“En cada botella do noso viño tamén está o duro traballo da viticultura na Ribeira Sacra”

Falamos con Juan Carlos Varela Aguiar, responsable da adega familiar SAT Virxe dos Remedios, na que se elabora o mellor viño tinto de Galicia neste 2023. Coñecemos como traballan nesta adega que aposta pola calidade apegada á tradición no manexo das viñas

Publicidade

O tinto Viña Vella elaborado pola adega SAT Virxen dos Remedios, do Saviñao (Lugo), é o mellor tinto de Galicia neste 2023. Coñecemos de man de Juan Carlos Varela Aguiar, responsable da adega e un dos socios desta SAT como traballan no seu día a día para lograr estes bos resultados.

Nesta adega familiar a aposta é clara pola tradición e polos viñedos, así como o seu compromiso por contribuír a manter viva a zona e conservar o patrimonio natural, clave para a produción vitícola.

-Sodes unha adega familiar, cóntanos como comezou SAT Virxe dos Remedios?
-Comezamos co xerme da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Daquela viamos que estaban quedando os viñedos abandonados, porque non había saída nin para a uva nin para o viño. Entón decidimos fundar a adega para darlle saída á nosa propia uva e ó excedente que podían ter os veciños destes pobos darredor.

-Cantos produtores formades a SAT?
-Na SAT somos 9 socios, miña nai e todos os seus irmáns, un primo meu e máis eu. Ademais mercámoslle uva a viticultores da zona. Así é que hoxe en día estamos traballando cuns 50 viticultores. O 95% destes viticultores son xente maior. Debemos ter uns 5 ou 6 que non estean xubilados. Estes viticultores teñen as viñas para autoconsumo e nós mercámoslle o excedente que lles sobra. Non temos ningún viticultor que se dedique exclusivamente á viticultura.

-Situádesvos en Diomondi, no Saviñao, en pleno corazón da Ribeira Sacra, que ten de especial esta zona para a produción de viño?
-Calquera que se achegue aquí pode ver que o que ten de especial, en gran medida, é a paisaxe, que xunto coa orientación, os solos que temos e as variedades que traballamos fan un viño diferenciado con respecto doutras zonas produtoras.

“Manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados”

-Que superficie de viñedo manexades e que variedades traballades?
-A adega e os socios manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados. A moitas das parcelas podemos acceder só con tractor e malamente.

-Ó situarse en bancais con tanta pendente, como é o manexo que facedes da viña? Tedes algún tipo de mecanización nos viñedos ou todo debe facerse de xeito manual?
-O traballo en si da viña é todo manual, dende a aplicación dos tratamentos, a poda ou a vendima é manual. Só nalgúns casos, naquelas viñas que temos máis accesibles, na vendima podemos axudarnos dunha carretilla de eirugas, o resto das uvas temos que sacalas ó lombo. Todos os traballos temos que facelos de xeito manual, non temos ningún tipo de mecanización posible. Nos últimos anos e naqueles viñedos nos que é posible estamos comezando a botar man de mangueiras para aliviar algo traballos como a aplicación de fitosanitarios, que se facía sempre coa mochila ó lombo cargada. Con todo, aínda sen o peso do produto, segue sendo unha aplicación manual que require moito esforzo físico.

“Dentro de cada botella non só hai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno”

Ás veces a xente non entende que un Mencía da Ribeira Sacra custe máis que o doutras zonas, pero hai moito traballo duro detrás. Dentro de cada botella non só vai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno. Os viños da Ribeira Sacra é un xeito máis de conservar o patrimonio.

-Houbo e hai moito abandono dos viñedos?
-Sobre todo a comezos dos 80 houbo moito abandono dos viñedos. Masas forestais que hoxe se atopan á beira dos viñedos noutros tempos tamén tiñan viñas. Nós de feito, houbo algún viñedo que recuperamos. En concreto, temos un viñedo singular, que se atopa na parte alta da ladeira, a carón dun castro, que herdara meu pai e que unha vez que pertenceu á familia decidimos recuperar. Arrancamos as árbores que había, rehabilitamos os muros dos bancais e plantámola totalmente de novo. Ese traballo tamén se fixo de xeito manual, sen maquinaria. Hoxe en día está quedando máis viñedo abandonado do que se recupera, debido ó avellantamento dos viticultores que hay.

-Canto tempo se prolonga a vendima e como se realiza con estas limitacións?
-A vendima prolóngase entre 15 ou 20 días, pero non por tela que facer nestas condicións, xa que senón sería cuestión de contar con máis xente. Eses prazos son máis ben porque a maduración tamén vai sendo paulatina, non maduran ó mesmo tempo aqueles viñedos que se atopan máis preto do río que aqueles que se atopan a unha determinada altura na ladeira, de maneira que a maduración e a vendima son paulatinas. No noso caso como elaboramos branco e tinto, comezamos sempre antes polo Godello, que é a uva que madura máis cedo, para logo ir pasando ás outras variedades, a medida que van acadando a maduración óptima.

