O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), remitiu o pasado venres ás Comunidades Autónomas, como Autoridades Rexionais de Xestión, unha proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), que servirá de base para comezar o diálogo informal coa Comisión Europea.
“O documento, que foi debatido en reunións técnicas e nas sesións do órgano de coordinación do PEPAC celebradas os días 4 e 13 de marzo, elaborouse en base ás propostas remitidas polas Autoridades Rexionais de Xestión, así como ás contribucións realizadas polas organizacións profesionais agrarias e cooperativas agroalimentarias nestes últimos meses, e ten en conta a experiencia do primeiro ano de aplicación do plan. Para a súa elaboración considerouse ademais a necesidade de garantir a coherencia do Plan Estratéxico no seu conxunto e a capacidade de alcanzar os logros e obxectivos establecidos no mesmo”, aseguran desde o Ministerio que dirixe Luís Planas.
O documento recolle flexibilidades para agricultores e gandeiros, en particular no relativo á condicionalidade reforzada e aos ecorrexímes.
No relativo á condicionalidade reforzada, a proposta incorpora xa as flexibilidades que incluíu a pasada semana a Comisión Europea na súa proposta de modificación dos regulamentos de base da PAC. “Esta proposta supón un claro avance e responde a maioría das solicitudes realizadas por España nos últimos meses e no Consello de Ministros de Agricultura do pasado 26 de febreiro”, aseguran.
O Ministerio non contempla suprimir a BCAM 10
Así, e en uso da maior subsidiariedade que se outorga aos Estados membros, proponse flexibilizar os requisitos sobre Boas Condicións Agrarias e Ambientais (BCAM) que deben cumprir os agricultores e gandeiros para poder percibir integramente as axudas da PAC. En concreto, solicítase a flexibilidade nos relativos á xestión da labranza (BCAM 5), ás normas para manter unha cobertura mínima do chan (BCAM 6), á rotación de cultivos (BCAM 7) e proponse suprimir a obriga de ter que destinar unha parte da superficie explotación a superficies non produtivas (BCAM 8).
Porén, non se contempla por parte do Ministerio de Agricultura a supresión da BCAM 10, unha normativa para reducir a contaminación do solo por nitratos -cuxo orixe principalmente son as granxas de porcino- pero que repercutirá negativamente nas gandarías de vacún de leite, especialmente as de Galicia e da Cornixa Cantábrica, con medidas como a obrigatoriedade de realizar analíticas de chan a todas as leiras ou de implantar plans de abonado.
Por outra banda, desde o Ministerio de Agricultura proponse flexibilizar de forma significativa o deseño dos ecorreximes, axudas que remuneran a aqueles agricultores e gandeiros que leven a cabo prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente. “De entre estas flexibilidades, cabe destacar as propostas que se realizan para favorecer unha maior acollida das prácticas en superficies de pastos por parte dos gandeiros da Cornixa, e en particular nas prácticas de sega sustentable e illas de biodiversidade”, destacan desde o Ministerio.
Proponse flexibilidades importantes para as prácticas de cubertas vexetais e inertes en cultivos leñosos, en especial nas plantacións de secaño, nas que resulta máis difícil establecer estas cubertas. Permitirase establecer estas cubertas en rúas alternas, o pastoreo nas mesmas, e laboreo vertical en determinados períodos.
No documento trasladado polo ministerio contémplanse ademais numerosas propostas de modificación en relación coas intervencións de desenvolvemento rural que foron presentadas por parte das Autoridades Rexionais de Xestión, que abarcan desde a inclusión de novas intervencións, a cambios no deseño das mesmas ou nas asignacións financeiras.
O contido final e a aplicación do conxunto de propostas está condicionada por unha banda á aprobación da modificación do PEPAC por parte da Comisión Europea, e por outro á adopción por parte do Parlamento Europeo e do Consello do texto que foi adoptado no día de hoxe pola Comisión Europea.
O momento de aplicación de cada unha das flexibilidades dependerá dos textos finalmente aprobados, aínda que unha boa parte das novas propostas en materia de condicionalidad aplicaranse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, e por tanto, terán xa efecto para a solicitude única deste ano.