“Chegan bos tempos para os produtores que estean en agricultura e gandería ecolóxica”

Diego Canga Fano, conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, anuncia que Bruselas “vai poñer sobre a mesa moito diñeiro” e lamenta que produtores de zonas como Galicia que de facto xa realizan prácticas verdes non dean o paso da certificación

Diego Canga, consejero principal de la Dirección General de Agricultura de la Comisión Europea

Diego Canga, conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea

“Para os produtores que xa están en agricultura ecolóxica só teño boas noticias. Chegan bos tempos para os agricultores e gandeiros ecolóxicos. Porque o sector está a medrar moi ben e porque se vai poñer moito diñeiro enriba da mesa para eses produtores”, anunciou Diego Canga, conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea nunhas recentes xornadas en liña organizadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

O mercado responde e Bruxelas empurra. A través da Política Agrícola Común (PAC 2023-2027) e dun Plan de Acción específico para a Agricultura Ecolóxica, a UE quere estimular a conversión de agricultores e gandeiros a sistemas de produción máis respectuosos co medio ambiente.

Na próxima PAC imos poñer sobre a mesa moito diñeiro para os agricultores que son ecolóxicos, os demais van ter que demostralo

“Imos poñer sobre a mesa moito diñeiro para os agricultores que son ecolóxicos, os demais van ter que demostralo”, advertiu en relación aos futuros ecoesquemas da nova PAC, polo que animou a aqueles produtores que xa realizan prácticas verdes a dar o paso da certificación.

Hai produtores que xa son de feito ecolóxicos pero aos que lles custa dar o paso da certificación

“O que fai falta é querer aproveitar esa oportunidade. Atopámonos en moitos sitios onde a agricultura xa é verde pero onde a eses agricultores cústalles converterse ao ecolóxico. Pasa en Galicia, Asturias e Cantabria, pero tamén noutros lugares como Irlanda”, exemplifica.

Diferenzas notables entre países

Porcentaje de superficie dedicada a agricultura ecológica sobre el total de superficie agraria en el año 2019

Porcentaxe de superficie dedicada a agricultura ecolóxica sobre o total de superficie agraria no ano 2019

Hoxe a superficie ecolóxica representa o 8,5% da terra agrícola no conxunto da UE. “Se non fixesemos nada chegariamos en 2030 ao 18% porque está a avanzar ben, pero quérese estimular cunha serie de medidas para chegar polo menos ao 25%”, indica Diego en relación aos plans da Comisión Europea.

O 25% da superficie agraria de Austria e o 20% da de Suecia é ecolóxica, fronte ao 1,6% de Irlanda

Con todo, o punto de partida é moi desigual nos distintos Estados membros. En Austria hoxe en día o 25,3% da superficie agrícola do país xa está en produción ecolóxica. Na cabeza de Europa está tamén Suecia, co 20,4%, mentres en Irlanda esa porcentaxe é só do 1,6%.

evolucion superficie ecoloxica na UE 2012-2019 por países

España atópase por enriba da media comunitaria, cun 9,7%, e é líder a nivel europeo en canto a superficie total dedicada a agricultura ecolóxica, con 2,4 millóns de hectáreas, o que supón un incremento do 34% (600.000 hectáreas) desde o ano 2012.

As comunidades do Cantábrico están por baixo da media española e europea en porcentaxe de superficie dedicada a agricultura ecolóxica

Con todo, hai tamén importantes diferenzas entre as distintas comunidades autónomas, coa Comunidade Valenciana, Murcia e Andalucía achegando cada vez máis superficie fronte ás comunidades do Cantábrico, que seguen por baixo da media española e europea (Galicia 4%, Asturias 3%, Cantabria 1%, País Vasco 3%).

Estimular a demanda para baixar os prezos

productos ecoloxicos craega

O consumo de produtos ecolóxicos está a crecer a un ritmo de dous díxitos en Europa. “Vai como un foguete”, asegurou Diego. A UE, con 38.000 millóns de euros, é o segundo maior mercado de produtos ecolóxicos no mundo, tras EEUU (44.700 millóns de euros) e por diante de China (8.500 millóns de euros).

Alemaña e Francia son os dous principais mercados dentro da UE

Dentro de Europa, o mercado máis importante é o alemán, con 12.000 millóns de euros, seguido de Francia, con 11.000. O gasto anual medio por persoa en produtos ecolóxicos na UE é de 84 euros, unha cifra que en países como Dinamarca dispárase ata os 344 euros por persoa. “O punto débil de España é o consumo per cápita, que se sitúa en só 50 euros, fronte aos 344 de países como Dinamarca”, explica o conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura europea.

O 12% da alimentación é ecolóxica en Dinamarca, cun gasto por persoa de 344 euros ao ano en produtos ecolóxicos

“Preocúpanos esta enorme disparidade que se dá nos países da UE e mesmo dentro dos propios países e preocúpanos tamén moito a fraude, sobre todo a medida que os produtos ecolóxicos empecen a ser máis populares”, recoñece.

