.

“O complemento no prezo que introduciu CLAS é un complemento cooperativo que se decidiu na medida en que o permitiron as contas da cooperativa. Non ten nada que ver con Capsa”, explica a compañía asturiana

Lactalis ofreceu polo de agora unha suba dun céntimo no campo, en tanto Capsa apela ós contratos asinados, que quere manter sen cambios ata marzo do 2022. No marco deses contratos, Capsa explicou recentemente que en novembro os pagos ás granxas galegas aumentarán nun céntimo pola revalorización dos produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po) no mercado internacional.

A compañía asturiana rexeita de plano as comparacións que fai Unións Agrarias entre os pagos que reciben as granxas socias de CLAS e os pagos das granxas proveedoras de Capsa (Larsa). “O complemento que se lle introduciu en outubro ás granxas socias de CLAS é un complemento cooperativo, que se decidiu na medida en que o permitían as contas da cooperativa. É un complemento que non ten nada que ver con Capsa, son cuestións que non se poden mesturar”, argumentan.

Reunión hoxe en Madrid
Así as cousas, esta mañá reúnese en Madrid a Mesa Láctea, un órgano no que o Ministerio tratará de avanzar en solucións conxuntamente con cooperativas, organizacións agrarias e industrias. Previamente, o Ministerio mantivo xa unha reunión na tarde de onte coa Federación Nacional de Industrias Lácteas.

De non acadarse solucións, Unións Agrarias anunciou onte que formalizará xa unha denuncia contra Lactalis e contra Capsa na Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), pois entende que ambas industrias están a comprar o leite no campo por baixo dos custos de produción. Tamén anuncia a continuidade do boicot contra as marcas de Capsa e de Lactalis nos supermercados, e pide a mediación da Consellería de Medio Rural nas negociacións que mantén a súa organización de produtores de leite, Ulega, coas industrias lácteas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información