-Sacades algunhas das uvas polo propio río?
-Non. No noso caso a maior parte dos viñedos están situados en media ladeira e levalas ó río resultaríanos tan complicado como levalas á adega. Hoxe en día é testemuñal a uva que se saca polo río, ese era un sistema empregado naqueles viñedos que se atopaban máis próximos e antes de facerse algúns dos camiños de acceso que hoxe hai.

-Canta xente traballades na adega, tanto habitualmente como en épocas de maior carga de traballo?
-Durante boa parte do ano adoitamos facer o traballo os propios socios. Durante a vendima empregamos a 5 ou 6 vendimadores.

“O que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona”

-O traballo duro no viñedo parece que tamén dá os seus froitos, este ano o voso Viña Vella Mencía volveu coroarse como mellor viño de Galicia. Que destacarías deste viño?
-Creo que o que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona. Nótase que é Mencía e os solos e a orientación tamén lle imprimen carácter. Tentamos facer a maior parte do traballo en viña, que a calidade da uva sexa a mellor posible e na adega simplemente elaboralo e reflectir o que sae da viña. É un viño sen artificios, pero franco.

-No caso do branco Viña Vella optades por un plurivarietal. Que variedades ten e por que vos decidistes por elas?
-Fai anos non era así, pero agora os nosos brancos están compostos maioritariamente por Godello, sobre un 85%. O resto, a partes iguais, é Treixadura e Albariño. Escollemos estas variedades porque son as que tiñan os nosos provedores. Cando comezamos, dalgunha das variedades tiñamos pouca cantidade e decidimos non facer monovarietais de cada unha delas e por iso comezamos a elaborar este multivarietal. Creo que foi unha decisión acertada, porque unhas variedades compleméntanse coas outras.

Viña Vella_Viños SAT Virxe dos Remedios_Ribeira Sacra

Os viños Viña Vella branco e tinto que elabora a adega. // Imaxe Iago Seoane.

-Que produción tedes tanto do branco coma do tinto?
-Aínda que varía en función da colleita, no caso do tinto, na última colleita rondamos os 50.000 litros e do branco andamos nos 15.000 litros.

-Á marxe do manexo do viñedo, como é o proceso de elaboración na adega? Apostades tamén por mantervos fieis á tradición ou aquí botades man de máis tecnoloxía?
-Respectamos ó máximo posible a uva, para que o viño reflicta o que temos en viñedo. Cada vez tendemos máis a facer unha elaboración tradicional, pero utilizando métodos e tecnoloxía modernos. Levamos anos traballando co enólogo Julio Ponce Mouriño e tentamos achegarnos ós viños da zona e ás súas características.

“A nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén exportamos algo ó resto de España e a países como Estados Unidos, Alemaña ou Perú”

– A que mercados estades dirixindo os vosos Viña Vella?
-Maioritariamente a nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén vendemos algo ó resto de España e ó estranxeiro. Así temos tamén algo de mercado en Cataluña, Baleares e temos mandado viño a Estados Unidos, Holanda, Alemaña, Romanía ou Perú. Son cantidades pequenas porque tamén custa que os nosos viños cheguen a mercados onde non son coñecidos.

-Un dos retos do campo e sobre todo da viticultura en zonas como a Ribeira Sacra, que esixe un manexo manual, é a falta de remuda. Como vos afecta persoalmente? Tedes remuda e atopades xente para traballar na adega?
-O problema é grave. Xa non é que non atopes xente para a vendima, senón que para algún traballo puntual que precises man de obra como pode ser a poda é case imposible atopar xente e menos que estea un pouco preparada para traballar no viñedo. En canto á remuda na adega, está un pouco complicado, xa que as novas xeracións parece que non apostan, polo menos por agora, polo viñedo.

“Cando comezamos, a nosa ambición era contribuír a manter viva a paisaxe e así queremos seguir, aínda que non nos fagamos ricos coa adega”

-Coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade víase máis preto o turismo e a viticultura. Vós valorades tamén achegarvos máis ó etnoturismo e a recibir visitas na adega?
-Pode ser unha saída. Se o turismo se move e a economía marcha ben pode haber máis posibilidades para que a xente queira quedarse aquí. Tamén é certo que neste tipo de candidaturas debera de contarse máis coa xente da zona, para que despois non só se traduza en inconvenientes ou restricións para os que habitamos aquí e estamos manténdoa viva, que haxa tamén vantaxes.

-Que perspectivas de futuro tedes a curto prazo na adega?
-Levamos anos estabilizados en canto á produción que manexamos e xa cando comezamos a nosa ambición era contribuír a manter viva e preservar a paisaxe e o entorno. A nosa intención é seguir nesa liña, que adega dea para manterse, aínda que non nos fagamos ricos con ela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información