Preocúpanos moito a fraude, sobre todo a medida que os produtos ecolóxicos empecen a ser máis populares

“Queremos tirar do consumo para deste xeito abaratar un pouco os prezos”, indica. A UE vai gastar 50 millóns de euros en 2022 en promoción para aumentar o coñecemento da agricultura ecolóxica entre a poboación e estimular así a demanda. E, pola súa banda, os Gobernos dos distintos Estados membros teñen obriga de incentivar a agricultura ecolóxica dentro dos seus Plans Estratéxicos da PAC. De feito, esta foi unha das recomendacións que a Comisión Europea fixo a España para a redacción do seu Plan Estratéxico nacional.

Estratexias de compra pública

volumen de mercado agricultura ecologica (ventas minoristas 2019)

“A contratación pública verde é fundamental para estimular o consumo de produtos ecolóxicos e abaratalos un pouco”, asegura Diego Canga. “En París fan contratación pública verde e conseguen crear un mercado de produtores en ecolóxico nun radio de 250 quilómetros e o Exército en Dinamarca come comida ecolóxica unha vez por semana”, exemplifica.

O Exército en Dinamarca come comida ecolóxica unha vez por semana

“Con iso conséguese que na contorna onde está o cuartel, o colexio ou o hospital onde se come ecolóxico se cree un mercado de proximidade en ecolóxico. Nós damos 20 millóns de euros a España ao ano para que se dea leite, froitas e verduras nas escolas e moi pouco diso é ecolóxico, é algo que nos doe moito”, afirma.

Pero para que a produción e consumo ecolóxicos avancen máis rápido, “non basta con falar cos agricultores e as Administracións públicas, hai que falar tamén co sector privado, cos supermercados e os restaurantes”, recoñece.

A UE dá 20 millóns de euros ao ano a España para que se dea leite, froitas e verduras nas escolas e moi pouco diso é ecolóxico

“Os biodistritos existe en Italia con moito éxito. Trátase dun conxunto de varios actores que se poñen de acordo para que todo sexa ecolóxico na súa zona. En España só hai dous biodistritos, un en Valencia e outro en Baleares, pero pensamos que pode ser unha medida interesante e queremos estendelos”, avanza.

Logo único europeo

A entrada en vigor o día 1 de xaneiro do novo Regulamento 2018/848 de Agricultura Ecolóxica implica unha serie de cambios normativos que previsiblemente perdurarán no tempo. “Non o imos tocar en varios anos. Non podemos marear con cambios aos agricultores. Vai haber estabilidade legal e imos poñer diñeiro enriba da mesa”, recalca un dos responsables da súa redacción na Comisión Europea.

Vai haber estabilidade legal, o novo Regulamento de Agricultura Ecolóxica non o imos tocar en varios anos

Unha das novidades do novo Regulamento é a certificación de grupo, que permite abaratar os custos da certificación a pequenos produtores, unha medida coa que a UE espera un aumento significativo de operadores.

Diego Canga defendeu así mesmo a superación dos selos rexionais de certificación e a aposta por un logo único europeo. “O bo do logo europeo é que é o mesmo en toda a UE e é recoñecido por un maior número de potenciais clientes. En moitos sitios hai logos rexionais pero é difícil que un consumidor sueco ou alemán que chega a Galicia facendo o Camiño de Santiago coñeza o selo do Craega”, exemplifica.

Un xeito de “blindarse” fronte ao endurecemento da lexislación sobre pesticidas e benestar animal

CRAEGA_01_standar

Máis aló da tendencia favorable do mercado e do apoio institucional anunciado, entre as vantaxes de ser produtor bio atópase tamén a de adaptar xa a explotación á nova lexislación europea sobre produción agrícola e gandeira en aspectos como o medio ambiente e o benestar. Deste xeito, estar en ecolóxico é unha forma de “blindarse” ante a inminente entrada en vigor de novas normativas, relativas a cuestións como o uso de pesticidas en agricultura ou o benestar animal en gandería.

“Vai haber unha onda de lexislación en materia de benestar animal endurecendo as condicións pero os que xa están en produción ecolóxica xa non teñen que preocuparse porque xa están no top de benestar animal”, asegurou o representante da Comisión Europea.

Hai unha tendencia de caída do consumo de carne en xeral pero o descenso é moito menor en ecolóxico

Diego Canga reflexionou así mesmo sobre a tendencia actual de descenso no consumo de carne en Europa. “Hai un problema de consumo da carne en xeral, pero dentro desa redución ao consumo, hai menos descenso en ecolóxico que en convencional. É dicir, cómese menos carne, pero proporcionalmente o descenso é moito menor en ecolóxico, polo que comparativamente o consumo de carne ecolóxica está a aumentar porque responde mellor ás preocupacións do consumidor polo medio ambiente e o benestar animal”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información