As actividades organizadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei trala cancelación da Feira do Viño, por mor das restricións sanitarias, foron moi ben recibidas polo público. Ao longo das últimas xornadas, as accións formativas en viticultura ou as catas cubriron todas as prazas dispoñibles inicialmente, chegando mesmo a contar con lista de espera para participar nelas.
“Cumpríronse as expectativas iniciais, así que estamos moi satisfeitos, porque se trataba de accións destinadas ao público final, o consumidor, e durante todas as actividades comprobamos que son proactivos, preguntando sobre elaboracións, variedades ou historia”, recoñece a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva.
Os efectos destas xornadas de divulgación xa están a deixarse notar tamén durante esta semana. ” Ao longo do luns recibimos numerosas chamadas de participantes nas actividades demandando información para adquirir os viños tintos e brancos que se elaboran na denominación”, apuntan dende o Consello Regulador.
Entre o público asistente a estas actividades, ademais de veciños da comarca, tamén se contou con participantes doutros lugares do país, como Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco, Castela e León, Cataluña e, por suposto Galicia. “Resultou satisfactorio escoitar como moitos asistentes nos indicaban que gozaban consumindo viños de Monterrei nos seus lugares de orixe, incluso solicitándollos ás nosas propias adegas, e que a información recibida nas nosas actividades permitíalles ampliar a carta de viños que degustan de modo habitual”, destaca a presidenta.

Instante dun dos talleres impartidos en días pasados en Monterrei.
O calendario alternativo da Feira do Viño de Monterrei contou con actividades como unha xornada teórico-practica de dixitalización en viticultura, neste caso destinada a profesionais do sector vitivinícola, así como catas que permitiron descubrir o potencial de envellecemento dos viños de Monterrei, as harmonías entre froitas e os brancos e tintos da denominación, ou a visita do Tren Turístico da Ruta do Viño Monterrei.
Concurso na rede
Ó longo do día de hoxe realizarase o sorteo de packs de viño entre todos os participantes do concurso #BrindoconDOMonterrei, e será comunicado a través das redes sociais Facebook e Instagram do Consello Regulador, plataformas nas que se promoveu a realización de dito concurso.
“Foi triste para todo o sector suspender, por segundo ano consecutivo, a Feira do Viño, pero polo menos este ano non nos quedamos cun mal sabor de boca, porque tivemos a oportunidade, aínda en pequenos grupos, de estar á beira dos nosos consumidores, aos que lles agradecemos que nos tiveron en conta non só como destino de interior senón tamén como alternativa lúdica este fin de semana”, conclúe a presidenta.