A Comisión Europea presentou a comezos deste ano a súa nova estratexia para a agricultura europea durante os próximos anos: o obxectivo de Bruxelas é que para o ano 2030, ao rematar o próximo período de axudas da Política Agraria Común (PAC 2022-2027), cando menos o 25% da superficie agrícola europea estea cultivada en ecolóxico.
Loitar contra o cambio climático e lograr unha produción de alimentos máis saúdable e respectuosa co medioambiente son as principais razóns que están detrás desta aspiración das autoridades comunitarias. “A crise provocada pola pandemia de coronavirus demostrou o vulnerables que somos, así como a importancia de restablecer o equilibrio entre a actividade humana e a natureza. O cambio climático e a perda de biodiversidade constitúen un perigo claro e actual para a humanidade”, declarou o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, que defendeu que “é necesario aumentar desde o 8% actual ata polo menos o 25% a superficie dedicada a agricultura ecolóxica na UE”. “É necesario para mellorar a saúde da xente”, subliñou.
Na mesma liña de “ecoloxización” da agricultura e gandería europeas se enmarca a estratexia “Da granxa ao garfo”, que establece tamén obxectivos concretos para os próximos 10 anos para transformar o sistema alimentario da UE como son, por exemplo, reducir un 50% o uso de praguicidas e antibióticos, un 20% o uso de fertilizantes, ademáis do xa citado de alcanzar un 25% de terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica en 2030.
Sen embargo, ¿non é demasiado ambicioso este obxectivo da Comisión Europea?, ¿Acompaña o mercado esta demanda de produtos ecolóxicos? ¿Compénsalle aos produtores pasarse a ecolóxico? Intentaremos responder a estas preguntas…
Punto de partida: Só o 4% da superficie agrícola en Galicia está certificada en ecolóxico
O obxectivo dun 25% de superficie agraria útil (SAU) en ecolóxico para 2030 non é de cumprimento obrigatorio debido, en boa medida, a que o grao de desenvolvemento da agricultura bio na Unión Europea é moi dispar entre estados e entre rexións.
Neste momento, a agricultura ecolóxica na UE representa entre o 8 e o 9% do total da superficie agrícola, e alcanzar unha extensión ao 25% en dez anos require un crecemento anual do 11%. Con todo, hai países como Austria, Dinamarca ou Suecia que están preto xa dese obxectivo. Outros grandes produtores agrícolas e gandeiros como Alemaña, Francia, Italia, Francia e tamén España están preto ou por riba do 10%, pero en moitos outros países, a agricultura ecolóxica ocupa aínda unha superficie moi minoritaria.
No caso de España, segundo o último informe da Asociación Profesional Española da Produción Ecolóxica (Ecovalia) terminou o 2020 con 2,35 millóns de hectáreas (108.441 ha máis que no 2019), un 10,24 % da súa SAU, o que o sitúa de novo como o país da UE con máis superficie ecolóxica e o terceiro do mundo, tan só superado por Australia e Arxentina.
Malia estas cifras, España necesita aínda catro millóns de hectáreas máis de produción ecolóxica para lograr que en 2030 o 25 % da súa superficie agrícola se traballe en bio.
No entanto, a situación a nivel de cada comunidade autónoma é moi dispar. Así, aínda que hai rexións nas que será máis fácil lograr o obxectivo do 30% en ecolóxico para 2030, como Cataluña, cun 22% da súa SAU xa certificada en eco neste momento, seguida de Andalucía (21 %), Navarra e Baleares (19 %) e Murcia (18 %), noutras autonomías a superficie cultivada en ecolóxico é moi minoritaria: Castela e León e Cantabria, ambas co 1 %; A Rioxa (2 %); País Vasco, Aragón, Asturias, Estremadura e Madrid (3 %) e Galicia e Canarias (4 %). Na franxa intermedia, Castela-A Mancha (10 %) e Comunidade Valenciana (17 %).
No caso de Galicia a superficie certificada en ecolóxico en 2020 foi de 35.055 hectáreas, o 4% da súa SAU, polo que para chegar ao 25% en ecolóxico para 2030 necesitaría chegar ás 200.000 hectáreas, nada menos que un 471% máis.
Medra a demanda de produtos ecolóxicos?
¿Está medrando o consumo de produtos ecolóxicos para acompañar este incremento que se prevé da superficie en ecolóxico? Os datos semellan indicar que si. Así, segundo a última memoria do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) a demanda está a medrar a un ritmo anual de dous díxitos, tanto para o mercado interno galego como, sobre todo, para o externo.
En concreto, no ano 2020 en Galicia, o número de vendas certificadas de agricultura ecolóxica aumentou un 14 % respecto do ano anterior, chegando aos 108 millóns de euros. En canto aos operadores, pechouse con 1.310 inscritos, un 10,83 % máis que o ano anterior.
Por producións, o ránking está encabezado polo leite, seguido da carne e dos ovos, unhas producións que na súa maior parte se destinan á venda fóra de Galicia.
Pero tamén destaca o incremento paulatino do consumo de alimentos ecolóxicos no mercado galego: o 38,4% da poboación galega xa consume alimentos ecolóxicos tódalas semanas, dos cales ata un 11,4% consúmeos a diario, segundo unha enquisa encargada polo CRAEGA.
Que axudas haberá para agricultores e gandeiros?
Por parte dos produtores en ecolóxico valórase moi positivamente a ambición ecolóxica da Unión Europea, pero piden que se acompañe de medidas concretas, e sobre todo de partidas orzamentarias na nova PAC.
“Que o 25% da agricultura sexa ecolóxica na UE para 2030 pódese lograr se a PAC proporciona a remuneración necesaria polos beneficios da conversión e o mantemento ecolóxicos a través de políticas de desenvolvemento rural existentes ou ferramentas innovadoras como os esquemas ecolóxicos. Incluír medidas ao lado da demanda, como esquemas de promoción e aumentar a participación de produtos ecolóxicos en escolas e hospitais a través da contratación pública ecolóxica”, defenden desde IOAM EU, unha organización europea que agrupa aos produtores en ecolóxico.
Francisco López, presidente do CRAEGA: “Chegar ao 25% vai ser moi difícil pero dobrar a superficie actual é factible”
No caso de Galicia, o presidente do CRAEGA, Francisco López Valladares recoñece que “vai ser moi difícil que Galicia chegue ao 25% da súa superficie agraria en ecolóxico para o 2030, pero conseguir duplicar o número de hectáreas que temos na actualidade si que é factible, para o que precisamos que dende a administración se habiliten axudas e se realicen cambios normativos que non penalicen nas axudas o pastoreo arbustivo ou baixo arborado, ou uns prezos xustos dos produtos que cubran os maiores costes que temos os que producimos en ecolóxico”.
¿Que axudas concretas existen para os produtores en ecolóxico en Galicia e fomentar a incorporación doutros novos que incrementen a superficie certificada? Segundo Joan Alibés, de Beealia, unha entidade que está a impartir -xunto ao CRAEGA e a Consellería do Medio Rural- o “Curso para a incorporación á gandería e agricultura ecolóxica”, as axudas á produción en ecolóxico, ademáis das agroambientais, volverán convocarse por parte da Xunta para o ano 2022, cos mesmos requisitos que nas últimas convocatorias dos anos 2015 e 2016. Para despois do vindeiro ano haberá que agardar ás axudas que se contemplen no novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2023 ou 2024, pendente de aprobarse, e que constitúe o segundo piar das axudas da PAC (o primeiro piar son os pagos directos a agricultores e gandeiros). “As axudas que vai convocar a Consellería de Medio Rural para 2022 supoñen unha oportunidade para todas as incorporacións dende o ano 2016 e para os produtores que están en conversión a ecolóxico dende 2016 ata o 31/12/2021, así como para calquera produtor que se queira pasar a ecolóxico”, salienta Joan Alibés.
Os requisitos xerais, segundo Beealia, para acceder ás axudas do vindeiro ano son:
– Que o produtor realice a solicitude de inscrición no CRAEGA e esta estea rexistrada antes do 31/12/2021
– Pagamento da taxa de apertura de expediente no CRAEGA antes do 31/12/2012 (posteriormente percibirá unha axuda da Xunta que cobre este custo da taxa).
-Non hai un requisito superficie minima (para as axudas agroambientais a explotación debe contar cun mínimo de 10 ha)
-En apicultura para certificar en ecolóxico débese contar cun mínimo de 80 colmeas.
-En gandería de vacún a carga gandeira debe estar entre un máximo de 2 UGM/ha e un mínimo de 0,7 UGM/ha
-O produtor debe contratar os servizos de aconsellamento a partires do 1/1/2022
-As axudas para produción ecoloxica son compatibles coas axudas a razas autóctonas en perigo de extinción (mínimo de 5 UGM)
Que contías van cobrar os produtores galegos en 2022 polas axudas a ecolóxico?
Partindo dos importes percibidos na convocatoria de 2015/2016 os importes previstos son os seguintes:
• Conversion a agricultura ecolóxica: 331 €/ha (Pasto Pastizal ou PS/ Terra arable ou TA) e 99 €/ha (Pasto Arbustivo PR/Pasto arbolado PA)
• Mantemento da agricultura ecolóxica 288 €/ha (PS/TA) e 86 €/ha (PR/PA)
• Mantemento razas autóctonas en perigo de extinción 175 €/UGM
• Apicultura conversión (35 €/colmea cun máximo de 80 colmeas por alvariza)
• Apicultura mantemento (30 €/colmea cun máximo de 80 colmeas por alvariza)
Diferenza de prezos en leite e carne entre ecolóxico e convencional:
A parte das maiores axudas, os produtores de carne e leite en ecolóxico perciben uns prezos maiores que as producións en convencional. Estas son os prezos estimativos neste momento, segundo a información facilitada por Beealia:
Vacún de leite:
-En España o diferencial é do 43% entre os 0,45 euros por litro do leite ecolóxico e os 0,332 do convencional
Vacún de carne:
• Prezo venda do xato convencional en Ternera Gallega: 4,60 €/kg canal
• Prezo venta do xato en Ternera Gallega en ecolóxico: 5 €/kg canal
• Custe do penso convencional: 370 €/Tn (graxa 7% – PB 15 %)
• Custe do penso ecolóxico: 470 €/Tn (graxa 2,3% – PB 11%)
Valoración Ovino/Cabrún:
• Prezo venta do cordeiro/cabrito convencional 60/70 €/cria
• Prezo venta do cordeiro/cabrito ecolóxico (sen diferenciación)
Esta información foi realizada en colaboración co proxecto FunCAP: www.funcapproject.eu
@EUAgri #IMCAP